Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 1 de xullo de 2016 Páx. 28015

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 da Fonsagrada

EDICTO (62/2014).

Carmen Dosuna Nieto, secretaria xudicial do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 da Fonsagrada, fai saber que no presente procedemento seguido por instancia da comunidad de propietarios do edificio Bloque II fronte a Construccións e Aluminios Valledor, S.L. en rebeldía procesual, José Ángel Santos Ferro, Alba y Javier González López, ditouse sentencia, cuxo encabezamento e resolución son do teor literal seguinte:

Sentenza.

A Fonsagrada, 17 de xullo de 2015.

Examinados por Eladio Prieto Bellas, xuíz do Xulgado de Primeira Instancia da Fonsagrada, os presentes autos de xuízo ordinario nº 62/14, seguidos por instancia da comunidade de propietarios do edificio Bloque 2, situado na rúa Parque, 16, da Fonsagrada, representada pola procuradora Margarita Figueroa Herrero e asistida polo avogado Alejandro Ferreiro Medina, Construccións e Aluminios Valledor, S.L. (declarado en rebeldía), José Ángel Santos Ferro, representado pola procuradora Soledad Sierra Villaverde e asistido polo avogado señor Fernández Varela, e contra Alba González López e Javier González López, representados pola procuradora señora Sierra Villaverde e asistidos pola avogada señora Santos Fernández, sobre responsabilidade derivada de vicios de construción,

Decido:

Estimo a demanda formulada pola comunidade de propietarios do edificio Bloque 2, situado na rúa Parque, 16, contra Construccións e Aluminios Valledor, S.L., Alba González López e Javier González López, declarando a súa responsabilidade (cos pronunciamentos desestimatorios que tamén se efectúan) por defectos construtivos, nos seguintes termos: 1) das deficiencias construtivas consistentes no estado deficiente de morteiro monocapa, humidade de capilaridade en patios, humidades de filtración no portal de avenida de Galicia, humidades de filtración en sotos, humidades de filtración en carpintaría exterior, humidades de filtración en cerramento exterior de escaleiras, deben responder solidariamente os demandados Construccións e Aluminios Valledor, S.L., Alba González López e Javier González López, e das fisuras en zonas comúns e colocación inadecuada da lousa só Construccións e Aluminios Valledor, S.L., sen responsabilidade de ningún demandado en relación coa existencia de entullos na saída á cuberta; 2) das deficiencias construtivas consistentes en vivenda 1 I (fenda en ángulo do primeiro cuarto á dereita, na parede do fondo que é partición entre a vivenda e os espazos de circulación comúns, abombamento de pavimento de acceso ao último cuarto á dereita, o lavadeiro presenta cuarteamento da pintura das paredes laterais) debe responder a entidade Construccións e Aluminios Valledor, S.L.; 3) das deficiencias construtivas en vivenda 1 N (denominada equivocadamente 1 M no informe de 2011) consistentes en humidades deben responder solidariamente Construccións e Aluminios Valledor, S.L., Alba González López e Javier González López, e das demais (fendas que afectan todo o espesor dos tabiques existentes entre os dous dormitorios contiguos, fisuras en acabamentos de diferentes paredes da vivenda, como en dormitorios, recibidor, salón e rotura de alicatado en baño, oco baixo lousas cerámicas de pavimento) debe responder Construccións e Aluminios Valledor, S.L.; 4) das deficiencias construtivas na vivenda 2 J en lavadeiro con fachada á avenida Galicia, desprendemento xeralizado da pintura na fachada e nas paredes de ambos os lados, debe responder Construccións e Aluminios Valledor, S.L.; 5) das deficiencias construtivas na vivenda 2 M (en diferentes estancias da vivenda existen manchas de humidade en cerramentos e teitos en dormitorio do fondo á esquerda, esquina en contacto con patio de parcela dos bloques I e II, balor que ocupa toda a altura da esquina do cerramento, ao outro lado do corredor, na parte de cerramento do dormitorio en contacto co exterior, balor e mancha de humidade ascende desde a súa parte baixa, no primeiro dormitorio a parede da fiestra volve mostrar manchas de humidade, a parede do tendal en contacto co exterior presenta burbullas en pintura e ten tamén balor en torno á carpintaría) deben responder solidariamente Construccións e Aluminios Valledor, S.L., Alba González López e Javier González López; 6) das deficiencias construtivas na vivenda 3 I (algunha lousa do corredor está levantada, no tendal existen azulexos fisurados e ata algún desprendido, así como pezas do zócalo; ademais, a pintura próxima a este punto ten burbullas, na fachada do salón á avenida de Galicia, na esquina superior esquerda o enfoscado pintado está fisurado e a carpintaría sen rematar, no cuarto do fondo á esquerda e no do fondo á dereita tamén a carpintaría está sen acabar) debe responder Construccións e Aluminios Valledor, S.L.; 7) das deficiencias construtivas na vivenda 3 M (rotura de lousas no baño e falta, desde o primeiro momento, dalgunha peza de alicatado, a carpintaría dun dos dormitorios está curvada, sen pechar adecuadamente, aprécianse burbullas na pintura da parte baixa do cerramento en contacto co exterior nun dos dormitorios) debe responder só Construccións e Aluminios Valledor, S.L.; 8) das deficiencias na vivenda ático K (balor en encontro do teito e fachada á avenida de Galicia, en zona de estar da vivenda, que continúan cara ao interior do forxado onde existen manchas de humidade, con afirmación da arrendataria de que, en días de choiva, a cinta da persiana está mollada) deben responder solidariamente Construccións e Aluminios Valledor, S.L., Alba González López e Javier González López; 9) das deficiencias construtivas na vivenda ático P (humidades en distintas localizacións desde o inverno de 2014, no último cuarto á dereita, na esquina que forma a medianeira vista e o patio) e na vivenda 1 N (na parte esquerda da fachada do salón á rúa Parque tamén hai moita humidade e o lavadeiro presenta desprendemento da pintura e mesmo do enfoscado, baixo a soleira da fiestra a pintura mostra unha mancha horizontal en aproximadamente vinte centímetros) deben responder (en relación con humidades) solidariamente Construccións e Aluminios Valledor, S.L., Alba González López e Javier González López e só Construccións e Aluminios Valledor, S.L. en relación co desprendemento de pintura; 10) das deficiencias construtivas na vivenda ático Q, dado que non consta a efectiva existencia con anterioridade ás actuacións de limpeza e pintura dos propietarios, considero que non procede condenar a ningún demandado; 11) dos supostos defectos construtivos no local comercial na planta baixa da avenida de Galicia (descritos como enorme deterioración envolvente, o piso está totalmente encharcado de auga en boa parte da superficie, que ascende polas particións que a separan do portal, non dispón dunha parte do cerramento en contacto co terreo, que si estaba previsto no proxecto, de modo que o mencionado terreo forma parte do local, sen existir ningún elemento impermeable que afaste a humidade e a auga do interior, polo que esta penetra sen barreira ningunha e forma grandes charcos que permanecen e xeran malos cheiros e putrefacción, o que afecta tamén a partición posterior co portal, que mostra humidade de capilaridade; existen, tamén, defectos puntuais como manchas de humidade no forxado de teito no punto de paso das instalacións e buraco en partición), non consta a súa existencia nin reclamación do propietario.

Condeno as persoas declaradas responsables á realización, no prazo que se fixe de acordo co artigo 706 da LAC, das obras necesarias para a emenda dos defectos de construción dos cales foron considerados xuridicamente responsables.

En materia de custas procesuais, examinados os artigos 394 e seguintes da LAC, considero que procede condenar en custas o demandado Construccións e Aluminios Valledor, S.L. pero non a Alba González López e Javier González López, porque a súa responsabilidade foi negada en relación con numerosas pretensións (notablemente máis que en relación con Construccións e Aluminios Valledor, S.L.). Con toda claridade, procede non condenar en custas o señor Santos Ferro pola desestimación das pretensións mantidas contra el.

Condeno en custas a Construccións e Aluminios Valledor, S.L.

Notifíquese a presente sentenza ás partes e fágaselles saber que non é firme e que contra ela cabe recurso de apelación, que se deberá preparar no prazo de cinco días ante este xulgado para a súa posterior resolución pola Audiencia Provincial de Lugo.

Así o acorda, manda e asina o xuíz do Xulgado de Primeira Instancia da Fonsagrada, Eladio Prieto Bellas.

E atopándose o dito demandado, Construccións e Aluminios Valledor, S.L., en paradoiro descoñecido, expídese este edicto co fin de que lle sirva de notificación en forma.

A Fonsagrada, 29 de outubro de 2015

A secretaria xudicial