Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 10 de agosto de 2016 Páx. 35559

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 102/2016, do 4 de agosto, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do ensanche e mellora da estrada de Ordes a Cerceda entre os puntos quilométricos 0+000 e 7+000, no concello de Ordes (clave AC/15/116.10).

Antecedentes:

O 8 de xuño de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 108) o Decreto 62/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade de varios treitos de estradas autonómicas e locais entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ordes.

Posteriormente, o 17 de xuño de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 115) o Anuncio de 9 de xuño de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do ensanche e mellora da estrada de Ordes a Cerceda entre os pp.qq. 0+000 e 7+000, de clave AC/15/116.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Finalmente, e tras a análise das alegacións e informes presentados, o 29 de xullo de 2016 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do ensanche e mellora da estrada de Ordes a Cerceda entre os pp.qq. 0+000 e 7+000, de clave AC/15/116.10.

O mencionado proxecto de construción ten por obxecto a mellora e acondicionamento da estrada que comunica o municipio de Ordes co municipio de Cerceda, ao tratarse dunha vía moi transitada por camións, porque alí se atopa a intersección que conduce a Sogama (Sociedade Galega do Medio Ambiente).

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada porque ata a data actual ten un deseño inadecuado para atender o tráfico pesado xerado por Sogama, e necesita aumentar a súa capacidade e a seguridade viaria, mediante o incremento da súa sección e a mellora da sinalización, drenaxe, balizamento e interseccións.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de agosto de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do ensanche e mellora da estrada de Ordes a Cerceda entre os pp.qq. 0+000 e 7+000, de clave AC/15/116.10.

Santiago de Compostela, catro de agosto de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda