Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 25 de maio de 2016 Páx. 20191

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2016 pola que se fai público o acordo de cesión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Sandiás.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) adoptou o 7 de marzo de 2016 o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Sandiás.

De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do 7 de marzo de 2016, da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Sandiás, que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2016

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Acordo do 7 de marzo de 2016, da presidenta da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), polo que cede en propiedade mediante adxudicación directa e a título gratuíto un inmoble situado no concello de Sandiás

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é titular dun inmoble que constitúe masa común nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, de conformidade co artigo 5.2 en relación co artigo 5.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e en virtude da Resolución do 20 de novembro de 2012, da Secretaria Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, Xunta de Galicia, en relación coa recepción parcial dos bens e dereitos procedentes da liquidación da Sociedade Anónima Xestora Bantegal e a simultánea entrega, con igual carácter, á Agader.

O Concello de Sandiás solicitou a cesión do inmoble, mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 6.10.2015 a presidenta da Agader acordou que se iniciase o procedemento para a transmisión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto do inmoble.

O 6.10.2015 a Subdirección de Mobilidade de Terras de Agader emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.

O 16.12.2015 a Asesoría Xurídica da Consellería do Medio Rural emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 13.1.2016 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 22.1.2016 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

Posteriormente, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural propuxo a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 4.2.2016 o Consello da Xunta de Galicia autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 11.7.2013 o Consello de Dirección de Agader delegou na persoa titular da Presidencia de Agader as competencias para o alleamento e cesión de bens inmobles e dereitos reais a que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e logo da proposta do director xeral de Agader,

DISPOÑO:

Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Sandiás, da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, sito no concello de Sandiás, que se describe a continuación:

Descrición: parcela 171 do polígono 502 da zona de concentración parcelaria de Sandiás-Piñeira de Arcos, no concello de Sandiás (Ourense), cunha extensión superficial de sete áreas e setenta centiáreas. Limita ao norte con camiño, sur con Perfecto Sobrado Gómez (170), leste con cortaventos e oeste con Perfecto Sobrado Gómez (170).

Sobre esta parcela hai unha estación depuradora de augas residuais, dous pozos de decantación, colectores, arquetas, pozos de rexistro e un muíño de vento xerador de electricidade para as instalacións.

Referencia catastral: 32078A502001710000FQ.

Inscrición catastral: o inmoble figura a nome de Sociedade Anónima Xestora Bantegal, segundo certificación catastral descritiva e gráfica do 27.5.2015.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia a nome de Comunidade Autónoma de Galicia, tomo 771, libro 50, folio 44, nº rexistral de predio 8630, inscrición 1.

Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. O inmoble destinarase á instalación de estación depuradora de augas residuais.

2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes nel que sexan da Agader, como corpo certo, polo seu risco e ventura, renunciando ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código civil. No caso de obras, construcións e instalacións das cales a Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, corresponderalle á persoa cesionaria a procedente regularización xurídica no caso de reclamacións de terceiras persoas, para que o inmoble, as obras, as construcións e as instalacións sexan dun só titular, ben a persoa cesionaria, ben terceiras persoas no caso dunha accesión invertida. Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. Debe remitir cada tres anos a persoa cedente a documentación que acredite o destino do ben.

3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á entidade cedente.

Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.

Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar por que o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización á persoa cesionaria:

a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.

b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, nas cales se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior, coa accesión do construído ao predio.

c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, nas cales se encontre no momento da extinción da cesión, coa accesión do construído ao predio.

d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non fosen da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, serán adquiridas gratuitamente pola persoa cedente.

4. A persoa cesionaria realizará, pola súa conta, a correspondente alta, baixa ou modificación no Catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no rexistro da propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que as mesmas sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for do caso, inscrita no rexistro da propiedade.

Todos os custos e impostos que deriven da cesión serán por conta da persoa cesionaria, incluso o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houbese.

5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística. Renuncia, polo tanto, á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 19.3 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas logo de serlle requirida a súa expedición pola persoa cedente.

Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno da Agader, ou funcionario en quen delegue. Nel deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Cuarto. Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente acordo.