Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 13 de xuño de 2016 Páx. 24025

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2016 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2016.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo da axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares.

Primeira. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais que contribúa a asegurar a madureza dos produtos audiovisuais galegos, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para este ano 2016.

A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual, nas modalidades establecidas na base seguinte, que se atopen en fase inicial de desenvolvemento, e que se prevexa que se levará a cabo nos exercicios 2016 e 2017.

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas para a mesma finalidade polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dos seus organismos dependentes.

4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.

5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

7. As subvencións serán concedidas, de acordo cos principios sinalados no parágrafo anterior, mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

Segunda. Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado, nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

2. Os beneficiarios deberán ter un contrato cun director e/ou un guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados na base terceira.

3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de subvencións da Agadic nos dous exercicios anteriores aos da presente convocatoria e incumprisen as bases ou as finalidades establecidas nela, sempre e cando fosen sancionados por iso. As condicións exixidas no punto 1 do presente artigo deberanse manter durante todo o período de execución do proxecto subvencionado. A perda dalgunha destas condicións suporá a perda da condición de beneficiario, e, se é o caso, o reintegro das cantidades percibidas.

Terceira. Modalidades

1. As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as seguintes:

a) Desenvolvemento de proxectos de longametraxes cinematográficas de ficción, animación e documentais, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos.

b) Desenvolvemento de proxectos de longametraxes e miniseries de ficción para televisión. As longametraxes deberán ter unha duración de sesenta minutos ou superior. As miniseries deberán ser de dous capítulos cunha duración mínima de 52 minutos cada un.

c) Desenvolvemento de proxectos de series de animación para televisión cunha duración mínima global de 130 minutos.

d) Desenvolvemento de proxectos de pilotos de programas para televisión que destaquen por ofrecer formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.

2. O importe máximo da subvención concedida pola Agadic non poderá superar os seguintes límites:

a) 50 % do investimento subvencionable cando se trate de proxectos previstos para producir en lingua orixinal non galega.

b) 60 % do investimento subvencionable cando se trate de proxectos previstos para producir en lingua orixinal galega.

3. En todo caso, as cantidades máximas que se establecen segundo as modalidades de proxecto son as seguintes:

a) Desenvolvemento de longametraxes cinematográficas de ficción e animación: máximo 20.000 euros.

b) Desenvolvemento de longametraxes cinematográficas de documental: máximo 10.000 euros.

c) Desenvolvemento de longametraxes e miniseries de ficción para televisión: máximo 15.000 euros (longametraxes) ou 20.000 euros (miniseries).

d) Desenvolvemento de series de animación para televisión: máximo 20.000 euros.

e) Desenvolvemento de pilotos de programas para televisión: máximo 10.000 euros.

4. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por un mesmo solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por solicitante. A persoa solicitante deberá establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados que a comisión de valoración terá en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas empresas ou entidades. Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.

5. En todos os casos, o importe que se vai xustificar será o correspondente ao total dos custos do proxecto.

6. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos, autonómicos, nacionais ou internacionais, superen o 100 % do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario, isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda, previstas nas cláusulas que seguen.

Cuarta. Procedemento, orzamento e imputación de créditos e contía

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Estas subvencións terán carácter bianual e admitiranse aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido desde o 1 de xaneiro de 2016 ata a data máxima de xustificación establecida na presente convocatoria.

3. O importe global máximo das subvencións anteriormente detalladas será de 185.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, distribuído entre as anualidades 2016 e 2017: 25.000 euros con cargo ao exercicio 2016, e 160.000 euros con cargo ao exercicio 2017.

4. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Quinta. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Estas bases, as solicitudes e os anexos que se xuntan, así como a guía de procedementos e servizos estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, esta axuda será publicada na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta. Prazo

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, indicándose ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei, segundo o previsto no artigo 71.

Sétima. Documentación requirida aos solicitantes

1. Ás solicitudes dos interesados xuntaranse os documentos e informacións previstos nesta cláusula, salvo que a documentación exixida xa estivese en poder da Agadic; neste caso, o solicitante poderase acoller ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, e quedará eximido da súa presentación, sempre e cando así o faga constar e especifique a data e o órgano ou a procedencia en que foron presentados ou emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan; todo isto de conformidade co estipulado no artigo 20.3 da Lei de subvencións de Galicia.

As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación administrativa:

1.1. Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda (9611 produtora audiovisual) no exercicio actual e cun ano de antigüidade ininterrompido, só no caso de que o interesado denegue expresamente a súa consulta.

1.2. Memoria da empresa, conforme o modelo recollido no anexo II.

1.3. Se o solicitante é unha persoa física, copia do DNI ou NIE, só no caso de que o interesado non autorice expresamente a súa consulta.

1.4. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

1.4.1. Copia compulsada ou cotexada do NIF, só no caso de que o interesado denegue expresamente a súa consulta, ou documento equivalente.

1.4.2. Copia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

1.4.3. Documentación que acredite de forma suficiente a representación de quen asina a solicitude.

1.4.4. Copia do DNI ou NIE do representante, só no caso de que o interesado non autorice expresamente a súa consulta.

1.4.5. Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

2. Ademais da documentación anterior, achegarase ordenadamente segundo se detalla, a seguinte documentación técnica:

2.1. Información sobre o tipo de proxecto, intencións artísticas e público obxectivo.

2.2. Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha folla.

2.3. Guión ou, de ser o caso, tratamento secuencial do proxecto.

2.4. Documentación compulsada ou cotexada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

2.5. Currículo e historial do guionista e do director propostos.

2.6. Acordo asinado co guionista e/ou director para a realización das tarefas de desenvolvemento.

2.7. Historial da empresa produtora solicitante e do produtor executivo en canto a obras audiovisuais realizadas, o percorrido das ditas obras en festivais e outros certames audiovisuais, distribución nacional, vendas internacionais e/ou repercusión en televisión.

2.8. Cronograma do proceso de desenvolvemento e calendario desagregado de gasto para a execución.

2.9. Orzamento dos traballos de desenvolvemento para o que se solicita a subvención segundo o modelo que figura no anexo III destas bases.

2.10. Orzamento estimado da produción audiovisual.

2.11. De ser o caso, relación e currículo dos profesionais e/ou empresas propostas para levar a cabo os traballos de desenvolvemento obxecto da subvención.

2.12. Calquera outra documentación que o solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Oitava. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento. Deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. Coas solicitudes das persoas interesadas deberanse achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Agadic publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Novena. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Subvencións cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707, Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.es

Décima. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude do cal se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

3. A comisión de valoración avaliará as solicitudes consonte os criterios de valoración establecidos nestas bases, emitirá un informe relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, indicará a puntuación asignada a cada un deles e fará unha proposta dos que se consideran subvencionables.

4. Unha vez entregado o informe preceptivo por parte da comisión de valoración, a Dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución e indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas.

Undécima. Comisión de valoración

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración que será nomeada polo director da Agadic e que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, de acordo cos criterios fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A comisión de valoración estará formada polas seguintes persoas, nomeadas pola Dirección da Agadic: tres profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos audiovisual e/ou cultural en xeral, entre os que se designará o seu presidente e un profesional pertencente ao cadro de persoal da Agadic. Actuará como secretaria ou secretario unha persoa do cadro de persoal da Agadic.

3. A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os membros da comisión declararán por escrito non ter relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria.

4. A comisión puntuará cada un dos criterios e para cada unha das solicitudes, de forma motivada, e fará a proposta dos proxectos subvencionables.

5. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións.

Décimo segunda. Criterios de valoración

Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 75 puntos):

1. Calidade e orixinalidade do guión ou do tratamento secuencial achegado: terase en conta o interese e creatividade da proposta, a presentación narrativa, a súa contribución á diversificación do panorama audiovisual galego ou calquera outro aspecto diferenciador con respecto a obras xa existentes. Ata 15 puntos que se outorgarán con valoración motivada, por cada un dos membros da comisión.

2. Traxectoria de produtora/director/guionista: máximo 25 puntos.

a) Historial da produtora e do produtor executivo. Terase en conta o número de obras audiovisuais realizadas e que cumpran algunha das seguintes condicións: percorrido das ditas obras en festivais e outros certames audiovisuais de recoñecido prestixio, distribución nacional, vendas internacionais e/ou repercusión en televisión: 1 punto por cada obra cun máximo de 3 puntos.

b) Historiais do guionista e/ou director. Terase en conta a experiencia e traxectoria profesional en canto a anteriores traballos audiovisuais e a súa repercusión. Máximo 2 puntos por cada un asignados proporcionalmente aos aspectos citados (se as dúas funcións recaen na mesma persoa, asignarase un máximo de 3 puntos).

c) Director e guionista residentes en Galicia: 2 puntos por cada un (se recae na mesma persoa, máximo 3 puntos).

d) Dirección, guión e produción executiva a cargo de mulleres: 1 punto por cada unha (se recae na mesma persoa, máximo 2 puntos).

e) Primeiro proxecto para o director e/ou o guionista: 2 puntos por cada un (se recae na mesma persoa, máximo 3 puntos)

f) Proxectos rematados nos 4 últimos anos que recibisen previamente unha axuda ao desenvolvemento da Agadic/Xunta de Galicia: 1 punto por proxecto ata un máximo de 3 puntos.

g) Guión subvencionado na convocatoria 2013, 2014 ou 2015 da Agadic de axudas á creación audiovisual: 4 puntos.

3. Viabilidade do proxecto e potencial de internacionalización: máximo 15 puntos, que se outorgarán con valoración motivada por cada un dos membros da comisión, atendendo á seguinte distribución:

a) Relación entre o tipo de proxecto e o orzamento estimado, e adecuación do orzamento de desenvolvemento segundo o modelo que figura no anexo III, máximo 5 puntos.

b) Potencialidade do proxecto para a coprodución nacional e/ou internacional: máximo 5 puntos.

c) Potencialidade do proxecto para a difusión e a comercialización nacional e internacional, máximo 5 puntos.

4. Contribución do proxecto ao fomento do sector audiovisual galego e da cultura e língua galegas, máximo 20 puntos.

a) Porcentaxe do 50 % ou superior de localizacións en Galicia: 4 puntos (menos, 0 puntos).

b) Porcentaxe do 50 % ou superior de recursos técnicos de produción galegos: 4 puntos (menos, 0 puntos).

c) Porcentaxe do 50 % ou máis de recursos artísticos de produción galegos: 4 puntos (menos, 0 puntos).

d) Versión orixinal da futura obra audiovisual en galego: 4 puntos.

e) Proxecto en que a trama narrativa se basea nunha obra literaria galega e/ou escrita en lingua galega, versa sobre personaxes reais ou de ficción residentes en Galicia, aborda temas referidos á realidade cultural, social ou política de Galicia, reflicte o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico ou natural galego: 4 puntos, se cumpre dous dos aspectos mencionados.

Décimo terceira. Resolución da convocatoria

1. Unha vez cumprido o disposto nas cláusulas anteriores, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución, indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo de data 24 de xullo de 2012 (DOG nº 164) deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de 5 meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

3. A súa notificación ás persoas adxudicatarias da subvención cursarase no prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da súa adopción. Transcorrido o prazo máximo previsto para resolver o procedemento sen que se ditase ou publicase resolución expresa, poderase entender que esta é desestimatoria por silencio administrativo da solicitude de concesión da subvención. Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de «axuda de minimis» exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

4. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

5. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Décimo cuarta. Obrigas dos beneficiarios

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos.

2. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou trocos nos responsables do equipo técnico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

3. Na futura documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web... farase constar que recibiu unha subvención ao desenvolvemento ou produción por parte da Agadic coa súa imaxe corporativa.

4. No caso dos pilotos de series de animación, os beneficiarios dan a autorización expresa á Agadic para a utilización da produción subvencionada co obxecto da súa sociabilización, nas actividades de promoción e difusión que lle corresponden. Nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: «coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais», de conformidade coa normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Décimo quinta. Gastos subvencionables

1. Só se consideran gastos subvencionables:

1.1 Dereitos. Adquisición de dereitos de autor.

1.2. Obra preexistente.

1.3. Obra orixinal.

2. Desenvolvemento de guión.

2.1. asesoramento externo (analista, dialoguista, argumentista, consultor).

2.2. Reescritura e/ou adaptación.

2.3. Tradución.

3. Gastos xurídicos. Gastos derivados do asesoramento e redacción de documentos relacionados con dereitos de obra, coproducións, pre-vendas, acordos de compromiso e contratos cos profesionais participantes no proxecto.

3.1. Asesoramento xurídico.

3.2. Actos xurídicos.

4. Deseño e realización do material promocional.

4.1. Memoria de presentación do proxecto.

4.2. Material audiovisual: teaser, tráiler, programa piloto.

4.3. Story board.

4.4. Deseño e elaboración de material promocional impreso.

4.5. Deseño e elaboración da páxina web do proxecto.

5. Contratación dun plan de márketing.

6. Participación en foros de desenvolvemento de proxectos, mercados e foros de coprodución (quedan excluídas as participacións en foros en que a Agadic promove delegación de empresas e aquelas que recibisen achegas públicas polos mesmos conceptos).

6.1. Traslados.

6.2. Aloxamentos.

6.3. Acreditacións.

7. Persoal e Seguridade Social dos seguintes postos (límite 15 % do importe do máximo da subvención outorgable por categoría cando se asigne a un só posto ou 40 % cando se asigna a dous ou máis postos, proporcionalmente):

7.1. Guionista.

7.2. Director.

7.3. Produtor executivo.

7.4. Gastos de Seguridade Social do guionista, director e produtor exectutivo.

8. Gastos xerais (5 % do importe máximo da subvención outorgable por categoría).

9. Gastos imprevistos (5 % do importe máximo da subvención outorgable por categoría).

2. Non serán gastos subvencionables:

a) O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.

b) Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos e as capitalizacións.

c) Gastos de subcontratación con empresas vinculadas.

Décimo sexta. Xustificación da subvención

O beneficiario deberá presentar no Rexistro da Agadic, tendo de prazo máximo ata o 30 de setembro de 2017, a conta xustificativa da realización do desenvolvemento do proxecto subvencionado, que conterá:

1. Memoria final:

a) Unha copia do guión.

b) O contrato definitivo co guionista.

c) Xustificante de inscrición do proxecto no Rexistro de Propiedade Intelectual.

d) Memoria explicativa dos contactos realizados durante a fase de desenvolvemento, situación actual e evolución do proxecto, cunha extensión mínima de cinco páxinas.

e) Un exemplar do plan de produción.

f) Un exemplar do plan de financiamento coas diferentes entradas comprometidas ou en negociación, debidamente xustificadas.

g) Os correspondentes exemplares do material de promoción do proxecto.

h) Un exemplar do plan de márketing.

i) A proposta de equipo técnico-artístico, que incluirá, como mínimo, a identidade do director e o produtor executivo e tamén a listaxe dos xefes do equipo técnico e unha proposta do elenco.

j) Achegaranse, sempre que sexa posible, cartas de aceptación/interese por parte dos profesionais incluídos nestas listaxes.

k) Na modalidade de pilotos de series de animación para televisión e programas de televisión, copia en DVD da produción final en que figure a imaxe corporativa da Agadic.

2. Memoria xustificativa, que conterá:

a) Memoria descritiva das actuacións realizadas.

b) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE. A relación poderá ser enviada en soporte papel, soporte CD-ROM ou en memoria USB. O modelo deberá descargarse na páxina web da Agadic www.agadic.info

c) Contratos mercantís e relativos a adquisición de dereitos.

d) Xustificantes do ingreso na Facenda Pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas de Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

e) Facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e, se é o caso, contratos, que acrediten os custos de servizos, subministracións e calquera outra prestación que non sexa de persoal contratado directamente pola empresa produtora, así como o xustificante de ter efectuado a declaración das facturas ante a Facenda Pública nos casos en que así o exixa a súa normativa específica.

f) Billetes, facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xustificativos dos gastos de viaxes, aloxamento e inscrición en foros profesionais.

En todo caso, deberá enviarse a documentación xustificativa do pagamento. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

3. Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os dous últimos exercicios, fiscais, e durante o exercicio fiscal en curso, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación (anexo IV).

Os gastos deberán corresponder ao período subvencionable, que comprende desde o día 1 de xaneiro de 2016 ata a data máxima de xustificación establecida na convocatoria.

Décimo sétima. Pagamento

1. Tras a resolución de concesión, a Agadic poderá aboar, en concepto de pagamento anticipado, o importe adxudicado na anualidade 2016, sempre e cando non supere o 50 % da subvención concedida, a aqueles que obtivesen a condición de beneficiarios. Así mesmo, na anualidade 2017 poderá solicitarse o pagamento anticipado, sempre que, sumado ao percibido na anualidade 2016, non supere o 50 % do importe concedido. Para facer efectivos os pagamentos, o beneficiario deberá enviar unha declaración de axudas e unha memoria do estado de execución do proxecto (anexo IV).

2. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O importe restante será aboado tras o cumprimento dos requisitos enumerados na cláusula décimo cuarta e décimo quinta destas bases.

4. O prazo de xustificación da subvención rematará o 30 de setembro de 2017. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

5. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, estando autorizada a Agadic para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

6. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto deberá ser autorizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, e non poderá afectar a aspectos avaliados pola comisión.

7. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo IV).

Décimo oitava. Modificación, incumprimento, reintegros e sancións

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou recursos –ou doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras–, poderá dar lugar á modificación da resolución inicial de concesión e, eventualmente, á súa revogación nos termos establecidos na súa normativa reguladora. Poderá en tal caso a Agadic proceder á reclamación e conseguinte reintegro, total ou parcial, da suma concedida á compañía adxudicataria nos termos anteriormente estipulados.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria, ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décima novena. Control

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2016

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file