Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 6 de xuño de 2016 Páx. 22301

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 12 de abril de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Cangas no SAUI-1 A Portela.

O Concello de Cangas achega o texto refundido da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal, respecto do SAUI-1 A Portela, en solicitude de aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Analizada a documentación remitida polo Concello de Cangas, redactada por Marcos Fernández Álvarez-Santullano y Luis Mª Nimo Silva, da consultora EXEO, en xaneiro de 2016, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1.1. O Concello de Cangas conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal (NNSS) aprobadas no 20.12.1993, cun texto refundido do 7.10.1994.

1.2. O texto refundido de modificación puntual das NNSS está.

1.3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu Decisión o 11.10.2011 sobre a necesidade de sometemento a avaliación ambiental estratéxica (AAE) da MP, con resolución da aprobación do documento de referencia para a AAE.

1.4. Constan informes municipais previos á aprobación inicial: técnicos do 22.11.2012, 22.9.2014 e 19.2.2015; e xurídico do 22.11.2012.

1.5. A MP foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno do 25.1.2013; foi sometida a información pública mediante anuncios nos xornais Faro de Vigo do 30.1.2013 e La Voz de Galicia do 31.1.2013, e no DOG do 1.2.2013. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Bueu e Moaña; ás entidades Cámara de Comercio de Pontevedra e Fundación Galicia Sustentable; e ás asociacións ecoloxistas Verdegaia e Amigos da Terra.

1.6. No expediente constan informes sectoriais:

• Da Consellería do Medio Rural e do Mar, emitido polo Servizo de Montes o 4.3.2013.

• Da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, respecto da calidade do informe de sustentabilidade ambiental (ISA) do 10.4.2013, e resolución do 23.1.2015 pola que se formula a memoria ambiental.

• Da Axencia Galega de Infraestruturas da CMATI do 3.4.2013 con consideracións; e 17.2.2015 favorable con consideracións.

• Da Deputación Provincial de Pontevedra, Servizo de Obras Públicas, do 2.5.2013, favorable.

• Do Instituto de Estudos do Territorio, do 27.6.2013.

• De Augas de Galicia, do 31.7.2013, favorable.

• Da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 14.10.2013 e 18.8.2014 (desfavorables) e 15.12.2014 (favorable con consideracións).

• Do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo en materia de telecomunicacións, favorable do 21.8.2015.

1.7. A modificación puntual foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello o 25.3.2015.

1.8. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por Orde do 8.7.2015 resolve non outorgar a aprobación con base nunha serie de deficiencias.

1.9. A modificación puntual ten unha segunda aprobación provisional do Pleno do Concello o 5.2.2016, e conta con informes técnico e xurídico do 28.1.2016.

II. Obxecto da modificación puntual.

O proxecto de MP formúlase ao abeiro da disposición transitoria décimo terceira da LOUG, relativa a asentamentos xurdidos á marxe do planeamento, nos termos da Lei 2/2010, de medidas urxentes de modificación da LOUG.

A MP ten por obxecto clasificar como solo urbanizable con ordenación detallada un ámbito de 189.025,09 m2, situado nas parroquias de Coiro e Darbo, clasificado polas vixentes NNSS maioritariamente como solo apto para urbanizar (solo urbanizable non delimitado).

O ámbito do SAUI-1 recollido polas NNSS de Cangas foi obxecto dunha expropiación parcial polas obras de execución da infraestrutura viaria C.G.4.1 Rande-Alto da Portela, pola que a zona afectada pola infraestrutura queda clasificada como solo rústico de protección de infraestruturas, e a restante queda dividida en dúas zonas, norte e sur. O ámbito atópase atravesado de norte a sur pola estrada PO-551.

A MP exclúe da delimitación inicial do SAUI-1 os terreos expropiados para o C.G.4.1 Rande-Alto da Portela, mais amplía o sector no seu extremo leste incorporando como urbanizables terreos de solo rústico de especial protección de augas. Así, defínese un único sector de 189.025,08 m2, ao cal se adscribe unha superficie de 7.941,57 m2 para a conexión coas vías situadas en solo rústico de protección de infraestruturas.

O proxecto recoñece a consolidación do ámbito, mantén a ordenación das parcelas xa edificadas e incorpora como edificables parcelas vacantes. As reservas de espazos libres e equipamentos sitúanse no perímetro do ámbito. Defínese un único polígono de xestión con sistema de actuación por cooperación urbanística. A ocupación do sector por parcelas edificables será de 130.341,03 m2 e a edificabilidade total delas será de 135.807,74 m2.

III. Análise e consideracións.

O texto refundido da MP das NNSS de Cangas no SAUI-1 de xaneiro de 2016, trata de emendar os erros detectados na anterior Orde CMATI do 8 de xullo de 2015.

A nova documentación dá cumprimento aos puntos da orde nos seguintes termos:

1. Canto á delimitación do SAUI-1, exclúese a maior parte dos solos rústicos de especial protección inicialmente propostos (protección forestal e de augas) e os terreos expropiados para o C.G.4.1 Rande-Alto da Portela.

Porén, no extremo leste, mantense a inclusión de solo rústico de protección de augas, clasificándoo como solo urbanizable, en contra do establecido na disposición transitoria décimo terceira da LOUG, agás para casos de directa vinculación coa actividade.

2. Con respecto á inserción do sector na estrutura urbanística do concello, resólvense os enlaces nos límites do sector coas restantes vías.

3. A superficie de espazos libres públicos destinados a zonas verdes non acada a mínima establecida na LOUG (12.608,86 m2 computables para efectos da xustificación dos estándares, contra os 18.902,50 m2 exixidos) con base no especial réxime da disposición transitoria 13ª, que está xustificado en prol dun incremento das dotacións locais de equipamentos, na innecesariedade de obtención deses solos nunha contorna maioritariamente natural e na relación cun uso predominantemente industrial.

A reserva de solo para dotacións locais de equipamentos acada 5.692,17 m2 fronte aos 3.780,50 m2 exixidos legalmente.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual das NNSS do Concello de Cangas no SAUI-1 A Portela, deixando constancia expresa de que a zona situada no extremo leste, clasificada nas NNSS do Concello de Cangas como solo rústico de protección de augas, deberá manter esa clasificación, e resulta excluída, por conseguinte, do ámbito do sector.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio