Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 28 de xuño de 2016 Páx. 27254

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se clasifica un posto de traballo reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no Concello de Baiona, Pontevedra.

O Concello de Baiona formula proposta relativa á clasificación do posto de tesouraría do Concello, reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional pertencentes á subescala de intervención-tesouraría, conforme o Acordo adoptado polo Pleno en sesión celebrada o día 11 de abril de 2016, sobre aprobación inicial do orzamento xeral e o cadro de persoal para o ano 2016, onde figura o posto de tesouraría reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, publicado no Boletín Oficial da provincia o 23 de febreiro de 2016, núm. 36, presentándose alegacións e quedando o dito acordo definitivamente aprobado en sesión ordinaria plenaria do 7 de abril de 2016.

O artigo 92 bis da Lei 7/1985, do 2 do abril, reguladora de bases de réxime local, modificada pola Lei 27/2013, do 30 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da administración local, establece a previsión xeral de que as funcións de contabilidade, tesouraría e recadación teñen o carácter de funcións públicas necesarias reservadas a funcionarios da administración local con habilitación de carácter nacional en todas as corporacións locais.

Por todo isto, en aplicación do establecido nos artigos 2 e 9 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e demais normativa concordante de aplicación e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.e da Lei do emprego público de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias,

RESOLVE:

Primeiro. Clasificar o posto de traballo de tesouraría, reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala intervención-tesouraría, do Concello de Baiona clasificándose como se especifica no anexo que se xunta á dita resolución.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderá impugnarse directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous (2) meses contados desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 en relación co 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2016

José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración Local

ANEXO

Corporación: Baiona.

Posto: tesouraría.

Subescala: intervención-tesouraría.

Forma de provisión: concurso.