Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 10 de agosto de 2016 Páx. 35713

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de inclusión do Pazo de Raña, no lugar da Rañoá da parroquia de Vilar, no termo municipal de Sarria (Lugo), no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1º.28 da Constitución e a teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 22 da dita Lei 8/1995, do 30 de outubro, indícase que formarán parte do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia os bens que merezan ser conservados e o artigo 54 indica que o seu réxime de protección estará baseado en evitar a súa desaparición.

Así mesmo, de forma adicional, o artigo 64 define como patrimonio etnográfico os lugares e os bens mobles e inmobles, así como as actividades e os coñecementos que constitúen formas relevantes ou expresión da cultura e modos de vida tradicionais e propios do pobo galego nos seus aspectos materiais e inmateriais.

O día 1 de decembro de 2015 ten entrada na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural unha solicitude en relación coa protección do que denomina Pazo de Raña, na Rañóa, na parroquia de Vilar, no termo municipal de Sarria (Lugo). Esta solicitude reitera unha anterior de novembro de 2008 e remítese ao seu contido documental.

O día 1 de abril de 2016, o Servizo de Patrimonio da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dá traslado dun informe favorable sobre a súa inclusión no Inventario xeral de patrimonio cultural de Galicia.

En aplicación do que establece o artigo 14 do Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, solicitouse informe sobre a inclusión á Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo que, reunida o 29 de abril de 2016, acordou por unanimidade emitir informe favorable sobre a mencionada inclusión, por ser o citado inmoble testemuño tanxible da importancia que tiveron os pazos entre os séculos XVIII e XIX, ao conformar unha unidade de xestión local, e polos seus valores arquitectónicos, etnográficos e históricos e merecedor de conservación.

Á vista do exposto, logo dos informes técnicos citados, en exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e en virtude do disposto no artigo 23 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, e no artigo 10 do Decreto 232/2008, do 2 de outubro,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento de inclusión no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, na sección de bens inmobles e coa categoría de ben inventariado, do Pazo de Raña, no lugar da Rañoá da parroquia de Vilar, no termo municipal de Sarria (Lugo), consonte a descrición que figura no anexo I e a delimitación e contorno de protección recollidos nos anexos II e III.

Segundo. Abrir un período de información pública durante o prazo de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas.

O expediente poderá examinarse na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º andar, de Santiago de Compostela).

Terceiro. Ordenar a anotación preventiva do ben no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

Cuarto. Acordar a aplicación provisional, ata a resolución do procedemento, do réxime de protección que establece o artigo 54 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens inventariados, polo que calquera intervención que lle afecte, sobre os seus elementos constitutivos ou no ámbito do contorno definido nesta resolución, requirirá a autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2016

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición

O Pazo de Raña responde á tipoloxía dunha casa grande dunha rica rexión agrícola, coas invariantes típicas da arquitectura nobre. O conxunto desenvólvese segundo o modelo tradicional para a explotación e control do territorio, illada nunha grande extensión de parcelas agrícolas máis preto do núcleo da Rañoá, no cal tamén se conservan boas mostras da arquitectura rural tradicional.

O conxunto de edificacións concéntrase na parte sur dunha gran parcela murada de 1,5 ha. A edificación principal está destinada á vivenda e desenvólvese en planta baixa e alta, con planta en forma de L cunha superficie superior aos 530 m². Xunto coa capela e alpendre configuran unha planta en U cun patio central practicamente pechado que sirve de acceso principal ao conxunto. Neste patio prodúcese o acceso principal da vivenda, por unha escaleira de cantaría que ascende ao corredor aberto en planta alta, de 18 metros de largo, e que dá acceso ás estancias máis antigas do pazo. Neste corredor destaca o sistema porticado con columnas clásicas características dunha arquitectura culta.

O sistema construtivo das edificacións é o tradicional de muros de carga de pedra con predominio do macizo sobre os ocos. Destaca a moi boa calidade da fábrica, con cantaría de bo traballo e muros de cachotaría de grandes dimensións coa combinación de cantaría nos seus ocos e esquinas. Os muros de cachotaría nas zonas de vivenda están acabados con morteiros pintados na súa cara exterior en cor branca, nos cales destacan detalles ornamentais en zócolos e cornixas en cores ocres por medio de esgrafiados dos propios morteiros.

Na actualidade dispón de carpintarías exteriores de madeira pintada en cor verde, as fiestras orixinalmente colocadas a faces exteriores mentres que as portas cara ao interior, ben que existen algúns elementos que non responden a este esquema tradicional.

A estrutura horizontal e de cuberta é de madeira, agás na zona da lareira principal, na cal se pode destacar unha bóveda de pedra cuberta cunha estrutura de madeira rematada con lousa irregular. Sobre esta lareira, que se conserva e que é un dos elementos de máis interese da súa distribución interior, levántase a gran cheminea, apoiada sobre 4 columnas de cantaría e con escalas interiores. Desde o exterior destaca a súa volumetría respecto dos restantes volumes da vivenda, claro símbolo da prosperidade económica da casa. Está executada elegantemente con cachotaría de pedra e cantaría traballada nas esquinas e remata no alto cunha pequena cornixa e peitoril con pezas decorativas en granito en cada esquina.

A planta baixa da edificación principal destínase aos labores agrícolas e gandeiros, mentres que a planta alta se destina a vivenda. No seu día, contou con 22 estancias e 3 cociñas; hoxe conta con 10 estancias e 2 cociñas. A cociña principal, que é a máis antiga, ademais de conservar a xa descrita lareira, posúe vertedoiro de cantaría e lacena encaixada nos propios muros.

A construción do conxunto executouse en diferentes fases. A parte máis antiga da casa (a zona do corredor exterior e planta baixa abovedada) e o forno son aproximadamente de 1650. Unha segunda fase de construción da vivenda é de 1788 (inscrición nun lintel dunha das portas) e a capela de 1782 (inscrición no paramento de entrada). A terceira fase de construción realizouse en 1848. Descoñécense os autores das diferentes fases de actuacións mais o fundador da capela da Concepción foi o Rvdmo. Sr. Bartolomé Vázquez, Señor do Coto da Raña e abade de Pinol (Sober). Cómpre, polo tanto, destacar a súa antigüidade e o importancia histórica e etnográfica que supón o mantemento do seu uso por máis de tres séculos.

O predio do pazo ten unha superficie aproximada de 15.000 m² e está pechada na súa totalidade con muros de cachotaría altos, que por tramos superan os 3 metros e dispón de 3 accesos diferentes (hoxe con portas de chapa). O conxunto do pazo posúe pombal, aínda que non está na propia parcela actual do pazo, senón nunha lindeira de 10.000 m²; capela da Concepción de 1782 que, segundo a propiedade, sufriu numerosos roubos e que posúe retablo policromado; alpendre en continuación coa capela e executado con apoios de cantaría, muro de cachotaría e cuberta con estrutura de madeira rematada con lousa irregular; pozo circular soterrado, illado respecto do pazo, ao cal se accede a través dunha escaleira de cantaría; muíño, do cal hoxe só se conservan as pedras que machucaban o gran. Tamén pode destacarse a presenza significativa dunha pía de pedra que, polas súas dimensións, podería asimilarse a un sartego.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

O Pazo de Raña, como ben inmoble inventariado, corresponde coa totalidade da parcela murada que inclúe as edificacións descritas e que pode identificarse pola súa referencia catastral 27057A017000360000JH. Tamén ten a consideración de ben inmoble inventariado o pombal do pazo, localizado fóra desta parcela mais incluído no mesmo contorno definido para a súa protección.

Para a delimitación do contorno de protección empréganse como referencias as pegadas físicas existentes no territorio próximo (límites de parcelas, camiños, muros, cómaros,...) e a distancia de cen metros establecida como delimitación xenérica para os bens arquitectónicos no Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

Estímase coa base do anterior que tamén debe ser incluída neste contorno a totalidade do núcleo rural da Rañoá, pola súa inmediata relación visual e polas relacións de carácter histórico e etnográfico entre deles, co obxecto de manter as condicións de integración do ben inventariado no seu ámbito cunhas características compatibles cos seus valores culturais.

O contorno de protección correspondería coas parcelas ao seu redor adaptado á forma e elementos funcionais e característicos do territorio, e que teñen as seguintes referencias catastrais: 27057A01700024, 27057A01700025, 27057A01700027, 27057A01700030, 27057A01700031, 27057A01700032, 27057A01700033, 27057A01700034, 27057A01700037, 27057A01700038, 27057A01700039, 27057A01700040, 27057A01700068, 27057A01700069, 27057A01700071, 27057A01700072, 27057A01700074, 27057A01700075, 27057A01700076, 27057A01700077, 27057A01700079, 27057A01700080, 27057A01700082, 27057A01700083, 27057A01700084, 27057A01700085, 27057A01700086, 27057A01700087, 27057A01700088, 27057A01700090, 27057A01700092, 27057A01700093, 27057A01700095, 27057A01700096, 27057A01700086, 27057A01701641, 27057A01701713, 27057A01701727, 27057A01701728, 27057A01601529, 27057A01601531, 27057A01601532, 27057A01601533, 27057A01601534, 27057A01601535, 27057A01601536, 27057A01601537, 27057A01601538, 27057A01601539, 27057A01601540, 27057A01601541, 27057A01601581, 27057A01601629, 27057A01602000.

Deste xeito, o contorno queda delimitado polos seguintes puntos:

Punto 1 comezando polo extremo setentrional da parcela 1529 xunto á estrada A Rañoá, pasando polos lindeiros norte das parcelas 1529, 1532 e 1531 ata o punto 2 coincidente co extremo máis oriental da parcela 1531. Desde o punto 2 continúa polos lindeiros leste das parcelas 1531 e 1532 ata o camiño no que se identifica o punto 3. Bordea a parcela 1541 primeiro polo seu lateral leste ata o punto 4 e logo polo lateral sur de cara á estrada da Rañoá (punto 5). Continúa pola estrada de cara ao sur bordeando polo leste a parcela 95 ata o seu extremo sur (punto 6). Neste punto pasa polo lindeiro sur das parcelas 95 e 96 ata o camiño do Regueiro (punto 7), bordeando o lindeiro sur da parcela 93 ata o punto 8 e a partir de aquí polos lindeiros suroeste das parcelas 93, 80, 79 e 76 ata o camiño do Candaval (punto 9). Seguindo por este camiño de cara ao norte, bordeando polo extremo oeste as parcelas 40, 75, 71 e 69 (punto 10), o contorno de protección segue o lindeiro oeste e norte da parcela 32 e lindeiros norte das parcelas 31, 30 e 24 ata a estrada da Rañóa (punto 11) para pechar o contorno contactando de novo co punto 1.

ANEXO III

Plano coa delimitación e contorno de protección

missing image file

missing image file

ANEXO IV

Fotografías

1. Edificación principal

missing image file

missing image file

2. Muro de peche

missing image file

missing image file

3. A parcela de cara ao norte

missing image file

missing image file

4. Capela da Concepción (1782) e posible sartego

missing image file

missing image file

5. Pombal e alpendre

missing image file

missing image file