Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 2 de agosto de 2016 Páx. 34010

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 93/2016, do 21 de xullo, polo que se regula a Comisión de Nóminas.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de marzo de 2000 creou a Comisión de Nóminas como órgano colexiado encargado de coordinar as actuacións necesarias para a elaboración polos órganos competentes das nóminas do persoal ao servizo das consellerías e organismos autónomos da Xunta de Galicia.

Tendo en conta o tempo transcorrido desde a súa creación, é necesario actualizar as referencias normativas, a denominación das entidades do sector público autonómico e os departamentos representados na comisión, así como a súa composición, de conformidade coa estrutura administrativa vixente.

Por outra banda, elévase o rango normativo da súa regulación, de conformidade co artigo 15 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como coa práctica habitual na Administración autonómica na creación e regulación de órganos colexiados.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xullo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto regular a Comisión de Nóminas creada por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de marzo de 2000.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A Comisión de Nóminas é o órgano colexiado encargado de coordinar as actuacións necesarias para a elaboración das nóminas do persoal do sector público autonómico polos órganos competentes da Administración xeral e das entidades instrumentais que regula a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como dos órganos estatutarios, de acordo co previsto neste decreto.

Estarán incluídos no seu ámbito de aplicación e, polo tanto, afectados polas decisións e actuacións da Comisión de Nóminas, ademais da Administración xeral da Comunidade Autónoma, as entidades instrumentais que regula a Lei 16/2010, do 17 de decembro, e os órganos estatutarios cando o pagamento das nóminas do seu persoal se instrumente a través do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec).

Artigo 3. Composición

A Comisión de Nóminas estará composta polos seguintes membros:

a) Un presidente que será o titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de facenda.

b) Vogais:

– Dous representantes designados polo titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de facenda.

– Un representante designado polo titular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

– Un representante designado polo titular da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

– Un representante designado polo titular da Dirección Xeral da Función Pública.

– Un representante designado polo titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

– Dous representantes designados polo titular da Dirección do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec).

– Un representante designado polo titular da consellería competente en materia de xustiza.

– Un representante designado polo titular da consellería competente en materia de educación e ordenación universitaria.

– Un representante designado titular da consellería competente en materia de sanidade.

– Un representante designado polo titular da consellería competente en materia de política social.

– Un representante designado polo titular da Asesoría Xurídica Xeral da Comunidade Autónoma.

c) Un secretario que será a persoa que elixa a comisión de entre os dous representantes designados polo titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de facenda.

Artigo 4. Funcións

Correspóndelle á Comisión de Nóminas o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración das propostas de disposicións necesarias en materia de nóminas de retribucións e cotización do persoal sinalado no punto primeiro.

b) A adopción de criterios uniformes sobre a aplicación da normativa vixente que incida na elaboración das nóminas de retribucións e cotización do dito persoal.

c) A elaboración dos informes que procedan sobre as consultas que sometan á súa consideración os órganos competentes en materia de elaboración e pagamentos de nóminas.

d) Actuar como órgano de coordinación co Cixtec na elaboración das nóminas de retribucións e cotización do persoal sinalado no punto primeiro.

Artigo 5. Adscrición

A Comisión de Nóminas adscríbese á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda.

Artigo 6. Normativa aplicable

A Comisión de Nóminas rexerase no seu funcionamento polo disposto para os órganos colexiados nos artigos 14 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

En particular, quedará sen efecto a regulación sobre a Comisión de Nóminas contida no citado Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de marzo de 2000.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de facenda para ditar cantos actos e disposicións sexan necesarios para o desenvolvemento e a execución do previsto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda