Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 5 de agosto de 2016 Páx. 34886

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 28 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de compensación en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 313907.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas todos os produtores de vexetais cuxas producións fosen afectadas polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude dunha declaración de presenza de praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dos organismos de corentena dos determinados na correspondente convocatoria, sempre que teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria, segundo o establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2014-2020 e no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.

2. No caso de produtores de plantas de viveiro, estes deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais e non será posible o outorgamento de axuda se no momento da inspección inicial o viveiro non cumprise este trámite.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto:

a) Establecer, no marco dos programas de control e loita contra pragas de corentena, as bases reguladoras das axudas de compensación aos produtores agrarios polas medidas fitosanitarias adoptadas sobre os vexetais afectados polos organismos de corentena.

b) Convocar as axudas de compensación para o ano 2016.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 28 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de compensación en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de 100.000 euros. Este importe poderase incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes computarase desde o día seguinte á publicación desta orde e finalizará o 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias