Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 12 de xullo de 2016 Páx. 29872

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 10 de xuño de 2016 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería.

A actividade administrativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria supón unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias noutros órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

O Decreto 116/2015, do 4 de outubro, modificou a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e suprimiu a anterior Consellería de Traballo e Benestar e trasladando as competencias en materia de emprego á nova Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, na súa disposición adicional sexta, mantivo a vixencia das delegacións de competencias outorgadas polos distintos órganos superiores e de dirección ata a súa expresa derrogación ou novo outorgamento. No caso da nova Consellería de Economía, Emprego e Industria esta disposición amparou a subsistencia das preexistentes ordes de delegación das extintas Consellería de Economía e Industria e Consellería de Traballo e Benestar, neste último caso no referente á materia de emprego.

Finalmente mediante o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, estableceuse a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Ademais de garantir as vantaxes da técnica da delegación de competencias, mediante a adopción desta orde preténdese a clarificación, unificación e plena adaptación da dita delegación á nova estrutura organizativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Por isto, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 43.3 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Delegación na Secretaría Xeral Técnica

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as seguintes competencias:

a) En xeral, o despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos á persoa titular da consellería e non se deleguen expresamente noutros órganos.

b) As facultades que a normativa vixente atribúe á persoa titular da consellería en materia de persoal, excepto as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquela ou as que se deleguen expresamente noutros órganos.

c) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, así como a autorización para asistir a actividades de formación e perfeccionamento, excepto as atribuídas ás persoas titulares das xefaturas territoriais no artigo 5 b).

d) A disposición de canto concirne ao réxime interno da consellería cando non sexa competencia exclusiva da persoa titular da consellería ou doutro centro directivo.

e) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servizos da consellería, así como o recoñecemento de obrigas e a súa liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Facenda a ordenación dos pagamentos, excepto as facultades que se deleguen expresamente noutros órganos.

f) As facultades que en materia de xestión orzamentaria lle corresponden á persoa titular da consellería, conforme o previsto nos artigos 67 e concordantes do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

g) A tramitación e resolución dos expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o efectivo exercicio das funcións atribuídas ás xefaturas territoriais.

h) As facultades que a normativa vixente atribúe á persoa titular da consellería en materia de patrimonio.

i) As facultades que a normativa vixente atribúe á persoa titular da consellería como órgano de contratación, excepto as que se deleguen expresamente noutros órganos.

j) A subscrición, modificación, prórroga ou perda de efectos de convenios de competencia da persoa titular da consellería, excepto os convenios de colaboración con outras administracións públicas e entes de dereito público e os convenios con asociacións, federacións e clústers.

k) A resolución dos recursos administrativos que correspondan á persoa titular da consellería e a facultade de suspender os actos impugnados, así como a resolución das reclamacións administrativas previas á vía xudicial, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos e cando a delegación non estea prohibida expresamente.

l) A resolución dos recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións ditadas pola Secretaría Xeral Técnica en virtude das facultades delegadas, así como dos interpostos contra as resolucións ditadas por outros órganos en exercicio de facultades delegadas e non atribuídos a estes.

m) A admisión a trámite e resolución das solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación dos de gravame ou desfavorables.

n) A resolución das reclamacións de responsabilidade patrimonial, nos casos en que non estea expresamente delegada noutros órganos.

o) As resolucións sancionadoras e as propostas de sanción ao Consello da Xunta que correspondan á persoa titular da consellería en virtude da cualificación da infracción cometida ou da contía da sanción proposta, excepto as que se deleguen expresamente noutros órganos.

p) As facultades que a normativa vixente atribúe ao correspondente Protectorado en materia de fundacións.

Artigo 2. Delegación na Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Enerxía e Minas as seguintes competencias:

a) O despacho e a resolución dos expedientes que en materia de dereitos mineiros estea atribuída á persoa titular da consellería e que non se delegue expresamente noutros órganos.

b) A resolución dos expedientes sancionadores por infraccións graves en materia de enerxía e industria cando a infracción afecte o ámbito territorial de dúas ou máis provincias.

c) A resolución dos recursos potestativos de reposición interpostos contra as anteditas resolucións sancionadoras.

d) A concesión ou denegación das axudas públicas e subvencións convocadas con cargo aos créditos orzamentarios da consellería, a modificación e revogación das concedidas e mais a incoación e resolución dos procedementos de reintegro delas, nas materias de enerxía e minas, sempre e cando non estean expresamente delegadas noutro órgano na correspondente orde de convocatoria.

Artigo 3. Delegación na Dirección Xeral de Comercio

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Comercio as seguintes competencias:

a) O despacho e a resolución dos expedientes en materia de autorización comercial autonómica.

b) A resolución dos expedientes sancionadores por infraccións graves en materia de comercio cando a infracción afecte o ámbito territorial de dúas ou máis provincias.

c) A resolución dos recursos potestativos de reposición interpostos contra as anteditas resolucións sancionadoras.

d) A concesión ou denegación das axudas públicas e subvencións convocadas con cargo aos créditos orzamentarios da consellería, a modificación e revogación das concedidas e mais a incoación e resolución dos procedementos de reintegro delas, na materia de comercio, sempre e cando non estean expresamente delegadas noutro órgano na correspondente orde de convocatoria.

Artigo 4. Delegación na Secretaría Xeral de Emprego e na Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral

Deléganse nas persoas titulares da Secretaría Xeral de Emprego e da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, dentro do seu respectivo ámbito funcional, as seguintes competencias:

a) As funcións que como órgano de contratación son atribuídas á persoa titular da consellería pola lexislación vixente nos expedientes tramitados con cargo aos capítulos II e VI do orzamento de gastos, no ámbito do seu centro directivo, que teñan o carácter de contrato menor, así como a autorización, disposición, recoñecemento de obrigas e proposta de pagamentos correspondentes aos citados expedientes.

b) A concesión ou denegación das axudas públicas e subvencións convocadas con cargo aos créditos orzamentarios da consellería, a modificación e revogación das concedidas e mais a incoación e resolución dos procedementos de reintegro delas, no respectivo ámbito funcional, sempre e cando non estean expresamente delegadas noutro órgano na correspondente orde de convocatoria.

c) A resolución dos recursos administrativos que nas áreas das súas atribucións correspondan á persoa titular do departamento, cando a delegación non estea prohibida expresamente; nomeadamente, a resolución dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas polas persoas titulares das xefaturas territoriais no seu respectivo ámbito.

d) A resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Artigo 5. Delegación nas xefaturas territoriais

Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais as seguintes competencias:

a) A autorización dos permisos e licenzas do persoal destinado nas xefaturas territoriais e nos seus centros dependentes, sempre que non teñan incidencia no capítulo I dos orzamentos de gastos.

b) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, así como a autorización para asistir a cursos e actividades de formación e perfeccionamento do persoal destinado nas xefaturas territoriais e nos seus centros dependentes.

c) A resolución das reclamacións e queixas pola actuación do persoal destinado nas xefaturas territoriais e nos seus centros dependentes.

d) A autorización e disposición dos gastos con cargo ao capítulo II dos orzamentos de gastos, ata o límite dos créditos que para tal fin sexan distribuídos pola Secretaría Xeral Técnica por delegación da persoa titular da consellería e que non estean reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como o recoñecemento das obrigas de gasto e a proposta dos pagamentos correspondentes aos créditos distribuídos.

Respecto dos referidos créditos, as funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á persoa titular da consellería pola lexislación vixente.

e) Respecto dos créditos desconcentrados, a actuación como órgano de contratación, así como a autorización e disposición dos gastos correspondentes aos ditos créditos, excepto os casos reservados á competencia do Consello da Xunta de Galicia, así como a aprobación dos actos de disposición de créditos e o recoñecemento das obrigas, e solicitou da Consellería de Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos.

f) A autorización administrativa para a realización de traballos especiais e a disposición de actuacións inspectoras en relación coa investigación de accidentes de traballo ou outras que así se determinen ou lle sexan delegadas.

g) A resolución dos expedientes sancionadores por infraccións graves en materia de enerxía, industria e comercio, agás os supostos de infraccións de ámbito supraprovincial dos artigos 3 e 4 desta orde.

h) A resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas; nomeadamente, dos interpostos contra as resolucións de concesión de subvencións ditadas por delegación da persoa titular da consellería, así como dos procedementos de reintegro destas, nas materias de emprego; e dos interpostos contra as resolucións sancionadoras ditadas no exercicio das facultades delegadas, nas materias de enerxía, industria e comercio.

Artigo 6. Réxime xurídico da delegación de competencias

1. Os actos e resolucións administrativas ditados por delegación farán constar esta circunstancia, con referencia ao número e data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditados polo órgano delegante.

2. En calquera momento, a persoa titular da consellería poderá reclamar o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde.

3. En todo caso, quedan excluídos das delegacións contidas nesta orde os supostos previstos no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público de Galicia, no artigo 13.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas a Orde do 19 de agosto de 2009, de delegación de competencias nos órganos superiores e nos/nas xefes/as dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar na súa parte subsistente en materia de emprego, a Orde do 10 de decembro de 2014 sobre delegación de competencias en diversos órganos da Consellería de Economía e Industria, así como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria