Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 21 de xullo de 2016 Páx. 31715

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2016 pola que se aproba a proposta motivada do Concello de Vigo de declaración de determinadas áreas do municipio de Vigo como zona de grande afluencia turística.

Logo de examinar a solicitude presentada polo Concello de Vigo para a inclusión de determinadas áreas do dito concello como zonas de grande afluencia turística, de acordo co disposto no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en consideración os seguintes

Feitos.

Primeiro. Con data 31 de maio de 2015, ten entrada un escrito do Concello de Vigo para solicitar da Consellería de Economía, Emprego e Industria a declaración de dúas áreas do municipio de Vigo como zonas de grande afluencia turística, para os efectos previstos no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comercias de Galicia, durante todo o ano en horario comercial ata as 22.00 horas, e conforme os planos que achega coa proposta, que comprende:

1. A zona histórica de Bouzas (véxase o territorio comprendido dentro do ámbito definido entre a avenida Atlántida, a rúa Camilo Veiga, a rúa Simancas e a avenida Beiramar).

2. A parte da zona coñecida como Vigo Histórico (véxase o territorio comprendido dentro do ámbito definido entre San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón baixando pola rúa Pontevedra, rúa Areal, rúa Montero Ríos, Cánovas del Castillo ata a rúa San Francisco).

Xunto coa proposta, o Concello de Vigo achega certificación do acordo plenario no cal se recolle a declaración de Vigo como zona de grande afluencia turística, así como a súa delimitación xeográfica e horaria, a memoria motivada e descritiva en que basea a súa proposta para a declaración de Vigo como zona de grande afluencia turística, informe da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e informe das asociacións e federacións de comerciantes e hostaleiros que a continuación se relacionan: Zona Naútico, Asociación de Comerciantes e Industriales Zona Pi y Margall, Asociación de Comerciantes y Profesionales de la Villa de Bouzas, Asociación de Comerciantes del Entorno del Xeral, Asociación de Comerciantes de Pereiró, Asociación de Comerciantes de Torrecedeira, Asociación de Comerciantes y Empresarios Travesas-Vigo (Aetravi), Asociación de Comerciantes Zona Teis, Asociación de Comerciantes y Hosteleros Vigovello CCA, Asociación de Comerciantes Zona Centro de Vigo CCA, Asociación de Comerciantes e Empresarios do Calvario (Aceca), Asociación de Comerciantes de Vigo, Federación de Comercio de Pontevedra, Federación Provincial de Empresarios de Hostelería de Pontevedra (Feprohos), Asociación de Empresarios de Hospedaje de Pontevedra (Asehospo), Federación de Mercados Centrales de la Comarca de Vigo (Mercacevi), Agrupación Provincial de Autónomos de Comercio de Pontevedra e Asociación de Comerciantes Zona Príncipe.

Así mesmo, achega informe da Asociación de Amas de Casa y Consumo Agarimo e informe das organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG.

Segundo. Con data 7 de xuño de 2016, a Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria envía á Axencia Turismo de Galicia copia da documentación, e ao mesmo tempo solicita informe sobre o devandito expediente de acordo co disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

Terceiro. Con data 11 de xullo de 2016, a Axencia Turismo de Galicia emite informe favorable sobre esta cuestión.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de comercio a resolución dos expedientes de solicitude de declaración de zona de afluencia turística, de conformidade co establecido no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. O artigo 5.5. da Lei 1/2004, do 21 decembro, de horarios comerciais, establece, en relación coa determinación de zonas de grande afluencia turística que: «En todo caso, nos municipios con máis de 100.000 habitantes que rexistrasen máis de 600.000 pernoitas no ano inmediatamente anterior ou que conten con portos en que operen cruceiros turísticos que recibisen no ano inmediato anterior máis de 400.000 pasaxeiros, declararase, polo menos, unha zona de grande afluencia turística aplicando os criterios previstos no número anterior. Para a obtención destes datos estatísticos consideraranse fontes as publicacións do Instituto Nacional de Estatística e de Portos do Estado.

Se no prazo de seis meses a partir da publicación destes datos as comunidades autónomas competentes non tiveren declarado algunha zona de grande afluencia turística no municipio en que concorran as circunstancias sinaladas no parágrafo anterior, entenderase declarada como tal a totalidade do municipio e os comerciantes disporán de plena liberdade para a apertura dos seus establecementos durante todo o ano».

Terceiro. De conformidade cos datos provisionais publicados o 22 de xaneiro de 2016, polo Instituto Nacional de Estatística, a través da Enquisa de ocupación hostaleira, que analiza as pernoias en todos os establecementos hoteleiros de cada comunidade autónoma, a cidade de Vigo rexistrou, durante o ano 2015, 623.578 pernoitas.

Isto pon de manifesto a obriga legal de declaración, de polo menos, unha zona de grande afluencia de turística no municipio de Vigo.

Cuarto. O artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de alicia, establece que:

1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano a que se circunscribe a solicitude e máis a franxa horaria de apertura diaria solicitada, e á cal se deben achegarse os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellería competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta a que se refire o número 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesariedade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido no número 1 coa participación das asociacións e organizacións subliñadas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta á que se refire o número 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo tres meses, contados desde a súa presentación xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de zona de grande afluencia turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no número 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Terceiro. A proposta motivada do Concello da Vigo, aprobada por maioría absoluta do Pleno da corporación local, sinala que, de acordo coas posibilidades da normativa indicada, delimita espacialmente a súa proposta acoutando os lugares que reciben os turistas de acordo co establecido no artigo 7 do Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo, concretamente no que se refire ás seguintes circunstancias, que motivan suficientemente a declaración de zona de grande afluencia turística:

a) Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa e cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos ou ben no número de segundas residencias respecto ás que constitúen a residencia habitual.

b) Que fose declarado patrimonio da humanidade ou no que se localice un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

c) Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

d) Proximidade a áreas portuarias en que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

e) Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras.

f) Cando concorran circunstancias especiais que así o xustifiquen.

g) Que limiten ou constitúan áreas de influencia de zonas fronteirizas.

Cuarto. A solicitude complétase no expediente cunha memoria descritiva e motivada das áreas solicitadas de declaración de zona de grande afluencia turística e mais os planos con rúas de cada unha delas, concluíndo que:

«Co obxecto de delimitar a zona de grande afluencia turística de Vigo, logo da aprobación polo Goberno do Estado do Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo, co fin de evitar que o vindeiro 22 de xullo de 2016 entre en vigor a normativa que permite a apertura de todos os establecementos comerciais do termo municipal olívico durante todo o ano, sen restricións horarias, mantivéronse diversas reunións coas principais organizacións afectadas do sector e chegouse ao seguinte consenso maioritario para a delimitación da zona de grande afluencia turística:

1. A zona histórica de Bouzas (véxase o territorio comprendido dentro do ámbito definido entre a avenida Atlántida, a rúa Camilo Veiga, a rúa Simancas e a avenida Beiramar).

2. A parte da zona coñecida como Vigo Histórico (véxase o territorio comprendido dentro do ámbito definido entre San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón baixando pola rúa Pontevedra, rúa Areal, rúa Montero Ríos, Cánovas del Castillo ata a rúa San Francisco).

3. Que ambas zonas de grande afluencia turística poidan abrir todo o ano en horario comercial ata as 22.00 horas.

A presente memoria desagrega pormenorizadamente os criterios en que o Concello de Vigo e as organizacións afectadas se basearon para definir a delimitación xeográfica e horaria da zona de gran afluencia turística. As áreas referidas, Vigo Histórico e barrio histórico de Bouzas, constitúen o principal foco turístico da cidade e albergan importantes valores comerciais, artísticos, culturais e monumentais que fomentan o incremento do número de visitantes. En especial, tense en conta o comercio, a gastronomía , a paisaxe e a calidade dos seus servizos.

O Concello de Vigo conta con boas condicións de seguridade e oferta de comercio e ocio nos lugares públicos que se ven reflectidas nas excelentes infraestruturas e aloxamentos, oficinas de información turística, áreas portuarias, zonas de praias urbanas e espectáculos con repercusión nacional e internacional. Características que propician que a cidade olívica sexa un destino turístico de calidade no ámbito consensuado con todas as organizacións do sector do comercio».

Quinto. Así mesmo, cómpre salientar que a proposta formulada acadou, no referente á súa delimitación territorial, o apoio de dezaoito asociacións e federacións de comerciantes e hostaleiros, e no referente aos horarios, o apoio de quince asociacións e federacións de comerciantes e hostaleiros, respectando desta forma a proposta presentada os intereses locais que a entidade representa.

Sexto. O informe para a determinación do Concello de Vigo como zona de grande afluencia turística o 11 de xullo de 2016, emitido pola Axencia Turismo de Galicia sinala:

«O artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, indica que a Consellería de Comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a devandita solicitude, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

Segundo o establecido no artigo 1 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia, que terá como obxectivo impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade e a conservación e promoción dos camiños de Santiago, e se aproban os estatutos contidos no anexo I deste decreto de Galicia e se aproban os seus estatutos.

Unha vez consultadas estas fontes por parte da Área de Estudos Turísticos da Axencia Turismo de Galicia, compróbase que a cantidade total de pernoitas no concello de Vigo no ano 2015 foi de 604.169, polo que se supera a cifra determinada na lei. A súa desagregación por meses é a seguinte:

Xaneiro

29.406

Febreiro

29.217

Marzo

38.985

Abril

42.434

Maio

43.234

Xuño

47.414

Xullo

79.054

Agosto

105.542

Setembro

59.198

Outubro

55.211

Novembro

37.996

Decembro

36.479

Total

604.169

En canto aos datos de pasaxeiros de cruceiros turísticos, os datos do ano 2015 recollen un total de 204.979 cruceiristas, unha cantidade que está por debaixo da prevista na lei.

Ademais da súa privilexiada situación xeográfica, Vigo conta cunha gran variedade de recursos turísticos entre os cales destacan a Zona Vella, o Parque de Castrelos, co pazo Quiñoñes de León e o seu xardín de camelias, o Castro ou as Illas Cíes, declaradas parque nacional marítimo-terrestre cuxas praias e fondos mariños son unha icona no turismo de natureza de Galicia. Vigo é tamén un referente do turismo urbano e industrial dentro da Comunidade Autónoma, destacando o contorno do centro histórico, a zona Bouzas, ou o porto pesqueiro coa súa lonxa.

Todos estes recursos, xunto coa súa dinámica actividade comercial e oferta cultural e de ocio, fan que Vigo sexa un importante destino turístico tanto vacacional como de negocios, e incremente o seu número de turistas ano tras ano. Cómpre subliñar tamén a chegada de grandes cruceiros, cuxa actividade estimula a creación de postos de traballo nos sectores comercial, hostaleiro e de diversos servizos turísticos.

No concello de Vigo concorren, ademais, moitas das circunstancias previstas no artigo 5.4 da Lei 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais para declarar unha zona de grande afluencia turística destacando entre elas:

– Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos.

– Que se localice nela un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

– Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

– Proximidade a áreas portuarias en que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

– Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras.

Consideramos que o ámbito xeográfico para a aplicación do horario comercial é apropiado, xa que conta co informe favorable da maioría das asociacións de comerciantes do concello, da Cámara de Comercio, asociacións de consumidores e sindicatos máis representativos.

De acordo co exposto nos puntos anteriores, este centro directivo emite informe favorable á declaración das áreas do concellos de Vigo mencionadas no punto cuarto, como zonas de grande afluencia turística».

Vistos os precedentes citados, especialmente o disposto no artigo 5, números 4 e 5, da Lei estatal 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a proposta motivada do Concello de Vigo de declaración de dúas áreas do municipio de Vigo como zonas de grande afluencia turística para os efectos da aplicación do réxime especial de horarios previsto no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, durante todo o ano en horario comercial ata as 22.00 horas:

1. A zona histórica de Bouzas (véxase o territorio comprendido dentro do ámbito definido entre a avenida Atlántida, a rúa Camilo Veiga, a rúa Simancas e a avenida Beiramar).

2. A parte da zona coñecida como Vigo Histórico (véxase o territorio comprendido dentro do ámbito definido entre San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón baixando pola rúa Pontevedra, rúa Areal, rúa Montero Ríos, Cánovas del Castillo ata a rúa San Francisco).

A delimitación espacial das áreas figura especificada nos planos que figuran no anexo I.

Segundo. A declaración de zona de grande afluencia turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Unha vez que sexa aprobada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Se desaparecen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á súa revogación, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no numero 1, do artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común); ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-adminitrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren procedente.

Comuníqueselles aos interesados.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2016

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria
P.D. (Orde do 1 de xuño de 2016; DOG núm. 131)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria

ANEXO
Planos da delimitación das zonas de grande afluencia turística

missing image file

Zona de grande afluencia turística de Vigo. Interior do perímetro da zona delimitada.

missing image file

Zona de grande afluencia turística Zona de Bouzas. Interior do perímetro da zona delimitada.

missing image file