Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 11 de xullo de 2016 Páx. 29679

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 8 de xuño de 2016, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental para unha explotación avícola de 52.920 galiñas reprodutoras e porcina de ceba para 5.980 animais, en Monte Lodoso, concello de Friol, promovida por Cooperativa Veiga de Antela, S.C.G. (clave 2015-IPPC-I-70).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 157, do 2 de xullo), e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– «Explotación avícola intensiva para 52.920 galiñas reprodutoras e explotación porcina de ceba para 5.980 animais:

Localización: Monte Lodoso, Friol (Lugo).

Peticionaria: Cooperativa Veiga de Antela, S.C.G.».

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que xulgue convenientes. Os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental - Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais poderán consultala na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, na seguinte ligazón: http://www.cmati.xunta.es/seccion-tema/c/Prevencion_e_control_de_actividades?content=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Autorizacion_ambiental_integrada/seccion.html&ui=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Autorizacion_ambiental_integrada/dinamico/listado_ippc_central.html

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2016

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO
Memoria resumo

Clave del expediente: 2015-IPPC-I-70.

Peticionaria: Cooperativa Veiga de Antela, S.C.G.

Domicilio social: lugar Santa Cruz de Arrabaldo, s/n. Oficinas centrais Coren, 32990 Ourense.

Localización da instalación: Monte Lodoso, 27299 Friol (Lugo). Un punto de localización das instalacións é o definido polas coordenadas UTM (ETRS89), 29T: 600500X, 4764200Y.

Actividade: explotación avícola de galiñas reprodutoras e porcina de ceba.

Descrición do proceso: instalarase unha explotación formada por un grupo dedicado á ceba de gando porcino e un grupo avícola de multiplicación con centro de clasificación e envasado de ovos. O primeiro terá capacidade para 5.980 porcos repartidos en catro naves iguais de 96×14 m e o segundo aloxará 52.920 galiñas reprodutoras en catro naves iguais de 150×14 m, dispostas paralelamente entre si e unidas na súa cabeceira por unha nave transversal de 70,4×10 m, na cal se encontrarán aseos e vestiarios, almacéns, maquinaria para a recollida, clasificación, etiquetaxe e almacenaxe de ovos e os peiraos de carga e descarga de materiais e ovos.

Ademais, existirán outras construcións como un depósito de auga para cada grupo, aseos e vestiarios comúns, vivenda, aparcadoiro, un edificio para cociña de alimento do gando porcino, silos de penso, un pechamento perimétrico e unha planta de tratamento de xurro.

O ciclo de produción do grupo porcino comezará coa entrada nas naves dos animais procedentes das granxas de preceba con 20 kg de peso e dous meses de idade. Na explotación serán criados en módulos formando grupos de varios individuos onde permanecerán durante aproximadamente 110 días ata que acaden un peso de 100-110 kg, momento no cal serán retirados da explotación para conducilos ao matadoiro. Ao finalizar o ciclo procederase á limpeza e desinfección das instalacións, baleirando as fosas interiores de xurro. O xurro será enviado a un sistema de aireación e despois a un separador de fases. A fase sólida do xurro depositarase nun almacén formando moreas que se someterán a un proceso de maduración, mentres que a fase líquida pasará por unha serie de balsas impermeables onde se someterá a procesos de biodepuración.

O ciclo de produción do grupo avícola comezará coa entrada nas naves dun lote de galiñas reprodutoras cunha idade dunhas 20 semanas procedentes de explotacións de recría. A duración dos ciclos produtivos será de aproximadamente 45 semanas. Unha vez finalizado o ciclo, os animais serán levados ao matadoiro e procederase á limpeza e desinfección das naves. Comezarase retirando o esterco das galiñas, por medios mecánicos, que será enviado fóra da explotación para ser empregado como combustible nunha caldeira para obtención de vapor para uso industrial. A explotación permanecerá pechada 15 días ata que se introduza un novo lote de aves.

Verteduras: as augas de limpeza das naves de gando porcino e as augas dos aseos e vestiarios serán recollidas nas fosas de xurro para seren xestionadas xunto con este como fertilizante en parcelas agrícolas. As augas de limpeza das naves avícolas non serán recollidas xa que se evaporarán sobre a soleira das naves durante o baleiro sanitario. As augas pluviais verteranse directamente ao terreo.