Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 4 de agosto de 2016 Páx. 34674

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 18 de xullo de 2016, de notificación colectiva, polo que se emprazan os interesados para seren notificados por comparecencia dos importes de canon da auga e coeficiente de vertedura declarados como non pagos polas entidades subministradoras de auga.

No 15 de xullo de 2016 o director de Augas de Galicia ditou a seguinte resolución:

«Primeiro. Aprobar o padrón cobratorio que contén a relación de debedores e os importes de canon da auga e coeficiente de vertedura declarados como non pagos nas autoliquidacións correspondentes aos anos 2012, 2013 e 2014, así como en autoliquidacións do ano 2015 correspondentes a consumos dos anos 2012 e 2013, polas respectivas entidades subministradoras de auga relativos aos usos asimilados a domésticos, non domésticos e específicos da auga.

Segundo. Expoñer ao público, para a súa notificación colectiva, na Área de Réxime Económico-Financeiro de Augas de Galicia, con enderezo na praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, en Santiago de Compostela, o referido padrón polo prazo dun mes a partir do día seguinte á inserción do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia, e os debedores ou os seus representantes deberán comparecer no dito prazo no citado enderezo das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres.

Transcorrido o mencionado prazo sen efectuarse a comparecencia, a notificación entenderase producida desde o día seguinte ao do vencemento do prazo sinalado para comparecer.

Advertencias:

Recursos:

Contra as liquidacións que figuran no indicado padrón de debedores os interesados poderán interpoñer, alternativamente, recurso de reposición ante o director de Augas de Galicia ou ben reclamación económico-administrativa ante a Xunta Superior de Facenda (Consellería de Facenda), no prazo dun mes a partir do día seguinte a aquel en que se notifiquen por comparecencia as liquidacións ou, se for o caso, desde que se entende notificada por falta de comparecencia.

En calquera dos casos anteriores o escrito de interposición dirixirase ao director de Augas de Galicia.

Lugar e prazo de pagamento:

O pagamento das liquidacións deberá realizarse en calquera das oficinas de Abanca nos prazos seguintes en función da data en que se notifique por comparecencia ou, se for o caso, se entenda notificada a liquidación por non comparecencia:

– Polas liquidacións notificadas ou que se entendan notificadas entre os días 1 e 15 de cada mes, ata o día 20 do mes seguinte.

– Polas liquidacións notificadas ou que se entendan notificadas entre os días 16 e último de cada mes, ata o día 5 do segundo mes posterior.

No caso de que o último día de pagamento non sexa hábil, estenderase o prazo de pagamento ata o inmediato hábil seguinte.

Unha vez transcorridos os devanditos prazos, procederase á recadación en vía executiva.

Forma de pagamento:

Aqueles contribuíntes que comparezan dentro do prazo sinalado poderán efectuar o pagamento mediante a carta de pagamento que se lles entregará no momento de compareceren.

Aqueles contribuíntes que non comparezan dentro do prazo sinalado poderán efectuar o pagamento mediante a carta de pagamento que recibirán no seu domicilio. No caso de que non reciban a carta de pagamento no seu domicilio ou a extravíen, poderán dirixirse a Augas de Galicia para solicitaren a carta de pagamento para poder efectuar o seu pagamento».

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2016

Roberto Rodríguez Martínez
Director de Augas de Galicia