Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 8 de agosto de 2016 Páx. 35175

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2016, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, pola que se dá publicidade a unha encomenda de xestión de carácter técnico ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, para a realización das actuacións de carácter técnico que se susciten no expediente de contratación relativo á realización do proxecto básico e de execución da reforma e rehabilitación funcional do edificio administrativo sito na rúa Benito Corbal, número 47 (Pontevedra).

De conformidade cos artigos 8.4 e 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para a realización das actuacións de carácter técnico que se susciten no expediente de contratación relativo á realización do proxecto básico e de execución da reforma e rehabilitación funcional do edificio administrativo sito na rúa Benito Corbal número 47 (Pontevedra), que ten as seguintes características:

– Actividade a que se refire: o Instituto Galego da Vivenda e Solo realizará o traballo consistente na elaboración do prego de prescricións técnicas, a fixación dos criterios que se utilizarán para a valoración dos documentos técnicos, a dirección da execución, recibir o proxecto básico e de execución de reforma e rehabilitación funcional do edificio administrativo, a supervisión e implantación do proxecto básico e de execución.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao realizarse entre órganos (Consellería de Infraestruturas e Vivenda e Instituto Galego da Vivenda e Solo) dotados de personalidade xurídica propia e ser o Instituto Galego da Vivenda e Solo medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dependentes dela.

– Prazo de vixencia: desde a súa sinatura, que tivo lugar o 29 de xuño de 2016, ata a extinción do contrato.

– Supostos en que procede a finalización anticipada da encomenda: incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou mutuo acordo.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2016

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda