Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 11 de agosto de 2016 Páx. 35861

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

EXTRACTO da Orde do 29 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan as especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 314425.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Toda persoa que exerza a actividade agraria e estea inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) como titular dunha explotación.

Toda persoa que exerza a actividade gandeira e estea inscrita no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, das especies de gando bovino, ovino, caprino, porcino da raza celta, equino, asnal, mular e apícola.

Segundo. Obxecto

Reducir os ataques das especies de fauna silvestre (xabaril, lobo, oso e outras especies), ás explotacións agrícolas e/ou gandeiras, mediante a aplicación de medidas de protección.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 29 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan as especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Contía

Importe total da convocatoria: 400.000 euros. Destínase un importe de 150.000 euros para as medidas de prevención de danos á gandaría e de 250.000 euros para as medidas de prevención de danos á agricultura. Subvencionarase a adquisición de:

– Cans mastíns, ata un importe máximo de 500 euros por can mastín.

– Adquisición de pastores eléctricos. A contía máxima da axuda por explotación é de 600 euros.

– Adquisición de cerrumes de malla electrificada. A contía máxima da axuda será de 200 euros por malla de 50 metros, ata un máximo de catro mallas por explotación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado a partir da data de entrada en vigor da orde.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio