Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 22 de xuño de 2016 Páx. 25835

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 14 de xuño de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2016 e 2017.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

O Plan de dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020, recolle como un dos seus obxectivos estratéxicos o de ampliar e consolidar as medidas para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, constituíndo unha das súas medidas prioritarias a promoción e a diversificación dos servizos de atención á infancia.

A atención das necesidades de conciliación das familias galegas é igualmente unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa posto en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de dar unha resposta global ás necesidades das nais e dos pais galegos de forma que se garanta o benestar das familias e estas sexan apoiadas dun xeito integral e continuo.

As políticas de conciliación son, como sinalou a Comisión Europea (Eurofound, 2010, pp. 6), a resposta clave aos retos económicos e demográficos a longo prazo e, neste sentido, teñen un impacto significativo na mellora da calidade de vida e de traballo das persoas, no aumento da produtividade das empresas e na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

As medidas de conciliación levan, ademais, asociadas vantaxes que contribúen á mellora do clima laboral e ao incremento da rendibilidade das empresas, pois axudan, entre outras cuestións, a diminuír o absentismo e a rotación de persoal e son un factor de fidelización e de retención do talento.

Neste sentido, a Consellería de Política Social proponse avanzar na corresponsabilidade da Administración pública e das empresas no desenvolvemento de medidas de conciliación e fomentar a posta en marcha de escolas infantís en polígonos industriais e parques empresariais, no convencemento de que esta iniciativa pode contribuír a crear contornos laborais máis atractivos e eficientes e a que as e os galegos poidan ter os fillos e fillas que desexen.

Para esta finalidade, proponse iniciar unha actuación conxunta da Administración autonómica e das asociacións empresariais ou entidades representativas dun polígono industrial ou parque empresarial onde, por solicitude destas últimas, a Xunta de Galicia financie parte do gasto derivado da construción dunha escola infantil no recinto dun polígono industrial ou parque empresarial e a asociación empresarial ou entidade representativa se encargue da súa xestión.

En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria diríxese a apoiar que as familias poidan ter un lugar de atención aos seus fillos/as menores de tres anos preto do lugar do seu posto de traballo, actuación que contribuirá tanto a que as persoas compatibilicen a súa vida persoal e familiar coa profesional como a que as empresas melloren a súa posición no mercado a través dunha mellor administración do seu capital humano.

A xestión desta orde realízase por convocatoria pública de axudas baixo o procedemento de concorrencia competitiva, amparado no réxime de axudas de minimis e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no programa operativo de Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10, prioridade de investimento 05, obxectivo específico 01.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, enmárcase no programa operativo Feder Galicia para o período 2014-2020, de conformidade co disposto no artigo 125.3.e) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello e no Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas para a posta en funcionamento de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia e proceder á súa convocatoria para o período 2016/2017.

Artigo 2. Requisitos das escolas infantís 0-3

As escolas infantís que se poñan en marcha ao abeiro desta orde reunirán os seguintes requisitos:

a) Disporán dun mínimo de 3 unidades con 41 prazas.

b) Adaptaranse ao establecido no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, sen prexuízo do cumprimento da normativa sectorial que sexa de aplicación.

c) A parcela onde se localicen estará separada da actividade industrial, preferentemente nunha zona axardinada que protexa o edificio das condicións exteriores, e non estará acaroada a naves ou establecementos susceptibles de actividades perigosas.

d) A parcela e o patio de xogos estarán cercados e protexidos ata unha altura mínima de 1,50 m.

e) Os elementos de xogo do patio cumprirán os requisitos establecidos no Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís.

f) O inmoble contará coas medidas correctoras precisas de protección contra o tráfico, ruído, contaminación e outras actividades molestas ou prexudiciais.

Artigo 3. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dous millóns trescentos corenta e tres mil catrocentos sesenta e oito euros (2.343.468 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.781.0 distribuído en dúas anualidades, correspondendo 585.867 € ao ano 2016 e 1.757.601 € ao ano 2017.

2. Esta partida estará cofinanciada ao 80 % con fondos Feder do programa operativo de Galicia 2014/2020, eixe prioritario 10, prioridade de investimento 05, obxectivo específico 01.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións empresariais ou entidades representantes dun parque empresarial ou polígono industrial, a título individual ou agrupadas, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Dispoñer dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil nun polígono industrial ou parque empresarial ou nas súas inmediacións.

c) Achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos os/as non nados/as e en proceso de adopción.

d) Presentar un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

Cando se trate de agrupacións de asociacións empresariais ou entidades representativas dun parque empresarial ou polígono industrial deberán facerse constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de entidade beneficiaria. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. As entidades solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

Artigo 5. Permanencia mínima da actividade

O período mínimo de permanencia da actividade da escola infantil 0-3 subvencionada será de 5 anos desde o inicio da actividade, entendendo por este a data do permiso de inicio de actividades outorgado pola Consellería de Política Social.

Artigo 6. Accións e gastos subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as seguintes actuacións:

a) A realización do proxecto básico e de execución para a construción ou reforma dun inmoble destinado á creación dunha escola infantil 0-3.

b) O acondicionamento da parcela e a construción ou reforma dun inmoble para creación dunha escola infantil 0-3.

c) O equipamento da escola infantil 0-3, incluíndo o mobiliario e o material didáctico e de xogo.

As actuacións sinaladas na letra c, sempre que sexa pertinente, deberán realizarse aplicando a perspectiva de xénero para asegurar que promoven o benestar equilibrado de nenas e nenos e unha construción da personalidade libre de estereotipos.

2. Os gastos previstos deberán ser especificados na solicitude (anexo I).

Artigo 7. Tipos de axuda e contías

As axudas consistirán nunha subvención de ata o 100 % do custo total do investimento realizado, cun límite máximo global por escola infantil e entidade beneficiaria de 200.000 euros.

Artigo 8. Procedemento e réxime de concesión

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. Estas axudas estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10, prioridade de investimento 10.05 e obxectivo específico 10.05.01, e están sometidas ao disposto no Regulamento UE 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 e no Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006. Así mesmo, estas axudas ampáranse no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión. Polo tanto, de recibir a persoa xurídica outras axudas baixo o réxime de minimis deberase garantir que non se supera o límite de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 9. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é incompatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

2. No caso de percibírense outras axudas de carácter privado, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutros entes privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento.

4. As entidades solicitantes cubrirán a epígrafe correspondente da solicitude relativa á declaración de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade.

Artigo 10. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 11. Documentación

1. Con cada solicitude (anexo I) é obrigatoria a presentación da seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade e representación da entidade solicitante.

b) Copia do NIF da entidade solicitante, no caso de denegarse expresamente a súa consulta.

c) Documentación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos durante, cando menos, o período mínimo de permanencia da actividade subvencionada.

d) Certificación acreditativa asinada polo representante da entidade solicitante de que no orzamento da entidade existe crédito para cofinanciar a contía correspondente, de propoñerse unha achega orzamentaria propia.

e) Memoria urbanística xustificativa da viabilidade dos investimentos propostos coa situación xurídica, catalogación e permisos dos usos dos terreos.

f) Certificado ou informe municipal sobre as actividades da zona e a súa compatibilidade coa escola infantil 0-3.

g) Estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos os/as non nados/as e en proceso de adopción.

h) Plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

Para o caso de que a asociación empresarial ou entidade representativa dun parque ou polígono industrial presenten solicitude de forma agrupada deberán achegar, ademais:

– Documento cos compromisos de execución asumidos por cada asociación empresarial ou entidade representativa dun parque ou polígono industrial membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles.

– Nomeamento e apoderamento da persoa que desempeña a representación única da agrupación.

2. A Consellería de Política Social reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 12. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento. Deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puider impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación, quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución. Non obstante o anterior, a presentación da documentación requirida fóra de prazo pero con carácter previo á recepción da notificación da resolución en que se lle ten por desistido/a supoñerá a admisión da documentación presentada.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e portal de Benestar (http://benestar.xunta.es/web/portal/portada-de-familia), a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria serán remitidas á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 14.

7. Os expedientes que, logo do trámite de emenda previsto no punto 3 deste artigo, no caso de ser procedente, non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao arquivamento, sen posibilidade de emenda, das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 14. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez instruídos os expedientes constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación ou persoa en que delegue, que actuará como presidente/a.

– A persoa titular do Servizo de Conciliación Familiar.

– A persoa titular do Servizo de Planificación para o Impulso Demográfico.

– Un/unha funcionario/a por proposta da persoa titular da presidencia, que actuará como secretario/a.

A comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerce a presidencia, a que actúa como secretario/a e a metade dos restantes membros. Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a comisión de valoración non pode asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

2. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir das persoas solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

3. A avaliación realizarase segundo os datos que resulten da documentación presentada coa solicitude ou solicitada de oficio polo órgano instrutor. Nos casos de solicitudes con igualdade de puntuación terase en conta, para os efectos de resolver o empate, a puntuación obtida criterio a criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados, empezando polo primeiro, ata que se produza o desempate; no caso de esgotarse os criterios e persistir o empate, a preferencia determinarase pola data de presentación da solicitude.

4. Unha vez avaliados os expedientes e determinada a axuda que lle corresponde a cada proxecto, a comisión fixará o limiar mínimo de puntuación necesario para acadar axuda, tendo en conta o crédito orzamentario e os topes xerais establecidos nestas bases, e presentaralle á persoa responsable do departamento a correspondente proposta de adxudicación. Este limiar mínimo será publicado no portal de Benestar.

5. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obter a axuda, especificarase a puntuación que lles corresponde e o importe da concesión que se propón para cada unha delas.

6. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre ben por non terse enviado a documentación no prazo establecido nos supostos de resolución condicionada ben por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución ata a fin do exercicio 2016 conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 15. Criterios de valoración

1. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliaraas cun máximo de 120 puntos conforme os seguintes criterios:

a) Número de persoas traballadoras do polígono industrial ou parque empresarial, ata 30 puntos coa seguinte desagregación:

– Ata 1.500 traballadores/as: 10 puntos

– Entre 1.500 e 3.000 traballadores/as: 20 puntos

– Máis de 3.000 traballadores/as: 30 puntos

b) Número de fillos/as menores de tres anos do cadro de persoal das empresas do polígono ou parque empresarial.

– Entre 50 e 100: 15 puntos

– Máis de 100: 30 puntos

c) Adecuación do número de unidades da escola infantil 0-3 proposta ao número de nenos/as potenciais usuarios/as:

– Cobertura de ata o 50 %: 2 puntos.

– Cobertura entre o 51 % e o 75 %: 5 puntos.

– Cobertura entre o 76 % e o 99 %: 8 puntos.

– Cobertura do 100 %: 10 puntos.

d) Porcentaxe de traballadores/as menores de 45 anos: outorgarase 5 puntos por cada 10 % de traballadores/as neste suposto, cun máximo de 20 puntos

e) Orzamento destinado pola entidade solicitante a cofinanciar o proxecto segundo o custo total da obra establecido no artigo 7.1: outorgaranse un máximo de 20 puntos coa seguinte desagregación:

– Ata un 25 % do custo total do proxecto: 5 puntos

– Máis dun 25 % e ata o 50 % do custo total do proxecto: 10 puntos

– Máis dun 50 % e ata o 75 % do custo total do proxecto: 15 puntos

– Máis do 75 % do custo total do proxecto: 20 puntos

f) Presentación dunha solicitude conxunta para a posta en marcha dunha escola infantil que dea cobertura a máis dun parque empresarial ou polígono industrial: 10 puntos.

Artigo 16. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, que será debidamente motivada e se realizará logo da fiscalización da proposta, corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que as entidades beneficiarias están ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para resolver será de cinco meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial da Consellería de Política Social publicarase unha relación en que constará a entidade beneficiaria, a contía e a finalidade da axuda, segundo indica o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

4. Na resolución de concesión, que será notificada ás entidades beneficiarias, estas serán informadas das condicións da axuda, de conformidade co establecido nos artigos 125.3.c) e d), 125.4.a) e 67.6 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013, no artigo 10 do Regulamento de execución (UE) nº 1011/2014 da Comisión, do 22 de setembro de 2014, e no anexo III do Regulamento delegado (UE) nº 480/2014 da Comisión, do 3 de marzo. De acordo cos preceptos citados, a resolución de concesión determinará as condicións da axuda e deberá conter como mínimo os seguintes aspectos:

a) Que a axuda está cofinanciada con Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e ao Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

b) Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda.

c) O plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que debe aplicarse para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

d) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das persoas beneficiarias na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

e) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberán cumprir nos termos previstos na sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

f) Obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

g) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte a presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase á persoa beneficiaria da data de comezo deste prazo.

h) Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

i) Obriga de remitir á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social o proxecto básico e de execución redactado polo/a técnico/a competente, no prazo máximo de dous meses desde a notificación da resolución. O proxecto será obxecto de informe por parte da Subdirección Xeral de Proxectos e Accesibilidade para garantir a súa adecuación á normativa vixente.

j) Obriga de solicitar á Consellería de Política Social, unha vez recibido o informe favorable sobre o proxecto básico e de execución, autorización de creación/construción do centro, segundo o previsto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia e de comunicar á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a realización deste trámite.

k) Obriga de non disolverse a agrupación, de ser o caso, ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta é expresa, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder e conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas ante a Comisión Europea, data esta que se comunicará á persoa beneficiaria.

c) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior ao establecido no artigo 5 desta orde, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención. Ademais, deberá garantirse a durabilidade dos investimentos financiados con Feder nos termos previstos no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións realizados a condición de subvencionados pola Consellería de Política Social e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

e) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

f) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

g) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e polos servizos de inspección da Consellería de Política Social; polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

h) Comunicarlle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera ente privado, nacional ou internacional, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa aplicable.

i) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a entidade solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Comunicar á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a concesión da autorización de creación/construción do centro, segundo o previsto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia, que será comprobada de oficio.

l) Poñer en funcionamento a escola infantil 0-3 antes do 31 de decembro de 2017 e manter a actividade subvencionada como mínimo 5 anos desde a data de inicio de actividades.

m) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e da súa normativa de desenvolvemento.

As persoas beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Con base no establecido no título III, artigo 48.3, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias deberán xustificar con data límite do 1 de outubro de 2017 as actuacións realizadas coa presentación da seguinte documentación:

a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acreedor e do documento, o seu importe, data de emisión e de pagamento.

b) Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento: transferencias e certificacións bancarias ou extractos de pagamento onde deberán constar claramente identificados o receptor e emisor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento e a súa data. En todo caso, as facturas correspondentes ao anticipo previsto no artigo 21 deberán estar efectivamente pagadas na anualidade 2016.

c) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas ...) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

d) Declaración de axudas actualizada (anexo II) en que consten expresamente as axudas de minimis solicitadas ou concedidas nos últimos 3 exercicios fiscais, no suposto de que haxa variacións respecto da declaración presentada coa solicitude.

Se a persoa beneficiaria denega expresamente ao órgano xestor a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de mora.

Para os efectos desta orde, os gastos de investimento teñen que cumprir os seguintes requisitos: seren gastos da acción subvencionada, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e seren realizados e efectivamente pagados dentro do período establecido no parágrafo 1 deste artigo.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados.

Artigo 21. Pagamento

1. Realizarase un primeiro pagamento do 25 % da totalidade da subvención, en concepto de anticipo. Con este anticipo financiaranse exclusivamente as actuacións realizadas na anualidade 2016. Así mesmo, no momento da súa concesión poderanse facer pagamentos á conta a medida que a entidade beneficiaria xustifique os investimentos efectuados sempre que xunto co pagamento anticipado non se supere o 90 % da subvención concedida nin se exceda do crédito orzamentario previsto nesta convocatoria para cada anualidade.

Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

2. Unha vez xustificada a totalidade da subvención, o órgano instrutor antes de proceder ao seu pagamento, requirirá da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social a comprobación material do cumprimento da actividade subvencionada, da que quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade, segundo o sinalado no artigo 30.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 19 desta orde e, concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para a que se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada nos termos dispostos no artigo 5 e tendo en conta o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 .

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. O incumprimento das obrigas establecidas nas letras b) e d) do artigo 19 desta orde dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe do 2 % da totalidade da axuda percibida.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 24. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de comprobación e control obrigadas pola normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación son autorizados polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación,cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n,15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dxfondos@conselleriadefacenda.es

Artigo. 26. Publicidade e información

1. As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e do establecido no anexo XII, número 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013). En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren, o financiamento con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Para iso, no lugar onde se desenvolva o proxecto deberá figurar, nun lugar destacado e visible, un cartel informativo no cal aparezan os anagramas da Consellería de Política Social e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional en aplicación do disposto na normativa aplicable.

2. No portal de Benestar informarase das características do devandito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión. Cando a creación ou construción da escola infantil 0-3 se publicite nun sitio da internet, as citadas referencias deberán realizarse en lugar visible na súa páxina de inicio; de facer uso de aplicacións informáticas, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación («axuda», «acerca de» ou similares); así mesmo, cando se elaboren materiais divulgativos da escola infantil 0-3 (cadernos, folletos, notas informativas) deberán constar na contraportada das devanditas publicacións as citadas referencias.

3. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, programa e crédito orzamentario, listaxe de entidades beneficiarias, nome das operacións, contía de fondos públicos asignados a cada operación e finalidade da subvención, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 27. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS403D, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, nos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das delegacións territoriais da Consellería de Política Social; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos , ou do portal de Benestar https://politicasocial@xunta.gal, dos teléfonos 012 e 981957029, no enderezo electrónico demografiaeconciliacion@xunta.gal, ou de forma presencial.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o ditado de instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal de Benestar.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orden entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file