Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 9 de agosto de 2016 Páx. 35436

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de xullo de 2016 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Venancio Salcines.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Venancio Salcines, con domicilio na rúa Salvador de Madariaga, número 50, no Seixal, Oleiros (A Coruña).

Feitos:

1. O 10 de maio de 2016 a Fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Venancio Salcines foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 19 de febreiro de 2016, ante o notario Víctor José Peón Rama, co número de protocolo 328, por José Venancio Salcines Cristal, que actúa no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– Impulsar a formación económico-financeira e empresarial a través do desenvolvemento de programas de formación e creación de bolsas de estudo;

– Promover a impartición de estudos superiores e formación de posgrao;

– Desenvolver iniciativas de desenvolvemento social e asistencia social entre os colectivos máis desfavorecidos.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por José Venancio Salcines Cristal como presidente; Esther Alicia Barros Campello como vicepresidenta; Sara Bello Salcines como secretaria; e Patricia Muíño Parente, Aurora Cristal Reborido e Aurora Salcines Cristal como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Venancio Salcines, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 11 de xullo de 2016.

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Venancio Salcines, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá interporse previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza