Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 20 de xuño de 2016 Páx. 25524

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 25 de maio de 2016 pola que se notifica o acordo de inicio de procedemento para a declaración de abandono do barco Faxán, da lista 4ª, inscrito no folio 5/1998, do distrito marítimo de Vilagarcía de Arousa.

De conformidade co disposto nos artigos 59.5 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE núm. 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 15/2014, do 16 de setembro (BOE núm. 226, do 17 de setembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, notifícase a Marcos Cubeiro Carro, con último domicilio coñecido en r/ Xeneral Porlier, 1, 2º D, de Arteixo, A Coruña, na súa condición de propietario da embarcación acreditada por escritura pública notarial de venda outorgada o 13 de decembro de 2013, o acordo do presidente de Portos de Galicia do 3 de maio de 2015, que inicia o procedemento para a declaración de abandono do barco Faxán, atracado no pantalán 04 do porto da Pobra do Caramiñal, por non ser posible a notificación a través do servizo de Correos.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que, a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

O acordo emítese, por atoparse a embarcación atracada sen actividade ningunha desde hai dous anos, en estado de abandono e sen aboar taxas e con perigo de afundimento, conforme o establecido nos artigos 302 e 304 do Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, que aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante.

O órgano competente para a resolución deste procedemento é o presidente de Portos de Galicia, en virtude das competencias conferidas polo artigo 6.3, alíneas a) e l), da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación de Portos de Galicia.

A instrución do procedemento recae en Jesús Javier Fernández Barro, xefe da División Xurídica de Portos de Galicia, sendo o seu réxime de recusación o consignado no artigo 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Outórgase ao propietario da embarcación un prazo máximo de 15 días para formular alegacións.

Igualmente, outórgase ao propietario un prazo máximo de 10 días para que proceda a varar a embarcación; en caso de incumprimento desta medida, Portos de Galicia procederá a executar a varada e o traslado do barco a un punto que será debidamente notificado, de maneira subsidiaria e á custa do propietario, ao cal se lle pasarán o custos oportunos.

Por razóns de urxencia, mesmo antes de finalizar o prazo fixado no anterior parágrafo, Portos de Galicia poderá efectuar a varada da embarcación á custa do propietario.

Advírtese finalmente que, de acordo coa normativa máis arriba citada, chegado o termo de declarar o buque abandonado, todos os custos de tramitación ou que xeren as actuacións que se realicen sobre a embarcación en función do que resulte do exame sobre o seu estado e peritación serán á custa do propietario.

O expediente completo, para o seu exame e consulta, atópase na sede dos servizos centrais de Portos de Galicia, sitos na praza de Europa, número 5-A, 6º de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2016

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia