BDNS (Identif.): 309507
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións empresariais ou entidades representantes dun parque empresarial ou polígono industrial, a título individual ou agrupadas, que reúnan os seguintes requisitos:
a) Desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Dispoñer dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil nun polígono industrial ou parque empresarial ou nas súas inmediacións.
c) Achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos os/as non nados/as e en proceso de adopción.
d) Presentar un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.
2. As entidades solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.
Segundo. Obxecto
Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas para a posta en funcionamento de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria para o período 2016-2017.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 14 de xuño de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2016 e 2017.
Cuarto. Importe
As axudas consistirán nunha subvención de ata o 100 % do custo total do investimento realizado, cun límite máximo global por escola infantil e entidade beneficiaria de 200.000 euros.
Para as axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dous millóns trescentos corenta e tres mil catrocentos sesenta e oito euros (2.343.468 euros) que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.781.0 distribuído en dúas anualidades, correspondendo 585.867 euros ao ano 2016 e 1.757.601 euros ao ano 2017.
Esta partida estará cofinanciada ao 80 % con fondos Feder do programa operativo de Galicia 2014/2020, eixe prioritario10, prioridade de investimento 05, obxectivo específico 01.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2016
José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social