Expediente: IN407A 2016/330-1.
Promotora: Unión Fenosa Distribución, S.A.
Denominación da instalación: cambio de sección LMTS EIR-707.
Concello: A Coruña.
Feitos:
1. O 6 de abril de 2016 o promotor solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica indicada.
2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a súa inserción no DOG núm. 104, do 2 de xuño de 2016 e no BOP núm. 95, do 20 de maio de 2016.
3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.
4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a dita solicitude.
Consideracións legais e técnicas:
1. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
2. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
3. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
4. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
5. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
6. As características técnicas da instalación son as seguintes:
– Cambio de condutor da liña de media tensión soterrada (actuación nº 1), a 15 kV, con orixe en cela de liña existente no CT Pablo Iglesias (expediente 52.449), en condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, nunha lonxitude de 521 metros e final en empalmes proxectados na LMTS EIR-707, no tramo entre o CT avenida dos Caídos, nº 78 (expediente 27/94) e o CT San Diego, nº 17 (expediente 384/04), despois de realizar entrada e saída no CT avenida dos Caídos, nº 78 (expediente 27/94).
– Cambio de condutor da liña de media tensión soterrada (actuación nº 2), a 15 kV, con orixe en empalmes proxectados na LMTS EIR-707, no tramo entre o CT San Diego, nº 17 (expediente 384/04) e o CT Río Monelos (expediente 52.471), en condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, nunha lonxitude de 333 metros e final en cela de liña existente no CT Río Monelos (expediente 52.471).
– Cambio de condutor de liña de media tensión soterrada (actuación nº 3), a 15 kV, con orixe en cela de liña existente no CT General Sanjurjo (expediente 51.196), en condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, nunha lonxitude de 257 metros e final en cela de liña existente no CT travesía Primavera (expediente 26.821).
O orzamento da instalación, segundo o proxecto, é de 212.640,73 €.
7. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á instalación de distribución eléctrica indicada.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar perante esta xefatura territorial unha solicitude á cal se lle xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas, na montaxe da instalación e posta a punto.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, nos termos establecidos nos artigos 107, 100, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1000, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.
A Coruña, 3 de agosto de 2016
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña