Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 9 de xuño de 2016 Páx. 23393

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 31 de maio de 2016 pola que se modifica o módulo de financiamento do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia.

En uso da competencia exclusiva que o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía lle recoñece á Comunidade Autónoma galega, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que define e regula o sistema galego de servizos sociais como servizo público, destinado a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación, mediante intervencións que permitan o logro dos obxectivos estratéxicos do sistema. A propia lei, que foi o resultado dun amplo proceso de participación e dos traballos realizados no marco do diálogo social de Galicia, no seu artigo 3, concreta eses obxectivos, que perfilan o ámbito propio dos servizos sociais: facilitar recursos e itinerarios de inclusión social, garantir a autonomía persoal das persoas dependentes, brindar protección e oportunidades sociais e educativas aos e ás menores, facilitar a conciliación da vida laboral e familiar e, en xeral, ademais, previr a aparición de situacións de exclusión, dependencia, desigualdade ou desprotección das persoas máis vulnerables.

Así mesmo, a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, configura, no seu título I, o sistema para a autonomía e atención á dependencia como «unha rede de utilización pública que integra, de forma coordinada, centros e servizos, públicos e privados», regula as prestacións do sistema e prevé un catálogo de servizos que, de acordo co seu artigo 3, se deben integrar nos sistemas de servizos sociais das comunidades autónomas, no ámbito das competencias que teñen asumidas.

A través do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, modificado e polo Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo e polo Decreto 148/2014, do 6 de novembro, regúlanse, entre outros aspectos, un novo marco para o financiamento dos servizos sociais comunitarios de titularidade municipal, de maneira que se melloran aspectos clave para as facendas locais, como son a continuidade e a estabilidade, así como a economía procesual e consecuente celeridade na xestión dos pagamentos. Para iso, prodúcese un cambio desde un procedemento baseado na convocatoria anual de subvencións a outro de transferencias de ciclo anual, de acordo co procedemento que este decreto regula, garantindo, en todo caso, unha transición que non prexudique a calidade e a continuidade duns servizos fundamentais prestados á cidadanía polas corporacións locais. Esas transferencias, no caso do servizo de axuda no fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia valorada e con dereito recoñecido de atención, realizaranse de maneira regular en función das horas de atención efectivamente prestadas, para o cal se empregará un sistema de información compartido entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais titulares dos servizos.

O artigo 58 regula o financiamento, pagamento e xustificación dos servizos de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia valorada con dereito de atención recoñecido, establecéndose no anexo III, letra A) o módulo de financiamento a aplicar fixado en 9,7 € por hora efectiva de atención xustificada a persoas con Programa Individual de Atención de servizo de axuda no fogar.

A disposición adicional primeira do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, no seu punto primeiro, autoriza a persoa titular da consellería competente no sistema galego de servizos sociais para modificar, mediante orde, a estrutura e contías dos módulos de financiamento recollidos no anexo III e no artigo 47 deste decreto, coa finalidade de adaptalos ao desenvolvemento da efectividade do dereito ás prestacións de dependencia conforme o previsto na disposición primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e o que a normativa reguladora das titulacións universitarias e títulos e cualificacións profesionais, así como as variacións do IPC galego.

Transcorridos catro anos desde a aplicación deste módulo de financiamento, cómpre realizar unha modificación do módulo de financiamento para adaptalo á realidade concreta de cada corporación local, evitar a xeración dos remanentes declarados a través da xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais e conseguir unha maior eficiencia na prestación do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia para posibilitar o incremento da atención.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, e polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación do anexo III do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento

Modifícase o anexo III, letra A) do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, que queda redactado da seguinte maneira:

«Criterios para o financiamento do servizo de axuda no fogar (SAF):

A) Garantía de financiamento da renovación anual do servizo de axuda no fogar para persoas valoradas coma dependentes con dereito de atención recoñecido na correspondente resolución do programa individual de atención.

Módulo económico que se vaia aplicar: a achega da Xunta será igual á diferenza entre o custo do servizo, declarado pola corporación local na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais máis recente dispoñible, menos o importe da participación da persoa usuaria no custo do servizo, por hora efectiva de atención xustificada a persoas con Programa individual de atención de servizo de axuda no fogar.

En todo caso, a achega por parte da Xunta de Galicia será dun máximo de 9,7 € por hora efectiva de atención xustificada a persoas con Programa individual de atención de servizo de axuda no fogar».

Disposición adicional primeira. Custo do servizo

Para os efectos do disposto no segundo parágrafo da letra A) do anexo III, considérase custo do servizo declarado pola corporación local na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais máis recente dispoñible o correspondente a última xustificación do proxecto anual de servizos sociais cursada e admitida na aplicación https:planconcertado.xunta.es. A este respecto terase coma referencia de custo do servizo ata o 30 de xuño do exercicio corrente o declarado na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais relativo a dous exercicios anteriores ao corrente, e a partir do 1 de xullo do exercicio corrente o declarado na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais relativo ao exercicio anterior.

Disposición adicional segunda. Importe da participación da persoa usuaria no custo do servizo

Para os efectos do disposto no segundo parágrafo da letra A) do anexo III, considérase importe da participación da persoa usuaria no custo do servizo, por hora efectiva de atención xustificada a persoas con PIA de servizo de axuda no fogar, o determinado na correspondente resolución do Programa individual de atención en aplicación do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, en proporción ao número de horas efectivamente prestadas mensualmente.

Disposición adicional terceira. Transferencias finalistas para o financiamento do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia

1. Tal e como se dispón no artigo 41.1 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, «a Xunta de Galicia cofinanciará os servizos sociais comunitarios das corporacións locais mediante transferencias finalistas que se efectuarán de acordo co establecido neste decreto e nas normas que se poidan ditar para o seu desenvolvemento», establecéndose no seu punto 5 que «as transferencias de natureza corrente terán por obxecto o cofinanciamento dos gastos derivados do normal funcionamento e desenvolvemento dos servizos sociais comunitarios municipais en cada exercizo orzamentario», sendo financiados, entre outros, os «Gastos derivados da prestación do servizo de axuda no fogar, na súa modalidade de atención a persoas valoradas como dependentes, ás que se lles aplicará o procedemento especial regulado no artigo 58 deste decreto».

2. En consecuencia, segundo o disposto no punto anterior e no disposto no 58.4 e 5 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, a Xunta de Galicia a través da consellería competente en materia de servizos sociais, garante o financiamento das horas efectivamente prestadas e rexistradas no sistema de información en relación ao servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, que liquidará e transferirá trimestralmente segundo o módulo económico vixente de recollido no anexo III do citado decreto.

Disposición transitoria primeira. Mantemento do volume de financiamento ás corporacións locais

1. En todo caso, e como consecuencia da aplicación do novo módulo de financiamento, garantirase o nivel de financiamento ás corporacións locais correspondente ao exercicio anterior segundo o disposto no punto seguinte.

2. No suposto de que, como consecuencia da aplicación do novo modelo de financiamento, se considere que se producirá unha minoración no nivel de financiamento dunha corporación local con respecto ao exercicio anterior, de ser o caso, realizarase un incremento na asignación de horas para a prestación do servizo de axuda no fogar a novas persoas en situación de dependencia equivalente ao importe da minoración estimada.

3. En todo caso, o mantemento do incremento do volume de persoas beneficiarias anualmente estará supeditado á variación que experimenten os custos do servizo, declarado polas corporacións locais na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais, segundo o disposto na disposición adicional primeira, e á dispoñibilidade orzamentaria prevista na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento, a través de transferencias de financiamento ás entidades locais, do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia.

Disposición transitoria segunda. Determinación do importe da participación no custo do servizo da persoas usuarias

Para os efectos do disposto na disposición adicional segunda en relación con aquelas persoas usuarias do servizo de axuda no fogar con anterioridade ao 1 de maio de 2014, que aínda non teñan actualizado o importe da súa participación no custo do servizo, segundo o disposto no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, considerarase 0 € como importe de participación no custo do servizo ata que sexa efectiva a súa actualización.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Autorízase a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de dependencia da Consellería de Política Social para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor, trala súa publicación no Diario Oficial de Galicia, o un de xullo de dous mil dezaseis.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social