Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 9 de setembro de 2016 Páx. 39599

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 31 de agosto de 2016 pola que se modifica un dos ficheiros creados na Orde do 1 de decembro de 2010 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes nesta consellería.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE núm. 298, do 14 de decembro), regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos que os fagan susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas e, especialmente, a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da devandita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, e no seu punto segundo establécense as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

Para dar cumprimento a este precepto publicouse a Orde do 1 de decembro de 2010 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A evolución da actividade administrativa supuxo a modificación do ficheiro que se detalla no anexo da presente orde, o que obriga, conforme a citada Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, á modificación da Orde do 1 de decembro de 2010. O ficheiro cuxa modificación se efectúa mediante a presente orde xa foi obxecto de modificación por medio da Orde do 7 de xaneiro de 2011 pola que se modifica a Orde do 1 de decembro de 2010 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Mediante a presente orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza modifícase o ficheiro de carácter persoal denominado Imelga, segundo se especifica no anexo.

Artigo 2. Contido

A información exixida para as disposicións de modificación de ficheiros no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e mais no artigo 54 do seu regulamento asociado, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, está contida no anexo desta orde.

Artigo 3. Finalidade e uso do ficheiro

Os datos de carácter persoal incluídos no ficheiro da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza modificado por esta resolución só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo, e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4. Cesión de datos

Os datos só poderán ser cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e nos detallados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas, haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5. Órgano responsable do ficheiro

A responsabilidade sobre o ficheiro modificado por esta orde correspóndelle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. No anexo detállase a unidade ante a que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan no ficheiro.

Artigo 6. Nivel de protección e medidas de seguridade

O ficheiro modificado por esta orde atópase clasificado atendendo ao disposto nos artigos 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) do dito ficheiro.

A persoa titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación dun ficheiro responsabilidade da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Denominación do ficheiro

Imelga

Descrición da súa finalidade e usos previstos

Xestión da información do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga)

Colectivos sobre os que se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos

Cidadanía involucrada en procedementos xudiciais que precisan a asistencia dunha proba pericial médico-forense

Persoal sanitario involucrado no tratamento dos/as pacientes (persoal do Imelga, de centros médicos públicos e privados)

Particulares e entidades aseguradoras e cidadanía que soliciten proba pericial médico- forense

Procedemento de recollida de datos

Formularios en papel e electrónicos

Procedencia dos datos

A propia persoa interesada ou quen exerza a súa representación legal

Outras persoas físicas (profesionais da medicina, representantes procesuais da persoa interesada)

Entidades privadas (centros médicos, mutuas...)

Administracións públicas (órganos da Administración de xustiza, forzas e corpos de seguridade do Estado, rede sanitaria pública, Universidade de Santiago de Compostela)

Estrutura básica do ficheiro

Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos)

Datos de carácter identificativo: NIF/DNI, nome e apelidos, enderezo, teléfono, marcas físicas, número da Seguridade Social/mutualidade, imaxe/voz

Datos de carácter persoal: datos de familia, data de nacemento, idade, sexo, características físicas ou antropométricas

Datos académicos e profesionais: formación, titulación

Datos relativos á comisión de infraccións: infraccións penais, infraccións administrativas

Datos de circunstancias sociais: afeccións e estilo de vida

Datos especialmente protexidos: saúde, vida sexual, violencia de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou crenzas

Detalles do emprego

Datos económicos, financeiros e de seguros

Sistema de tratamento

Mixto

Comunicacións ou cesións de datos

Consellerías e entidades instrumentais da Xunta de Galicia

Ministerios e organismos públicos vinculados á Administración xeral do Estado

Consellerías e organismos públicos vinculados a outras comunidades autónomas

Órganos xudiciais

Aseguradoras

Transferencias internacionais de datos a terceiros países

Xulgados e forensías doutros países, a través das comisións rogatorias

Órgano responsable do ficheiro

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza/ Secretaría Xeral Técnica

Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza/ Secretaría Xeral Técnica

Edificio Administrativo de San Caetano

San Caetano, s/n,

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

Nivel do ficheiro

Alto