Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 22 de agosto de 2016 Páx. 37257

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2016, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convoca un curso de formación de formadores en acuicultura.

De conformidade co exposto no artigo 31 do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira na Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro habilitará, para impartir os cursos de formación para acuicultoras/es, o profesorado que superen os cursos específicos que se convoquen para o efecto.

Dada a demanda existente no sector acuícola de participación en cursos de formación, especialmente aqueles orientados á mellora de técnicas, habilidades e recursos para exercer con criterio responsable a actividade profesional da acuicultura, resulta necesario habilitar profesorado para impartir estes cursos.

Visto que este tipo de formación require para a súa impartición dispoñer das especialidades que demanden os seus contidos, e que serían fundamentalmente para cubrir as áreas relacionadas coa acuicultura e a formación pedagóxica.

Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

Convocar un curso de formación de formadores que capacite para a impartición dos cursos de formación en acuicultura, que se inscribirán nun rexistro que dependerá da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e será responsable do seu mantemento o servizo con atribucións en ensinanzas marítimo-pesqueiras.

Este curso poderá ser financiado nun 75 % polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), no marco do Programa operativo para España do FEMP 2014-2020, na medida 2.5.1, conforme o artigo 50 do Regulamento (UE) 508/2014.

Segundo. Destinatarios/as

Poderán participar no curso as persoas en posesión das titulacións académicas de licenciatura ou grao de bioloxía, ciencias do mar, veterinaria ou enxeñaría de montes e titulados de ciclo formativo superior en acuicultura, en situación laboral de desemprego ou en activo que non presten servizos nas administracións públicas e noutras entidades oficiais.

Terceiro. Organización

1. O número de prazas máximo admisible será de 20 persoas, das cales un mínimo de 5 estarán reservadas ás titulacións de técnico superior en Produción Acuícola ou técnico superior en Acuicultura.

2. A duración do curso será de 100 horas lectivas, distribuídas en dous módulos:

2.1. Módulo xeral de formación destinado a adquirir competencias pedagóxicas e didácticas necesarias para formación no ámbito empresarial e na formación non regrada.

2.2. Módulo específico de acuicultura e do deseño, planificación e xestión de accións formativas en acuicultura.

3. O curso terá lugar no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), na Illa de Arousa.

4. As datas previstas de realización están comprendidas entre o 1 de novembro e o 15 de decembro de 2016.

5. Terá lugar en sesións de mañá e tarde.

A asistencia ás sesións do curso será en todo caso obrigatoria. As faltas de asistencia non poderán superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas e sempre terá que acreditarse unha causa xustificada. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación do curso e a ser inscritas no rexistro de formador/a de formadores/as.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro poderá modificar o desenvolvemento e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

Cuarto. Selección de aspirantes

Á vista do currículo presentado por cada aspirante, o Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras realizará unha preselección deles. O baremo que se empregará basearase nos seguintes criterios:

1. Titulacións académicas diferentes a aquela pola cal se accede á convocatoria: 20 puntos:

1.1. Titulación universitaria de grao superior ou equivalente: 20 puntos.

1.2. Titulación universitaria de grao medio ou equivalente: 10 puntos.

2. Situación laboral, ata un máximo de 15 puntos:

2.1. Desempregado: 0,25 puntos por cada mes en situación de desemprego nos últimos cinco anos anteriores á convocatoria.

3. Experiencia profesional en actividades de acuicultura, ata un máximo de 25 puntos:

3.1. Por cada mes en activo: 1 punto.

4. Experiencia docente en formación de adultos, ata un máximo de 10 puntos:

4.1. En organismos oficiais.

4.1.1. Por cada curso impartido de 100 ou máis horas: 1 punto.

4.1.2. Por cada curso ou charlas de duración inferior a 100 horas: 0,02 puntos.

4.2. En entidades privadas de formación.

4.2.1. Por cada curso impartido de 100 ou máis horas: 0,5 puntos.

4.2.2. Por cada curso ou charla de duración inferior a 100 horas: 0,01 puntos.

5. Grao de coñecemento do idioma galego, ata un máximo de 2,5 puntos (só se valorará o nivel máximo acadado):

5.1. Celga III: 1,25 puntos.

5.2. Celga IV: 2,5 puntos.

6. Cursos de formación complementaria, relevantes para o exercicio da actividade de formación acuícola, ata un máximo de 7,5 puntos:

6.1. Metodoloxía didáctica, de duración igual ou superior a 100 horas: 0,5 puntos.

6.2. Formación de formadores/as, de duración igual ou superior a 100 horas: 0,5 puntos.

6.3. Cursos de adaptación pedagóxica de duración igual ou superior a 100 horas: 0,5 puntos.

6.4. Outros cursos de acuicultura de duración igual ou superior a 100 horas: 0.5 puntos.

Aplicado o citado baremo, a lista provisional de aspirantes farase pública no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e das xefaturas territoriais da Consellería do Mar e na web da Consellería do Mar. Contra a citada lista as persoas interesadas poderán interpoñer reclamacións no prazo de 10 días naturais ante a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Transcorrido ese prazo e examinadas as reclamacións, se as houbese, elaborarase a lista definitiva, que será exposta nos lugares sinalados no punto anterior. As persoas que estean nos vinte primeiros postos da lista definitiva serán as admitidas para realizar o curso e as seguintes persoas constituirán unha lista de reserva por orde de puntuación por se hai algunha vacante antes de cumprirse o 10 % do curso.

Cando unha persoa das seleccionadas para realizar o curso non poida asistir, deberá comunicalo por escrito á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro co fin de poder cubrir as vacantes do curso.

Quinto. Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Xuntaráselle á solicitude a seguinte documentación:

– Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

– Copia da titulación académica diferente a aquela pola cal se accede á convocatoria, se é o caso (punto cuarto 1), só no caso de non autorizar a súa consulta.

– Acreditación da situación de desemprego nos anos anteriores á convocatoria, se é o caso. Só terá que presentarse se non autoriza expresamente a súa verificación (punto cuarto 2).

– Acreditación da experiencia profesional en acuicultura, se é o caso (punto cuarto 3).

– Acreditación da experiencia docente en formación de adultos, se é o caso (punto cuarto 4).

– Acreditación do grao de coñecemento do idioma galego, se é o caso (punto cuarto 5), só no caso de non autorizar a súa consulta.

– Copia dos cursos de formación complementaria relevantes para o exercicio da actividade de formación acuícola, se é o caso (punto cuarto 6).

Os datos que non se acrediten debidamente non se valorarán no proceso de selección. Para acreditar a situación laboral será necesaria a presentación dun certificado oficial da vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de instancias será de vinte (20) días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.

Sexto. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

A persoa solicitante deberá sinalar na solicitude se autoriza a Consellería do Mar para consultar os seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. No caso de sinalar que non autoriza deberá achegar a documentación correspondente.

A persoa solicitante deberá sinalar na solicitude se autoriza a Consellería do Mar para consultar os seus datos relativos á situación de desemprego que constan en poder da Xunta de Galicia, de conformidade co artigo 6.2.b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. No caso de sinalar que non autoriza, deberá achegar a documentación correspondente.

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais das persoas solicitantes quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia co obxecto de xestionar o presente procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a sxt.mar@xunta.gal

Sétimo. Certificados de aptitude

Ao remate do curso expedirase un certificado de aptitude a aqueles/as participantes que superasen con aproveitamento o curso de acordo coa avaliación do equipo de profesores. O dito certificado terá validez ante a Consellería do Mar como documento acreditativo da habilitación a que se refire o artigo 32 do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2016

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

missing image file
missing image file