Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 10 de agosto de 2016 Páx. 35557

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 9 de agosto de 2016 pola que se amplía o crédito existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 14 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico extraordinario de investimentos destinado á mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia.

Mediante a Orde do 14 de xuño de 2016 reguláronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico extraordinario de investimentos destinado á mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia (DOG núm. 120, do 27 de xuño).

Na antedita orde prevese que as subvencións reguladas ao abeiro desta se farán efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.760.0 (código de proxecto 2016 00376), ata un importe máximo de dous millóns de euros (2.000.000 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

No seu artigo 3 prevese a posibilidade de proceder á ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, caso en que, o órgano concedente procederá a publicala nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Tendo en conta o volume de solicitudes recibidas e tratando de dar resposta á ampla demanda de axuda, semella oportuno incrementar o importe aprobado para as axudas establecidas nestas bases.

De acordo co exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación de crédito

Amplíase a dotación orzamentaria destinada a financiar a liña das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico extraordinario de investimentos destinado á mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia, por un importe de 455.000,69 €, con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.760.0.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza