De acordo co previsto na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e na Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de agosto de dous mil dezaseis,
DISPOÑO:
Artigo 1
Queda disolto o Parlamento de Galicia elixido o día vinte e un de outubro de dous mil doce.
Artigo 2
Convócanse eleccións ao Parlamento de Galicia, que terán lugar o vinte e cinco de setembro de dous mil dezaseis.
Artigo 3
En aplicación do artigo 9 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, o número de deputados correspondente a cada circunscrición é o seguinte:
A Coruña: vinte e cinco.
Lugo: catorce.
Ourense: catorce.
Pontevedra: vinte e dous.
Artigo 4
A campaña electoral durará quince días; comezará ás cero horas do venres día nove de setembro de dous mil dezaseis e finalizará ás vinte e catro horas do venres día vinte e tres de setembro de dous mil dezaseis.
Artigo 5
Celebradas as eleccións convocadas por este decreto, a cámara resultante reunirase para a súa sesión constitutiva o día vinte e un de outubro de dous mil dezaseis, ás once horas.
Artigo 6
As eleccións convocadas por este decreto rexeranse pola Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral; así como pola Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, e a normativa de desenvolvemento.
Disposición derradeira
Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, un de agosto de dous mil dezaseis
Alberto Núñez Feijóo
Presidente