Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 27 de maio de 2016 Páx. 20505

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 16 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se acorda someter a participación pública o Plan de xestión da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

A candidatura da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón foi aprobada o 18 de setembro de 2007 polo Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB (Persoa e Biosfera) da Unesco, reunido en París, e desde entón forma parte da Rede Mundial de Reservas da Biosfera.

As reservas da biosfera constitúen un modelo de xestión integrada, participativa e sustentable do patrimonio e dos recursos naturais, cos obxectivos básicos de conxugar a preservación da biodiversidade biolóxica e dos ecosistemas, cun desenvolvemento ambientalmente sustentable que produza a mellora do benestar da poboación, potenciando a participación pública, a investigación, a educación na integración entre desenvolvemento e ambiente, e a formación en novas maneiras de mellorar esa integración.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade (BOE núm. 299, do 14 de decembro) regula, no seu artigo 70, as características das reservas da biosfera. Entre outras cousas, establece que estes espazos deberán contar cunha ou varias zonas núcleo, que sexan espazos naturais protexidos, cun programa de actuación e cun órgano de xestión, responsable do desenvolvemento das estratexias, liñas de acción e programas, e outro de participación pública en que estean representados todos os axentes sociais da reserva.

Un compoñente fundamental, recollido nos principios do Programa MaB é o carácter participado do plan de xestión (o programa de actuación preceptuado pola Lei 42/2007), de xeito que a estratexia e as actuacións sexan o resultado da interacción dos axentes que interveñen sobre o territorio e do seu compromiso co devandito plan de xestión.

Os responsables da xestión desta reserva da biosfera (a Comisión de Coordinación Institucional e a Comisión Xerente) da parte asturiana e da parte galega traballaron na elaboración do seu plan de xestión, o cal identifica os obxectivos, os eixes estratéxicos, as liñas de actuación e as principais accións que se desenvolverán nos vindeiros anos. Este debe ser sometido a informe do Foro de Participación Social (o órgano de participación pública preceptuado pola Lei 42/2007), para o seu coñecemento e avaliación e, posteriormente, someterase á aprobación pola Comisión de Coordinación Institucional, tal e como establece o regulamento de funcionamento da reserva.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente (BOE núm. 171, do 19 de xullo) establece, no artigo 16 do título III, o dereito a que o público «exprese observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral».

Conforme o establecido no artigo 16 da Lei 27/2006,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público do documento inicial do Plan de xestión da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón durante un prazo de 20 días, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, coa finalidade de que o público poida remitir observacións e opinións, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou, preferentemente, ao enderezo de correo electrónico: planificacion.conservacion@xunta.es, indicando no asunto: Plan de Acción RB Eo.

Segundo. Durante o citado prazo, o documento poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Lugo.

– Páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio:

http://www.xunta.gal/medio-ambiente-e-ordenacion-do-territorio.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2016

Ana María Díaz López
Directora xeral de Conservación da Natureza