Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 25 de maio de 2016 Páx. 20189

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de maio de 2016 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas da Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

O día 30 de decembro de 2015, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

No seu artigo 21 precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar.

Dado que a dotación orzamentaria desa orde ascende á cantidade de 2.500.000,00 euros para o ano 2016, e posto que esa dotación é insuficiente tendo en conta o importe das solicitudes recibidas, cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria da anualidade 2016 para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Incremento de crédito

1. Ampliar a dotación orzamentaria asignada á Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016, por importe de 2.500.000,00 euros, na seguinte anualidade:

– Ano 2016: 2.500.000,00 euros.

Como resultado desta ampliación, o orzamento total asignado á presente orde ascende á cantidade de 5.000.000,00 euros para o ano 2016 na aplicación orzamentaria 13.02.713B.770.0.

Esta dotación poderá ser incrementada con fondos comunitarios, do Estado, ou da Comunidade Autónoma.

Artigo 2. Ausencia de efectos sobre o prazo de solicitudes

O incremento de crédito previsto no artigo 1 desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 28 de decembro de 2015 (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Artigo 3. Recursos

A presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderá ser impugnada potestativamente en reposición no prazo dun mes desde a súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo o disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural