Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 8 de xuño de 2016 Páx. 23089

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 23 de maio de 2016 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2016/2017.

BDNS (Identif.): 308104

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Centros non universitarios sustentados con fondos públicos:

a) Centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, integrados no Plan de mellora en convocatorias anteriores.

b) Centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de nova incorporación neste programa.

c) Axudas a centros privados concertados que se integran no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2016/2017.

Segundo. Obxecto

A través desta orde preténdense seleccionar novos centros para a súa incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como apoiar a continuidade deste programa mediante a concesión de novas contías aos centros educativos incluídos en anteriores convocatorias (sempre que a través do seguimento que se realiza desde a coordinación do programa e, moi especialmente, a través da memoria correspondente ao actual curso 2015/16, acaden unha valoración positiva).

As contías asignadas a través desta convocatoria, así como as axudas concedidas, teñen como finalidade incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que recollan:

a) A organización, actualización e dinamización da biblioteca de centro, entendida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe.

b) A súa contribución á mellora dos procesos de ensinanza e de aprendizaxe e á adquisición das competencias clave do alumnado.

c) O concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

d) O deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, é dicir, as competencias de uso, tratamento e produción de información nos diferentes soportes e formatos, así como o tratamento das linguaxes dos diferentes medios de comunicación.

e) A imprescindible integración da cultura impresa e da cultura dixital.

f) A realización de actividades de formación de usuarios das bibliotecas e os seus recursos.

g) O papel da biblioteca escolar no desenvolvemento do proxecto lector de centro.

h) O fomento da lectura e da escritura.

i) A contribución da biblioteca á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro.

l) As posibilidades que ofrece para a incorporación de metodoloxías innovadoras e consecuentes coas necesidades educativas actuais.

m) A implicación da biblioteca en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 23 de maio de 2016 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sustentados con fondos públicos para o curso 2016/2017.

Cuarto. Importe

Os importes destinados aos centros privados concertados teñen carácter de subvención. A dotación global de axudas para a renovación e funcionamento da biblioteca escolar para os centros privados concertados que resulten seleccionados a través desta convocatoria ascende a un máximo de 51.000 € e tramitarase con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:

1º. 10.60.423A.780.2, destinada á adquisición de fondos documentais, en distinto soporte, por unha contía máxima de 12.000 € para o período setembro-decembro de 2016 e de 24.000 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2017.

2º. 10.60.423A.780.1, para a renovación de mobiliario e outros equipamentos, por unha contía máxima de 4.000 € para o período setembro-decembro de 2016 e de 8.000 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2017.

3º. 10.60.423A.482.0, para gastos de funcionamento da biblioteca, por unha contía máxima de 1.000 € para o período setembro-decembro de 2016 e de 2.000 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2017.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará un mes despois da dita publicación.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria