Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 2 de agosto de 2016 Páx. 34098

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 1 de agosto de 2016 pola que se establecen as condicións para a repartición do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para o ano 2016.

O impulso de medidas incentivadoras da xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos dos municipios galegos é un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia, que ten como finalidade contribuír a que os concellos poidan continuar prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as condicións de vida que satisfagan as súas necesidades á vez que se reducen os custos que a prestación destes servizos traslada á carga impositiva que soporta a veciñanza. Como unha das medidas máis eficaces para acadar estes obxectivos, a Xunta de Galicia pretende promover e apoiar os proxectos de fusión municipal que inicien os concellos da nosa Comunidade Autónoma.

Nesta liña, a Lei 12/2015, do 24 de decembro, pola que se aproban os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016 (DOG núm. 249, do 31 de decembro), establece como criterio determinante na repartición do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local para o ano 2016 a participación en procesos de fusión ou de incorporación voluntaria a outros concellos, nas condicións que estableza a consellería competente en materia de administración local.

De acordo co previsto no artigo 57 da citada lei, o Fondo de Cooperación Local desagrégase no ano 2016 en fondo base e en fondo adicional. Este último recolle o incremento debido á maior recadación dos capítulos I, II e III de Administración xeral desde 2011 ata 2016.

O crédito orzamentario inicial destinado ao pagamento das entregas á conta correspondentes á participación das entidades locais nos tributos da Comunidade Autónoma ascende a 115.146.470 euros, dos cales 112.972.806 euros corresponden ao fondo base e 2.173.664 euros ao fondo adicional.

No mesmo artigo 57 da Lei 12/2015, do 24 de decembro, establécense os criterios de distribución de novos recursos que se integran no fondo. Consonte o acordo acadado na Subcomisión Permanente do Réxime Económico e Financeiro da Comisión Galega de Cooperación Local, entre estes criterios inclúese a participación en procesos de fusión ou de incorporación voluntaria a outros concellos. Este será o criterio determinante na repartición do fondo adicional, nas condicións que estableza a consellería competente en materia de administración local.

Así mesmo, a lei incorpora unha previsión para o suposto de que se destine unha parte do fondo adicional a outros concellos distintos dos resultantes dunha fusión ou incorporación. Neste caso, repartirase entre os concellos con poboación de dereito inferior a 15.000 habitantes consonte os criterios de ponderación que a mesma norma legal especifica.

Resulta, pois, preciso establecer e precisar as condicións de repartición do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local do ano 2016, considerando como criterio determinante a participación en procesos de fusión ou de incorporación voluntaria a outros concellos.

Segundo o artigo 1.2 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, este é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de administración local.

No artigo 20 do mesmo Decreto 72/2013, do 25 de abril, indícase que o órgano encargado da xestión das competencias que se lle atribúen á Xunta de Galicia en materia de administración local é a Dirección Xeral de Administración Local.

Xa que logo, de conformidade co establecido no punto catro do artigo 57 da Lei 12/2015, do 24 de decembro, do orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é o órgano competente para a determinación das condicións de repartición do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para o ano 2016.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Por medio desta orde regúlanse as condicións de repartición do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local do ano 2016.

2. O fondo adicional do Fondo de Cooperación Local para o ano 2016, dotado con 2.173.664,00 €, destínase na súa totalidade a aqueles concellos resultantes ou que resulten de procesos de fusión municipal ou de incorporación voluntaria a outros concellos, tendo en conta as particularidades previstas no artigo 5.

Artigo 2. Beneficiarios

Serán beneficiarios do fondo adicional todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que rematen un proceso de fusión voluntaria antes do 30 de outubro de 2016, así como aqueles concellos resultantes dun proceso de fusión municipal concluído nos cinco anos anteriores.

Para estes efectos, a data de remate do proceso de fusión será a data de aprobación do decreto de fusión polo Consello da Xunta.

Artigo 3. Destino

As achegas procedentes do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local terán carácter non finalista e poderán ser aplicadas polos concellos ao financiamento de programas de gasto de natureza produtiva ou xeradora de emprego, obras ou servizos, gastos de persoal, gastos correntes en bens e servizos, amortización de débeda ou calquera outro gasto ou investimento acorde coas competencias municipais.

Artigo 4. Distribución

1. O fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local do ano 2016 será distribuído pola Consellería de Facenda de acordo cos seguintes criterios de repartición:

a) O 50 % da dotación total, é dicir, 1.086.832,00 €, asignarase a aqueles concellos resultantes dun proceso de fusión rematado durante o ano en curso.

A cantidade asignada a cada concello obterase de dividir o importe do 50 % da dotación total entre o número de entidades locais que resulten dun proceso de fusión aprobado por decreto da Xunta de Galicia antes do 30 de outubro de 2016.

b) O 50 % restante, dotado con 1.086.832,00 €, distribuirase a partes iguais entre os concellos resultantes dun proceso de fusión rematada antes do 30 de outubro de 2016 e aqueles outros concellos resultantes dun proceso de fusión municipal concluído nos cinco anos anteriores.

Cada unha destas entidades locais recibirá a cantidade que se obteña de dividir o importe do 50 % da dotación do fondo adicional entre o número de entidades beneficiarias.

Antes do 30 de outubro de 2016, a Dirección Xeral de Administración Local comunicará á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos os concellos que participarán, respectivamente, nas reparticións correspondentes ás letras a) e b) da alínea 1.

Artigo 5. Cantidades dispoñibles

De non completarse ningún proceso de fusión antes do 30 de outubro de 2016, a dotación a que fai referencia a letra a) da alínea 1 do artigo anterior distribuirase entre os concellos con poboación de dereito inferior a 15.000 habitantes, de acordo cos criterios de ponderación establecidos no punto catro do artigo 57 da Lei 12/2015, do 24 de decembro, pola que se aproban os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza