Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 9 de setembro de 2016 Páx. 39603

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 121/2016, do 25 de agosto, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de mellora da estrada PO-353, treito: Pancenteo-Marzán, pp.qq. 3+150 ao 5+360, de clave PO/14/076.02, no concello do Rosal.

Antecedentes:

O 29 de xuño de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 122) o Anuncio do 16 de xuño de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de mellora da estrada PO-353, treito: Pancenteo-Marzán, pp.qq. 3+150 ao 5+360, de clave PO/14/076.02, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Tras os certificados presentados, o 9 de agosto de 2016 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora da estrada PO-353, treito: Pancenteo-Marzán, pp.qq. 3+150 ao 5+360, de clave PO/14/076.02.

O mencionado proxecto de construción ten por obxecto a mellora da seguridade viaria e da accesibilidade de vehículos e viandantes, da estrada PO-353, no p.q. 3+150 (Pancenteo) - p.q. 5+360 (Marzán), mediante a mellora da sección da estrada, renovación e ampliación das beirarrúas, incorporación dunha senda peonil, substitución da drenaxe lonxitudinal, ampliación das drenaxes transversais, reforzo de firme e renovación da sinalización, balizamento e defensas, o que xustifica a urxencia da ocupación.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de agosto de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de mellora da estrada PO-353, treito: Pancenteo-Marzán, pp.qq. 3+150 ao 5+360, de clave PO/14/076.02.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de agosto de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda