Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 8 de xuño de 2016 Páx. 23092

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 25 de maio de 2016 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2016/17.

As residencias escolares prestan un servizo complementario que contribúe eficazmente ao desenvolvemento educativo, pois facilitan o acceso ao ensino postobrigatorio ao alumnado que debe escolarizarse en localidades distintas ás do seu domicilio habitual, así como a aquel que, por circunstancias excepcionais, deba utilizar o servizo de residencia como medida para asegurar unha adecuada resposta educativa que non pode recibir no centro educativo da súa residencia habitual.

A disposición derradeira primeira do Decreto 43/1989, do 2 de marzo, que establece a transformación dos centros de ensinanzas integradas da Coruña, Ourense e Vigo en institutos de educación secundaria e profesional e centros residencias docentes (Diario Oficial de Galicia núm. 62, do 31 de marzo de 1989), faculta a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o seu desenvolvemento e execución.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Condicións xerais e requisitos

Sección 1ª. Condicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto adxudicar as prazas de residencia existentes nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, ao alumnado que no curso académico 2016/17 inicie ou continúe estudos postobrigatorios non universitarios en centros docentes públicos ou privados concertados, situados nos termos municipais da Coruña, Culleredo, Ourense e Vigo.

2. No caso de centros docentes privados concertados deberá tratarse de ensinanzas e niveis incluídos no ámbito do concerto educativo.

Artigo 2. Condición de solicitante

Para os efectos desta orde, terá a condición de solicitante a alumna ou o alumno. No caso de que sexan menores de idade, actuarán asistidos polos seus representantes legais.

Artigo 3. Residentes con reserva de praza

1. Os/as residentes terán reserva de praza ata que completen os cursos dun concreto nivel educativo ou ciclo formativo que dean lugar á obtención dun título académico, sempre que non repitan curso e non variasen as demais circunstancias que se tiveron en conta para a adxudicación inicial.

2. Se queda algunha praza sen ocupar, deberá acumularse ás vacantes ofertadas polo centro ou, de ser caso, ofertarse ao alumnado que figure na listaxe de suplentes, respectando a orde de prelación. Así mesmo, o centro residencial deberá comunicar esta circunstancia e número de prazas afectadas á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Artigo 4. Residentes sen reserva de praza

Os/as residentes que rematen un concreto nivel educativo ou ciclo formativo, obtendo ou reunindo as condicións necesarias para obter o título académico correspondente, non teñen reserva de praza, por tanto, para continuar estudos deberán presentar nova solicitude.

Artigo 5. Prazas de residencia reservadas e prazas vacantes

Os centros residenciais docentes, no prazo de tres (3) días contados a partir do seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia:

1. Elaborarán e remitirán á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos unha estimación nominativa dos residentes que, á vista da información dispoñible nesa data, poidan ter reserva de praza para o curso 2016/17.

2. Publicarán o número de prazas vacantes ofertadas na súa páxina web e/ou no seu taboleiro de anuncios.

Artigo 6. Incompatibilidades

1. As persoas que estean en posesión ou reúnan os requisitos necesarios para obter o título académico correspondente a un determinado nivel e modalidade educativa ou a un determinado ciclo formativo non poderán obter praza de residencia para realizar estudos do mesmo nivel ou dun nivel equivalente. Non se aplicará esta causa de incompatibilidade cando, unha vez adxudicadas as prazas ás persoas admitidas, seguisen existindo prazas vacantes.

2. A condición de adxudicatario/a de praza de residencia gratuíta é compatible coas axudas da convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar.

3. A obtención de praza de residencia non gratuíta é compatible coas indicadas axudas, sempre que o importe da axuda destinado a gastos de comedor e/ou residencia escolar non supere a cantidade que ten que aboar.

Sección 2ª. Requisitos académicos, persoais e de lugar de residencia

Artigo 7. Requisitos académicos e persoais

A persoa solicitante deberá reunir os seguintes requisitos:

1. Estar matriculada en estudos postobrigatorios non universitarios nalgún dos centros docentes indicados no artigo 1 desta orde no curso 2016/17.

2. Non repetir curso.

Excepcionalmente, por causas debidamente xustificadas, a Comisión de Valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento deste requisito, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e do informe da Inspección educativa.

3. Non ter sido expulsada no curso anterior dun centro residencial nin estar sometida a un procedemento disciplinario en trámite, por algunha das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia descritas no artigo 15 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.

Artigo 8. Lugar de residencia da unidade familiar e accesibilidade aos estudos

1. A persoa solicitante deberá estar matriculada nunha modalidade concreta dun nivel educativo ou nunha familia profesional ou especialidade dun ciclo formativo que:

a) Non se imparta en ningún centro sostido con fondos públicos da localidade de residencia habitual da unidade familiar á cal pertenza.

b) E tampouco se imparta nunha localidade que, pola súa proximidade á de residencia habitual ou polos medios de comunicación dispoñibles, permita o desprazamento diario con facilidade.

2. Excepcionalmente, por circunstancias persoais ou familiares moi graves debidamente xustificadas, a Comisión de Valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento deste requisito, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e dos informes que se consideren oportunos.

Sección 3ª. Requisitos económicos

Artigo 9. Membros computables da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, terase en conta a situación da unidade familiar o 31 de decembro de 2015.

2. Terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) A persoa solicitante.

b) Os proxenitores non separados legalmente ou divorciados ou, de ser o caso, os representantes legais do menor.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa persoa proxenitora.

d) Os irmáns solteiros menores de 25 anos que dependan dos proxenitores, sempre que convivan no domicilio familiar.

e) Os irmáns maiores de 18 anos discapacitados sempre que convivan no domicilio familiar.

2. Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá achegar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos. Se a residencia independente e os medios económicos propios non quedan convenientemente xustificados, a solicitude será denegada.

3. Non terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) O/a proxenitor/a que non conviva habitualmente coa persoa solicitante, no caso de separación legal ou divorcio.

b) O agresor nos casos de violencia de xénero.

Artigo 10. Determinación da renda da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, terase en conta a renda da unidade familiar do exercicio fiscal 2014.

2. A renda da unidade familiar obterase pola suma das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculados segundo indican os puntos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

3. Cando o membro computable presente declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, sumarase a base impoñible xeral (recadro 430) e a base impoñible do aforro (recadro 445); cando non a presente, sumaranse todos os ingresos netos obtidos, agás as bolsas de estudo concedidas polas administracións públicas, que non computarán como ingreso.

4. Nos casos de separación legal ou divorcio, a achega económica que realice o proxenitor que non conviva habitualmente co solicitante, en concepto de pensión compensatoria ou pensión de alimentos, compútase para os efectos de calcular a renda da unidade familiar. Nos casos en que se acorde custodia compartida, computaranse os ingresos de ambos.

5. Os ingresos obtidos polo novo cónxuxe ou parella de feito do proxenitor co que conviva habitualmente a persoa solicitante compútanse para calcular a renda da unidade familiar.

6. Nos casos de violencia de xénero quedan excluídos do cómputo os ingresos do agresor.

Sección 4ª. Alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia

Artigo 11. Alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia

O alumnado suxeito á tutela ou garda da Xunta de Galicia, tanto se está en centro de menores como se está acollido por unha familia, terá preferencia para obter praza se reúne os requisitos académicos e persoais (artigo 7) e os de accesibilidade aos estudos (artigo 8).

CAPÍTULO II
Modalidades de adxudicación de praza: gratuíta e bonificada

Artigo 12. Adxudicación de praza gratuíta

A adxudicación de praza de residencia será gratuíta:

1. Cando a renda da unidade familiar da persoa adxudicataria sexa igual ou inferior ao limiar 2 fixado polo Real decreto 595/2015, do 3 de xullo, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2015/16 (Boletín Oficial del Estado núm. 159, do 4 de xullo).

2. Cando se trate de alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Adxudicación de praza bonificada

1. Cando a renda da unidade familiar sexa superior ao limiar 2, a persoa adxudicataria deberá aboar anualmente as seguintes cantidades:

a) Ata un 10 %: 538 €.

b) Máis do 10 % e ata un 20 %: 825 €.

c) Máis do 20 % e ata un 30 %: 1.307 €.

d) Máis do 30 %: 1.968 €.

2. O pagamento desta cantidade poderá fraccionarse ata un máximo de 3 prazos trimestrais, que deberán facerse efectivos antes do inicio do respectivo trimestre.

CAPÍTULO III
Criterios de baremo

Artigo 14. Criterios de baremo

1. As solicitudes valoraranse conforme criterios socioeconómicos e de rendemento académico.

2. Os criterios socioeconómicos abranguen: composición da unidade familiar, orfandade ou calquera outra situación familiar especial; número de habitantes do lugar de residencia da unidade familiar e renda da unidade familiar.

Artigo 15. Composición da unidade familiar: irmáns, orfandade ou calquera outra situación familiar especial

1. Por irmán asignaranse as seguintes puntuacións:

a) Irmáns solteiros menores de 25 anos non independizados que convivan no domicilio familiar, incluído o propio solicitante: 1 punto por cada un.

b) Irmán residente no mesmo centro: 0,50 puntos por cada un.

2. En atención á condición de orfo, asignaranse as seguintes puntuacións:

a) Orfo de pai ou de nai: 9 puntos.

b) Orfo absoluto: 13 puntos.

3. Ás situacións familiares especiais enumeradas a seguir asignaráselle a puntuación indicada en cada caso (máximo de 6 puntos):

a) Violencia de xénero: 4 puntos.

b) Residencia habitual dos pais ou titores no estranxeiro: 2 puntos.

c) Discapacidade dalgún membro computable da unidade familiar igual ou superior ao 33 %: 1 punto por cada un; e se é igual ou superior ao 65 %: 4 puntos por cada un.

d) Cando o proxenitor do alumnado solicitante, ou os proxenitores se ambos traballasen, acrediten que esgotaron o dereito a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego, e que continúan inscritos como demandantes de emprego: 2 puntos por cada un.

Artigo 16. Número de habitantes da entidade singular de poboación de residencia da unidade familiar

En atención ao número de habitantes da entidade singular de poboación onde resida a unidade familiar, atribuirase a seguinte puntuación:

1. Menos de 1.000 habitantes: 5 puntos.

2. Entre 1.001 e 2.000 habitantes: 4 puntos.

3. Entre 2.001 e 5.000 habitantes: 3 puntos.

4. Entre 5.001 e 10.000 habitantes: 2 puntos.

5. Entre 10.001 e 20.000 habitantes: 1 punto.

6. Máis de 20.000 habitantes: 0 puntos.

Artigo 17. Renda da unidade familiar

Atendendo á renda da unidade familiar, atribuirase a seguinte puntuación:

1. Ata 4.265,00 €: 10 puntos.

2. De 4.265,01 a 4.840,00 €: 8 puntos.

3. De 4.840,01 a 5.420,00 €: 7 puntos.

4. De 5.420,01 a 5.992,00 €: 6 puntos.

5. De 5.992,01 a 6.620,00 €: 5 puntos.

6. De 6.620,01 a 7.145,00 €: 4 puntos.

7. De 7.145,01 a 7.726,00 €: 3 puntos.

8. De 7.726,01 a 8.300,00 €: 2 puntos.

9. De 8.300,01 a 8.878,00 €: 1 punto.

10. Máis de 8.878,00 €: 0 puntos.

Artigo 18. Rendemento académico

1. O rendemento académico valorarase numericamente en función da nota media que resulte do certificado oficial de notas do curso académico inmediatamente anterior (2015/16).

2. A nota media será a media aritmética das cualificacións numéricas obtidas, expresadas con dúas cifras decimais.

3. No caso de cualificacións expresadas de forma cualitativa, efectuarase a súa conversión á necesaria expresión numérica segundo a seguinte táboa de equivalencias:

a) Aprobado = 5,5 puntos.

b) Ben = 6,5 puntos.

c) Notable = 8 puntos.

d) Sobresaliente = 9 puntos.

e) Matrícula de honra = 10 puntos.

Artigo 19. Supostos excepcionais

1. As circunstancias persoais, familiares, sociais e económicas das cales derive unha problemática específica, así como o feito de residir en zonas con grandes dificultades de escolarización, poderán ser consideradas como supostos excepcionais e poderá outorgarse unha puntuación adicional de ata 10 puntos.

2. Para tal efecto, á vista da solicitude e demais documentación que achegue a persoa interesada, tendo en conta a proposta que efectúe o centro residencial e o informe da Inspección educativa, a Comisión de Valoración resolverá de forma motivada.

CAPÍTULO IV
Procedemento de adxudicación de praza en período ordinario

Artigo 20. Competencias

1. Na tramitación do procedemento de adxudicación de prazas de residencia, corresponderá a instrución, ao respectivo centro residencial docente; e a valoración dos criterios de baremo e a elaboración de propostas, á Comisión de Valoración prevista no artigo 28.

2. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos adoptará as resolucións e acordará a súa publicación nos termos previstos nesta orde.

3. O presente procedemento tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, a través da comparación das solicitudes presentadas, a fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración previamente fixados nas bases da convocatoria e adxudicar as prazas e as bonificacións das cotas ás persoas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios (artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Así mesmo, de acordo co artigo 23.4 e 5 da dita lei, o prazo máximo para tramitar o procedemento será de cinco (5) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia; transcorrido este, a solicitude poderá entenderse denegada por silencio administrativo negativo.

Sección 1ª. Solicitude, prazo e documentación

Artigo 21. Presentación de solicitude: forma, lugar e consecuencias

1. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel, preferentemente no centro residencial docente, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es.

2. Así mesmo, o dito formulario publícase como anexos I e II desta orde.

3. A presentación da solicitude implicará respecto da persoa solicitante ou o seu representante legal: que acepta as bases da convocatoria e reúne os requisitos exixidos nela; que son certos todos os datos que constan na solicitude; e que reúne os requisitos necesarios para obter o título académico que indica.

Artigo 22. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será:

1. Para o alumnado matriculado en bacharelato, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 15 de xullo de 2016 (este incluído).

2. Para o alumnado matriculado en ciclos formativos, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 8 de agosto de 2016 (este incluído).

Artigo 23. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas á consellería competente en materia de educación para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os centros docentes publicarán no seu taboleiro de anuncios e/ou páxina web: a relación de admitidos, coa puntuación total e desagregada; a relación de excluídos, con indicación da causa de exclusión; a relación de suplentes; e a relación de persoas adxudicatarias. Igualmente, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, incluiranse nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de educación, e os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderán exercerse ante esta, mediante o envío da comunicación correspondente ao enderezo Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela; ou ao correo electrónico sxt.cultura.educacion@xunta.es

Artigo 25. Documentación

1. Forma de presentación.

a) Cando a solicitude e a documentación preceptiva se presenten no centro, achegaranse fotocopias e os respectivos orixinais, para que a persoa que a reciba verifique a súa autenticidade.

b) Cando se presenten nun lugar distinto do centro, a solicitude irá acompañada dos documentos orixinais ou copias cotexadas.

En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación.

2. O alumnado que solicite por primeira vez e as persoas residentes sen reserva de praza:

a) Identidade. Achegará copia do DNI ou NIE da persoa solicitante e dos membros da unidade familiar, cando non autoricen a consulta de forma telemática.

b) Matrícula. Achegará xustificante da matrícula para o curso académico 2016/17.

c) Composición da unidade familiar. Achegará copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables.

Se non ten libro de familia ou este non reflicta a situación a 31 de decembro de 2015, poderá acreditala utilizando, entre outros, algún dos seguintes medios: sentenza xudicial de separación ou divorcio ou convenio regulador; certificado de convivencia; informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia; certificado de falecemento.

d) Residencia habitual da unidade familiar. Achegarase certificado de convivencia que acredite o 31 de decembro de 2015 que o solicitante e os demais membros computables residen no mesmo domicilio.

e) Renda familiar. Achegarase copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, en defecto desta, certificado tributario de imputacións do ano 2014, de todos os membros computables da unidade familiar distintos da persoa solicitante, cando non autoricen a consulta de forma telemática.

f) Rendemento académico. Achegará o certificado oficial das notas do curso escolar 2015/16.

g) Discapacidade. Achegará o certificado acreditativo do grao de discapacidade, agás que fose emitido pola Xunta de Galicia, que só se presentará se non autoriza expresamente a súa verificación.

O grao de discapacidade igual ao 33 % tamén se poderá acreditar coa resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social de recoñecemento dunha pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou coa resolución de recoñecemento dunha pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, cando non autoricen a consulta de forma telemática.

h) Desemprego do proxenitor do alumnado solicitante, ou os proxenitores se ambos traballasen. Achegará xustificación da extinción da prestación ou subsidio por desemprego e de continuar inscrito como demandante de emprego, cando non autoricen a consulta de forma telemática.

i) Situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia. Achegarase o certificado do centro de menores ou a resolución xustificativa do acollemento familiar.

j) Violencia de xénero. Acreditarase en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

k) Exención do requisito de non repetir curso. A concorrencia de circunstancias especiais poderá acreditarse por calquera medio adecuado e idóneo.

l) Exención do requisito de lugar de residencia e accesibilidade a estudos. A concorrencia de circunstancias persoais ou familiares moi graves poderá acreditarse por calquera medio adecuado e idóneo.

3. As persoas residentes con reserva de praza ou, de ser o caso, o seu representante legal, deberán asinar a declaración responsable que aparece incorporada ao modelo do anexo I desta orde.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 26. Documentación complementaria

A dirección do centro residencial e a Comisión de Valoración poderán requirir a documentación complementaria que xulguen necesaria, para constatar a concorrencia ou, de ser o caso, o mantemento dos requisitos e dos criterios de baremo.

Artigo 27. Falta de xustificación de requisitos e/ou de criterios de baremo

1. A falta ou insuficiente xustificación dun requisito, impedirá obter ou conservar a praza de residencia.

2. Cando a omisión ou deficiente xustificación afecte a un criterio de baremo, atribuiráselle neste 0 puntos.

Sección 2ª. Comisión de Valoración

Artigo 28. Composición e funcións da Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración estará composta por:

a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou aquela en quen delegue.

b) Vogais: un/unha representante de cada un dos centros residenciais docentes.

c) Un/unha representante do servizo de recursos educativos complementarios dunha das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación.

d) Un/unha representante da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

e) Dúas persoas funcionarias da consellería competente en materia de educación, das cales unha actuará como secretaria.

2. Á comisión corresponderalle valorar os criterios de baremo asignando as puntuacións e as demais funcións atribuídas nesta orde.

Sección 3ª. Listaxes provisionais, definitivas, adxudicación de prazas e listaxe de suplentes

Artigo 29. Publicación da puntuación provisional das persoas admitidas e da listaxe das excluídas

1. Antes do 31 de agosto de 2016, publicaranse a través da páxina web da consellería e do taboleiro de anuncios ou da páxina web do respectivo centro residencial:

a) A listaxe provisional de persoas admitidas que indicará a puntuación total por orde descendente e a correspondente a criterios socioeconómicos e ao rendemento académico.

b) A listaxe provisional de persoas excluídas que indicará a causa da exclusión.

2. As persoas solicitantes poderán formular reclamación ante a Comisión de Valoración no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

3. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación das listaxes definitivas.

Artigo 30. Publicación da puntuación definitiva das persoas admitidas, da relación definitiva de excluídas, adxudicatarias de praza e suplentes

1. Antes do 15 de setembro de 2016, publicaranse conxuntamente a través da páxina web da consellería e do taboleiro de anuncios ou da páxina web do respectivo centro residencial:

a) A listaxe definitiva de todas as persoas admitidas, indicando: a puntuación total por orde descendente; e a correspondente a criterios socioeconómicos e ao rendemento académico.

b) A listaxe definitiva de persoas excluídas, que indicará a causa da exclusión.

c) A listaxe de persoas adxudicatarias, que indicará o nome e apelidos e o centro en que estean matriculadas.

d) A listaxe de suplentes, coas persoas admitidas que estando matriculadas nalgún dos centros docentes do artigo 1 desta orde non accedan a praza de residencia, seguindo a orde de prelación que resulte da súa puntuación definitiva.

2. Na adxudicación de prazas de residencia en período ordinario terán preferencia as persoas matriculadas en cursos completos e as que estean matriculadas, polo menos, na metade dos módulos que compoñan o ciclo formativo, seguindo en ambos os dous casos a orde de prelación que resulte da puntuación definitiva.

3. Se feita esta adxudicación seguen existindo prazas vacantes, adxudicaranse ao alumnado matriculado no número de materias ou de módulos que lle falte para finalizar os estudos; ao alumnado con matrícula parcial, que teña un mínimo de catro (4) materias; ou ao alumnado matriculado nun número de módulos que teñan unha duración horaria igual ou superior a 500 horas, seguindo a orde de prelación que resulte da puntuación definitiva.

4. Fronte á resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que aproba e ordena a publicación das ditas listaxes, as persoas interesada poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación na páxina web da consellería.

CAPÍTULO V
Procedemento de adxudicación de praza en período extraordinario

Artigo 31. Presentación de solicitudes en período extraordinario

Cando feita a adxudicación de prazas en período ordinario sigan existindo prazas vacantes, o centro residencial abrirá un prazo de presentación de solicitudes en período extraordinario entre o 15 e o 30 de setembro de 2016, ambos incluídos.

Artigo 32. Tramitación

A tramitación destas solicitudes axustarase ao establecido nos artigos anteriores, agás no relativo ás datas e prazos, que serán os seguintes:

a) Publicación da listaxe provisional: 7 de outubro de 2016.

b) Prazo para formular reclamación: ata o 11 de outubro de 2016.

c) Publicación da listaxe definitiva e da adxudicación de praza: 17 de outubro de 2016.

CAPÍTULO VI
Obrigas das persoas residentes e causas de perda da praza

Artigo 33. Obrigas das persoas residentes

1. As persoas beneficiarias de praza deberán incorporarse á residencia na data de inicio do curso escolar e respectar o réxime interno, as normas de convivencia e os horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

2. Os centros residenciais docentes permanecerán pechados as fins de semana (desde o venres pola tarde ata o domingo pola noite) tal e como establezan as normas de réxime interno do centro.

Artigo 34. Causas de perda da praza

1. As persoas residentes poderán perder a praza:

a) Por non incorporarse ao centro residencial na data de inicio do curso escolar, agás causa de forza maior debidamente xustificada.

b) Por non residir os días lectivos no centro residencial, agás causas debidamente xustificadas.

c) Por baixo rendemento académico (faltas reiteradas de asistencia que dean lugar á perda da avaliación, incumprimento dos requisitos para poder rematar o curso...), constatado a través do informe da Inspección educativa.

d) Por perda da condición de alumna ou alumno do centro docente adscrito.

e) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada, cando afecte á concorrencia dos requisitos esixidos na convocatoria.

f) Por inexactitude ou falsidade dos datos ou da información achegada cando, afectando a criterios de baremo, a puntuación outorgada nese criterio sexa determinante da adxudicación da praza.

g) Por incumprimento das normas de réxime interno do centro residencial, cando se trate de condutas gravemente prexudiciais para a convivencia ou condutas leves contrarias á convivencia, descritas respectivamente nos artigos 15 e 16 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.

Artigo 35. Procedemento

1. A dirección do centro residencial notificará o feito constitutivo do incumprimento das indicadas obrigas á persoa residente e concederalle un prazo de cinco (5) días hábiles para que presente alegacións, documentos ou xustificacións que considere convenientes.

2. Á vista destas, ou transcorrido o prazo concedido, e logo do informe do consello da residencia, a persoa titular da dirección do centro resolverá o procedente no prazo de cinco (5) días hábiles.

3. Esta resolución notificaráselle á persoa interesada ou, de ser o caso, ao seu representante legal, indicando a posibilidade de interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

CAPÍTULO VII
Recurso

Artigo 36. Recurso

Contra esta orde, os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 10.1 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Así mesmo, a presente orde poderá ser recorrida potestativamente en reposición no prazo dun mes ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de acordo cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira. Acceso a servizos do centro residencial por parte de estudantes non residentes

1. Os estudantes incluídos na relación de suplentes e, en defecto destes, os estudantes que reúnan os requisitos académicos previstos nesta orde para poder obter unha praza de residencia, poderán beneficiarse dalgún ou varios dos servizos da residencia, sempre que exista a dispoñibilidade, logo de aboamento do seu importe.

2. Para determinar este importe teranse en conta as cantidades fixadas para os residentes no artigo 13 desta orde.

3. En todo caso, a utilización de calquera servizo da residencia suporá asumir o compromiso tácito de observar de forma estrita o cumprimento das normas de réxime interno e de convivencia do centro.

Disposición adicional segunda. Cobertura de prazas de residencia con alumnado universitario

1. Se adxudicadas as prazas a todas as persoas admitidas, houbese vacantes, estas poderán ser cubertas con alumnado universitario.

2. Esta circunstancia deberá anunciarse no taboleiro de anuncios do centro residencial, abrindo prazo para presentar solicitudes e documentación. A adxudicación destas prazas axustarase aos criterios de baremo establecidos nesta orde.

3. As persoas beneficiarias deberán aboar a cantidade de 2.875,13 €; o pagamento pode fraccionarse nun máximo de tres (3) prazos trimestrais, e deberá facerse efectivo antes do inicio do respectivo trimestre.

Disposición adicional terceira. Período de funcionamento dos centros residencias docentes

O período de funcionamento dos centros residenciais docentes coincidirá co calendario escolar que a consellería competente en materia de educación aprobe e publique no Diario Oficial de Galicia para o curso 2016/17. En todo caso, o centro residencial pechará as súas portas antes do 30 de xuño de 2017.

Disposición adicional cuarta. Deber de confidencialidade

O persoal que preste servizos nos centros residencias docentes que, con motivo do desenvolvemento das súas funcións, acceda a datos persoais e económicos do alumnado e das familias, quedará suxeito ao deber de confidencialidade e á lexislación sobre protección de datos.

Disposición adicional cuarta. Dereito supletorio

En todo o non previsto pola presente orde serán de aplicación as normas vixentes en materia de bolsas e axudas ao estudo.

Disposición derradeira primeira. Medidas de desenvolvemento

Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file