Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 6 de xullo de 2016 Páx. 28825

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Unión Fenosa Distribución, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación Eirís 220/15 kV, ampliación celas 15 kV, situada no termo municipal da Coruña (expediente IN407A 2016/143-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 8.3.2016 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación Eirís 220/15 kV, ampliación celas 15 kV, acompañada do proxecto de execución e da declaración responsable que acredita o cumprimento da normativa que lle é de aplicación.

Este proxecto de execución recolle a ampliación do parque 15 kV da subestación Eirís mediante a instalación de tres novas posicións de liña 15 kV.

Segundo. O 17.3.2016 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en adiante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa previa e de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación Eirís 220/15 kV, ampliación celas 15 kV, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 15.4.2016 e no Boletín Oficial da provincia do 14.4.2016.

Durante o período en que a devandita petición se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Terceiro. O 23.5.2016 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación Eirís 220/15 kV, ampliación celas 15 kV.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; co Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19.2.2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar a Unión Fenosa Distribución, S.A. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación Eirís 220/15 kV, ampliación celas 15 kV, situada no termo municipal da Coruña, consistente na instalación de tres novas posicións de liña 15 kV.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Unión Fenosa Distribución, S.A., asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado (colexiado nº 17.068 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) de acordo co establecido no Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación e visado por este colexio con nº 201503021 e con data do 23.2.2016; e no que figura un orzamento de 162.447,54 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que, en todo momento, se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas