Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 13 de xuño de 2016 Páx. 24055

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 31 de maio de 2016 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 308309.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente polo menos durante un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Segundo. Finalidade

A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual que se atopen en fase inicial de desenvolvemento, e que se prevexa que se levarán a cabo nos exercicios 2016 e 2017, nas modalidades seguintes:

a) Desenvolvemento de proxectos de longametraxes cinematográficas de ficción, animación e documentais, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos.

b) Desenvolvemento de proxectos de longametraxes e miniseries de ficción para televisión. As longametraxes deberán ter unha duración de 60 minutos ou superior. As miniseries deberán ser de dous capítulos cunha duración mínima de 52 minutos cada un.

c) Desenvolvemento de proxectos de series de animación para televisión cunha duración mínima global de 130 minutos.

d) Desenvolvemento de proxectos de pilotos de programas para televisión que destaquen por ofrecer formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 31 de maio de 2016 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Importe

O importe máximo da subvención concedida pola Agadic non poderá superar os seguintes límites:

a) 50 % do investimento subvencionable cando se trate de proxectos previstos para producir en lingua orixinal non galega.

b) 60 % do investimento subvencionable cando se trate de proxectos previstos para producir en lingua orixinal galega.

En todo caso, as cantidades máximas que se establecen segundo as modalidades de proxecto son as seguintes:

a) Desenvolvemento de longametraxes cinematográficas de ficción e animación: máximo 20.000 euros.

b) Desenvolvemento de longametraxes cinematográficas de documental: máximo 10.000 euros.

c) Desenvolvemento de longametraxes e miniseries de ficción para televisión: máximo 15.000 euros (longametraxes) ou 20.000 euros (miniseries).

d) Desenvolvemento de series de animación para televisión: máximo 20.000 euros.

e) Desenvolvemento de pilotos de programas para televisión: máximo 10.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2016

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais