Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 9 de setembro de 2016 Páx. 39647

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 1 de setembro de 2016 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos préstamos en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas de Galicia, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

BDMS (Identif.): 316268

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Prestameiros

1. Poderán ser beneficiarias aquelas sociedades mercantís que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser unha peme ou microempresa segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño) da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE.

b) Realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Desenvolver ou ter previsto realizar no centro obxecto do proxecto algunha actividade empresarial financiable que non estea entre as actividades excluídas que se sinalan no artigo 1.2.a) e no anexo II das bases.

d) Achegar ao proxecto de investimento unha contribución financeira do 30 % do proxecto; un 25 % deberá estar exento de calquera tipo de apoio público, ademais da totalidade dos impostos indirectos que graven a adquisición dos bens, sexa mediante recursos propios sexa mediante financiamento externo.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas físicas e as sociedades civís ou comunidades de bens que cumpran os requisitos sinalados nos puntos anteriores. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe das axudas que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Financiar mediante préstamos proxectos empresariais de investimento para implantar na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

1. O proxecto deberá presentar un investimento financiable non inferior a 70.000 €.

2. Os proxectos financiables terán que acreditar a súa viabilidade técnica, económica, financeira e, de ser o caso, ambiental, e deberán consistir na creación dun novo establecemento, a ampliación dun establecemento existente, a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio esencial no proceso xeral de produción dun establecemento existente. Non serán financiables meras substitucións de bens, traslados de centros produtivos que non supoñan mellora na capacidade produtiva ou competitividade, gastos de amortización, saneamento de contas, financiamento ou refinanciamento de débedas nin pagamento de impostos.

3. Serán financiables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude, e dentro do prazo concedido para a execución do proxecto.

Non obstante, para os proxectos denegados por esgotamento do crédito orzamentario, ao abeiro do programa de préstamos Igape-Jeremie convocado por Resolución do 3 de xuño de 2014 e modificacións parciais (DOG núm. 108, do 9 de xuño), considerarase iniciado o período de execución na data de presentación da solicitude de préstamo Igape-Jeremie anteriormente denegada, sempre que reiteren a solicitude no prazo establecido nesta convocatoria e cumpran a totalidade dos requisitos establecidos nas presentes bases.

4. Actividades financiables: sen prexuízo da multisectorialidade e horizontalidade que as bases reguladoras no seu conxunto respectan, os proxectos financiables sobre a contía do investimento deberán, en todo caso, estar vinculados a algunha actividade económica que non estea entre as excluídas que se relacionan no anexo II nestas bases e/ou no art. 1 do Regulamento 1407/2013 de axudas de minimis, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 1 de setembro de 2016 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos préstamos do Igape en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas de Galicia, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1-741A-8310 e por un importe de 12.000.000 € con cargo ao exercicio 2016.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará no día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia; no caso de coincidir en día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día hábil seguinte e rematará no prazo dun mes, ou no momento de esgotamento do crédito orzamentario, o cal será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2016

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica