Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 25 de maio de 2016 Páx. 20233

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, se declaran a utilidade pública, en concreto, e a compatibilidade co permiso de investigación Carla número 5821 e coa solicitude de concesión de explotación Pol fracción quinta, número 5527.5, da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LAT 132 kV subestación Ludrio-subestación Meira, que transcorre polos termos municipais de Castro de Rei, Pol e A Pastoriza (Lugo) e promove Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. (expediente 011/2010 AT).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa E.On Distribución, S.L. (agora Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.), con enderezo para os efectos de notificación na r/ Isabel Torres, 25 (PCTCAN), 39011 Santander, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 9.11.2010 a empresa promotora E.On Distribución, S.L. presentou, perante a Xefatura Territorial de Lugo da actual Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada liña eléctrica de alta tensión (LAT) 132 kV subestación Ludrio-subestación Meira, xunto coa seguinte documentación:

• Proxecto de instalacións denominado LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira, con visado do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº CO103207 e data 19.10.2010.

• Separatas técnicas para os seguintes organismos: concellos afectados (Castro de Rei, Pol e A Pastoriza), Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Begasa, Ministerio de Fomento, Red Eléctrica de España, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Deputación Provincial de Lugo e Telefónica.

• Estudo de impacto ambiental.

Posteriormente, en previsión de incrementos futuros de xeración eólica con evacuación a través da distribución e conexión coa subestación de Ludrio, a empresa promotora decidiu aumentar a capacidade de transporte da citada liña eléctrica, que pasa a proxectarse en configuración tríplex. Por esta razón, o 8.8.2011 a empresa promotora presentou unha nova solicitude, coa cal achegou a seguinte documentación, en substitución da presentada inicialmente:

• Proxecto de instalacións denominado modificado de proxecto da LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira (datado en xuño de 2011), con visado do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº CO111728 e data 15.7.2011.

• Separatas técnicas para os organismos xa citados.

Así mesmo, o 12.4.2012 a empresa promotora presentou a relación de bens e dereitos afectados (RBDA). Posteriormente, e como consecuencia da conclusión do proceso de concentración parcelaria dalgúns dos terreos afectados pola liña eléctrica proxectada, o 1.10.2013 presentou unha nova RBDA actualizada e modificacións na planimetría.

Segundo. De acordo co disposto no proxecto de execución denominado modificado de proxecto da LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira, esta liña eléctrica, a 132 kV, que substituirá a parte da actual LAT Meira-Ceao, no seu tramo Meira-Ludrio, terá as seguintes características:

• Ten a súa orixe nun pórtico que se construirá na futura subestación de Ludrio e o seu final no pórtico existente da actual subestación de Meira.

• Atravesa as parroquias de Ludrio, Balmonte, Azúmara, Ramil, Prevesos, Ferreiros, Pousada e Fonmiñá, pertencentes aos termos municipais de Castro de Rei, Pol e A Pastoriza, na provincia de Lugo.

• Terá unha lonxitude de 14.517 m, nun só circuíto e en configuración tríplex, en condutor tipo LA-280, con cable de terra e comunicación, e disposta sobre apoios metálicos (69).

Terceiro. A respecto da tramitación ambiental, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental someteu o estudo de impacto ambiental da citada instalación eléctrica, presentado pola empresa promotora, ao trámite de consultas previas aos seguintes organismos (dos que contestaron todos agás a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural): Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Dirección Xeral de Montes, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Sustentabilidade e Paisaxe.

O 8.6.2012 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu que non é previsible que o citado proxecto vaia producir impactos adversos significativos, sempre que se cumpran as condicións ambientais especificadas na documentación achegada polo promotor e as establecidas por esta secretaría xeral no punto 4 da presente resolución ambiental, polo que non se considera precisa a tramitación da declaración de impacto ambiental.

Para os efectos de atender as observacións recollidas no punto 4 da citada resolución ambiental (derivadas do informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza), a empresa promotora presentou un documento denominado Documento de condicións ambientais particulares da LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira, que completou posteriormente cunha addenda a este.

Finalmente, o 26.6.2013 a Dirección Xeral de Conservación da Natureza emitiu informe ao respecto no cal se considera que para garantir a integración ambiental do proxecto deberán considerarse as cuestións sinaladas por este, as medidas recollidas na documentación ambiental e, por ende, unha boa práctica medioambiental.

Cuarto. A xefatura territorial emitiu os seguintes informes respecto da dita instalación eléctrica:

• O 2.2.2011 certifica que o trazado da liña eléctrica está afectado polos seguintes dereitos mineiros: os permisos de investigación denominados Pol número 5527 e Carla número 5821, ambos os dous outorgados; os permisos de investigación nomeados Vilaboa número 6021 e Baltar número 6022, ambos os dous en tramitación; e a concesión de explotación nomeada Pol fracción quinta número 5527.5, que está en tramitación.

• O 24.8.2012 informa que non se aprecia limitación para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica no caso das parcelas descritas na RBDA, que a documentación presentada cumpre co disposto no artigo 143.3 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e que o proxecto cumpre co establecido no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, quedando pendente de determinar, non obstante, se o cumprimento das observacións recollidas no punto 4 da dita resolución ambiental supón unha modificación do proxecto e/ou unha modificación da RBDA.

• O 16.8.2013 informa que, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza do 26.6.2013 a respecto das citadas observacións, considérase procedente continuar coa tramitación do expediente.

Quinto. O 4.10.2013 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación eléctrica a que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 22 de outubro, no Boletín Oficial da provincia do 22 de outubro e no xornal El Progreso do 15 de outubro de 2013, e tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Castro de Rei, Pol e A Pastoriza) e da xefatura territorial.

Así mesmo, a xefatura territorial practicou notificación individual aos propietarios dos predios afectados pola dita instalación eléctrica, que aparecen na RBDA incorporada á citada resolución do 4.10.2013 da xefatura territorial pola que se realizou o trámite de información pública.

Sexto. Durante o período en que o proxecto de execución da dita instalación eléctrica se someteu ao trámite de información pública presentáronse os seguintes escritos de alegacións (dos cales se deu traslado á empresa promotora, quen presentou a súa contestación):

Alegacións.

Resumo

1

María del Pilar Reigosa Minguillón, como titular dos predios nº 67 e 78, presentou escrito de alegacións no cal se opón á instalación dos apoios dentro das súas parcelas e solicita que, en todo caso, se instalen pegados ao muro destas.

2

José Benito Pardo Fernández, como cotitular do predio nº 90, presentou escrito de alegacións no cal fai constar o seguinte: 1. Non está de acordo con que o trazado da liña eléctrica, que baixa por un monte veciñal en liña recta, faga unha quebra para atravesar a súa parcela polo medio, cun apoio que xa sustenta outra liña de media tensión, coa conseguinte desvalorización. 2. Que do mantemento do terreo afectado pola servidume da liña eléctrica deberá ocuparse o titular da liña proxectada.

3

Javier Cando Chain, como cotitular do predio nº 214, presentou dous escritos de alegacións nos cales fai constar o seguinte: 1. Que a preceptiva notificación non se lle fixo a el senón ao seu irmán Manuel Luis Cando Chain; 2. Que o predio nº 214, que figura na RBDA publicada compartindo a titularidade, é da súa propiedade en exclusiva, o que acredita mediante presentación de copia simple da escritura; 3. Que os trámites que se realicen en relación co dito predio se lle notifiquen a el; 4. Que no dito predio hai unha importante explotación madeireira de eucaliptos e, por tanto, precisa información detallada sobre: superficie que se vai expropiar, número de eucaliptos afectados, cando e quen fará a corta das árbores afectadas, que se fará coa madeira e se a indemnización incluirá ademais dos danos e perdas o lucro cesante.

4

Josefa Cobas Tella, como titular do predio nº 101, presentou escrito de alegacións no cal fai constar o seguinte: 1. Ao non existir acoutamento da zona afectada resulta imposible saber a cantidade de árbores que se van cortar; 2. Coa instalación da liña eléctrica, a parcela quedará cun área inservible, duns 100 m2, que comunica a pista de acceso coa franxa de servidume da liña eléctrica e, en consecuencia, solicita a súa valoración económica; 3. A oferta feita polo promotor da liña eléctrica non cubre a corta de monte que se vai realizar.

5

Jesús Franco Pérez presentou escrito de alegacións con respecto ao predio nº 12, que figura na RBDA publicada como pertencente ao MVMC de Viladonga, no cal fai constar o seguinte: 1. Este monte veciñal foi dividido, no ano 1937, en parcelas para o aproveitamento dos seus veciños; 2. En outubro de 2010 plantou eucaliptos no predio afectado pola liña eléctrica proxectada (nº 12) e, en consecuencia, solicita que sexan tidos en conta os prexuízos ocasionados e sexan satisfeitos coa indemnización correspondente.

6

Alicia Cabana Rodríguez, como titular do predio nº 32, presentou escrito de alegacións no cal fai constar o seguinte: 1. Existen erros na medición tanto da lonxitude de voo como na superficie afectada; 2. Non se fala das árbores nas beiras das parcelas e que deberán ser indemnizadas pola súa corta; 3. A parcela está dedicada ao cultivo de millo (non a prado como se reflicte na RBDA publicada), polo que deberá ser indemnizada a afección temporal.

7

Carlos Castro Rivas, como titular do predio nº 227, presentou escrito de alegacións no cal fai constar o seguinte: que as afeccións da liña eléctrica proxectada deixan no terzo norte da parcela un resto que non se pode utilizar para o uso actual (aproveitamento forestal) e, en consecuencia, solicita que este resto se engada á superficie afectada para a expropiación.

8

Antonio Flores Carballés presentou escrito de alegacións con respecto ao predio nº 85, que figura na RBDA publicada como da súa propiedade, no cal fai constar que o dito predio non é da súa propiedade.

9

Rosario Álvarez López, como titular do predio nº 69, presentou escrito de alegacións no cal fai constar o seguinte: 1. Que a liña eléctrica atravesa a súa parcela pola parte central, e queda dividida en tres porcións, que son a franxa da servidume e outras dúas, para as cales non se pode continuar co seu uso actual (aproveitamento forestal) e, en consecuencia, solicita a modificación do trazado para que a súa parcela non resulte afectada ou ben que discorra por un lateral desta; 2. De non aceptarse a modificación do trazado, solicita a expropiación total da parcela porque ao tratarse de monte arborizado, a explotación do terreo non afectado resulta antieconómica.

10

Santiago Gruñeiro Rodríguez e Jacobo Rivas Gasalla, como cotitulares do predio nº 210, presentaron escrito de alegacións no cal fan constar o seguinte: 1. A parcela é propiedade dos dous alegantes, non só de Jacobo Rivas, que é o único que figura na RBDA publicada; 2. A superficie afectada que figura na RBDA publicada, 2.062 m2, resulta inferior á medida por eles de 2.196 m2; 3. A superficie afectada está repoboada con eucalipto e solicitan que o prezo unitario que se pague sexa de 4,20 €/m2, igual que o pagado por REE na liña eléctrica de 400 kV Boimente-Pesoz; 4. Na esquina sueste da parcela quedará un resto de superficie de 490 m2, de forma triangular, para a cal non será posible o seu aproveitamento e, en consecuencia, solicita que este resto se engada á superficie afectada para a expropiación.

11

Manuel Pérez Gómez, como titular do predio nº 233, presentou escrito de alegacións no cal fai constar o seguinte: 1. Que a liña eléctrica atravesa a súa parcela pola parte central, e queda dividida en tres porcións, que son a franxa da servidume e outras dúas, para as cales non se pode continuar co seu uso actual (aproveitamento forestal intensivo) e, en consecuencia, solicita a modificación do trazado, trasladándoo á zona suroeste da parcela; queda deste xeito toda a zona de ocupación nesa parte da parcela e mantén o resto da parcela non ocupada unha continuidade espacial; 2. De non aceptarse a modificación do trazado, solicita a expropiación total da parcela porque non se podería seguir co uso actual de aproveitamento forestal intensivo nas dúas porcións da parcela non afectadas.

12

José Manuel Sanjurjo Ferreiros, en nome propio e en representación das súas irmáns Esther e Mª Paz, presentou escrito de alegacións no cal fai constar o seguinte: 1. Son os propietarios dos predios nº 222 e 254, que herdaron tras o falecemento da súa nai, Elisa Ferreiros Barreiro, que figuraba como titular na RBDA publicada; 2. Outórgaselle a representación das outras dúas herdeiras neste expediente; 3. Advirte da existencia nunha parcela colindante (polígono 3, parcela 14), dunha fonte de auga, interesándose pola posible realización dalgún tipo de estudo que puidese infrinxir a Lei de augas e, así mesmo, solicita que lle sexa comunicado calquera tipo de actuación (movementos de terra, tránsito de vehículos,...) que puidese afectala.

13

Isabel Lenza Cabana, presentou escrito de alegacións no cal fai constar o seguinte: 1. Que o predio nº 60, que figura na RBDA publicada a nome da súa nai, Herminia Cabana Rodríguez, é da súa propiedade en exclusiva, o que acredita mediante presentación de copia simple da escritura; 2. Que os trámites que se realicen en relación co dito predio se lle notifiquen a ela.

14

María Gloria Barreiro Veiga, como titular do predio nº 51 presentou escrito de alegacións no cal fai constar o seguinte: 1. Solicita que o apoio nº 21, que está proxectado instalar na súa parcela, se desprace uns cinco metros cara ao seu linde coa parcela nº 48.

Sétimo. Simultaneamente ao trámite de información pública, a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do dito proxecto de execución, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens e dereitos afectados pola mencionada instalación eléctrica: Unidade de Estradas do Estado en Lugo, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Galega de Infraestruturas, Deputación Provincial de Lugo, Concello de Castro de Rei, Concello de Pol, Concello da Pastoriza, Red Eléctrica de España, S.A.U., Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. e Telefónica.

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos en que manifestaban a súa conformidade ou fixaban o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado á empresa promotora da instalación eléctrica proxectada, quen presentou a súa conformidade.

A respecto das entidades que non contestaron (Unidade de Estradas do Estado en Lugo, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Concello de Castro de Rei, Concello de Pol e Concello da Pastoriza), sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación eléctrica proxectada, de acordo co disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Oitavo. A respecto da tramitación do proxecto sectorial, o 11.1.2013 a empresa promotora presentou, ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a solicitude de declaración de incidencia supramunicipal e posterior aprobación definitiva do proxecto sectorial da citada liña eléctrica LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira, xunto co correspondente proxecto sectorial (datado en febreiro de 2012).

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 21.2.2013, acordou declarar o proxecto sectorial da citada liña eléctrica LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira como de incidencia supramunicipal.

O 18.3.2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en resposta a unha consulta da Dirección Xeral de Enerxía e Minas sobre a necesidade ou non de someter o dito proxecto sectorial ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica, tomou a decisión de non sometelo a este procedemento.

Por Resolución do 24 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, someteuse a información pública o dito proxecto sectorial, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 28 de novembro e no xornal La Voz de Galicia do 11 de decembro de 2013. Así mesmo, deuse audiencia aos tres concellos afectados (Castro de Rei, Pol e Pastoriza) e solicitáronse informes aos seguintes organismos: Delegación de Defensa en Galicia (Ministerio de Defensa), Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral de Aviación Civil (Ministerio de Fomento), Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo), Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, Dirección Xeral de Estradas (Ministerio de Fomento), Dirección Xeral de Ferrocarrís (Ministerio de Fomento) e Secretaría Xeral para o Turismo.

O 28.2.2014 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural resolveu non autorizar o dito proxecto sectorial porque o trazado da liña eléctrica se introduce na zona de respecto do Castro de Viladonga (declarado ben de interese cultural-BIC). Como consecuencia desta resolución, a empresa promotora propón unha nova alternativa de trazado da liña eléctrica entre os seus apoios 24 e 31, desviándoa fóra do contorno de protección do Castro de Viladonga.

Noveno. O 9.1.2015 a empresa promotora presentou, ante a xefatura territorial, a solicitude de autorización administrativa, autorización de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, da modificación do trazado da citada liña eléctrica entre os seus apoios 24 e 31, xunto coa seguinte documentación:

• Proxecto de instalacións denominado modificado de proxecto da LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira, entre os apoios 24 e 31 (datado en decembro de 2014), con visado do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº 20143324 e data 30.12.2014.

• Separatas técnicas para os seguintes organismos: concello afectado (Castro de Rei), Deputación Provincial de Lugo e Begasa.

Posteriormente, a empresa promotora completou esta solicitude coa seguinte documentación:

• RBDA das parcelas que deixan de estar afectadas.

• Declaración responsable do técnico proxectista sobre o cumprimento da normativa do proxecto de execución.

• Addenda ao documento ambiental LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira, entre os apoios 24 e 31.

• Modificado do proxecto sectorial da LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira, entre os apoios 24 e 31 (datado en marzo de 2014), con visado do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº 20150509 e data 9.3.2015.

Décimo. A respecto desta modificación do trazado da liña eléctrica entre os apoios 24 e 31, con carácter previo ao trámite de información pública, emitíronse os seguintes informes:

• O 24.4.2015 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural resolveu autorizar o modificado.

• O 19.5.2015 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu informe no cal considera que non é preciso realizar unha nova tramitación ambiental para este modificado.

• O 12.6.2015 a xefatura territorial informa sobre as características técnicas do modificado para os efectos da súa autorización administrativa e autorización de construción.

• O 15.6.2015 a xefatura territorial informa que non existe limitación para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica no caso das parcelas afectadas polo modificado.

De acordo co disposto neste modificado ao proxecto de execución, modifícase o trazado da liña eléctrica entre os seus apoios 24 e 31 desviándoa fóra do contorno de protección do Castro de Viladonga e eliminando as afeccións sobre este BIC. Este tramo terá unha lonxitude de 1.420 m, o que supón unha redución en 6 m respecto do tramo proxectado inicialmente.

Décimo primeiro. O 18.6.2015 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, autorización de construción, aprobación do proxecto sectorial e declaración da utilidade pública, en concreto, do modificado da liña eléctrica entre os seus apoios 24 e 31; que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 21 de xullo, no Boletín Oficial da Provincia do 18 de xullo e no xornal El Progreso do 13 de xullo de 2015, e tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios do concello afectado (Castro de Rei) e da xefatura territorial.

Así mesmo, practicóuselle notificación individual aos particulares propietarios das parcelas que resultan desafectadas, das novas parcelas afectadas e das parcelas con cambio de afección, todo isto como consecuencia da variante do trazado da liña eléctrica entre os seus apoios 24 e 31.

A respecto da tramitación do modificado do proxecto sectorial, simultaneamente ao trámite de información pública, deuse audiencia ao concello afectado (Castro de Rei) e solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza e Secretaría Xeral para o Turismo.

Décimo segundo. Durante o período en que o proxecto de execución da dita instalación eléctrica se someteu ao trámite de información pública presentáronse os seguintes escritos de alegacións (dos cales se deu traslado á empresa promotora, quen presentou a súa contestación):

Alegacións.

Resumo

1

María del Pilar Reigosa Minguillón, como titular dos predios nº 67 e 77 (78, no proxecto inicial), presentou escrito de alegacións no cal fai constar o seguinte: 1. O uso actual das dúas parcelas afectadas é labradío; 2. No predio nº 67 non permite a colocación do apoio proxectado e no predio nº 77 non permite o voo da liña; 3. En caso de aceptar a colocación do apoio, este deberá instalarse nos límites da parcela.

2

María Victoria Rodríguez Rodríguez, como titular do predio nº 84 (89, no proxecto inicial), presentou escrito de alegacións no cal fai constar o seguinte: 1. No proxecto inicial, a afección sobre a súa parcela era de 54 m2 mentres que, con esta variación do trazado, a afección acada os 2.650 m2, así como a colocación dun apoio e, en consecuencia, solicita información sobre este cambio producido na afección da súa parcela; 2. Advirte que con esta nova afección a parcela quedaría inutilizable, tanto para unha posible construción como para a súa explotación forestal, que son os posibles usos que motivaron a súa adquisición no procedemento de concentración parcelaria.

Décimo terceiro. A xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do modificado ao proxecto de execución, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens e dereitos afectados por el: Deputación Provincial de Lugo, Concello de Castro de Rei e Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A.

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos en que manifestaban a súa conformidade ou fixaban o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado á empresa promotora da instalación eléctrica proxectada, quen presentou a súa conformidade.

A respecto das entidades que non contestaron (Concello de Castro de Rei), sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación eléctrica proxectada, de acordo co disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Décimo cuarto. A respecto da concorrencia de utilidades públicas con aproveitamento mineiros no espazo territorial proxectado para a mencionada instalación eléctrica (LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira), de acordo co disposto no certificado de dereitos mineiros emitido pola xefatura territorial o 2.2.2011 (ao que se fai referencia no antecedente de feito cuarto), a Dirección Xeral de Enerxía e Minas adoptou, o 24.3.2014, o acordo de inicio do correspondente trámite de compatibilidade, que notificou ás partes afectadas (titulares dos dereitos mineiros e da liña eléctrica proxectada), e deulles trámite de audiencia durante o prazo de de 15 días, co seguinte resultado:

• E.On Distribución, S.L., como promotor da liña eléctrica, presentou escrito no cal solicita a declaración de compatibilidade.

• Emeterio Vega Rodríguez, como titular dos dereitos mineiros denominados Pol e Pol fracción quinta, presentou escrito no cal manifesta a súa oposición ao paso da liña eléctrica polos seus dereitos mineiros.

• Canteras Industriales del Bierzo, S.A., como titular do dereito mineiro denominado Carla, non presentou escrito de alegacións.

• Outokumpu Mining OY, Sucursal en España, S.A., como titular dos dereitos mineiros denominados Vilaboa e Baltar, non presentou escrito de alegacións.

O 11.5.2015 a xefatura territorial emitiu informe, a respecto do trámite de compatibilidade, do cal se desprende o seguinte:

• Non procede o trámite de compatibilidade coas solicitudes de permisos de investigación Vilaboa nº 6021 e Baltar nº 6022.

• Non concorre ningunha incompatibilidade co permiso de investigación Pol nº 5527.

• Procede declarar a compatibilidade co permiso de investigación Carla nº 5821 e coa solicitude de concesión de explotación Pol fracción quinta nº 5527.5.

Para pechar o dito trámite de compatibilidade, o 28.10.2015 a Subdirección Xeral de Recursos Minerais comunicou que non ten máis que engadir ao dito informe da xefatura territorial (ao cal se fai referencia no parágrafo anterior), polo que non se aprecia incompatibilidade entre os dereitos mineiros e a liña eléctrica.

Décimo quinto. A respecto do procedemento de aprobación do proxecto sectorial da instalación eléctrica de referencia, o 7.4.2016 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe preceptivo, exixido no artigo 13.4 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, con carácter previo á súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia acordou, na súa reunión do 21.4.2016, aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da liña eléctrica denominada LAT 132 kV subestación Ludrio-subestación Meira.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; e na Orde da Consellería de Economía e Industria do 10.12.2014 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minería de Galicia; coa Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas; co Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral para o réxime da minería; coa Orde da Consellería de Economía e Industria, do 10 de decembro de 2014, sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19.2.2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa promotora da liña eléctrica e ao resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• A respecto das alegacións relativas aos cambios de titularidade sobre os predios afectados que figuran na RBDA, débese indicar que a empresa beneficiaria tomou razón daqueles cambios de titularidade para os cales se achegou a correspondente documentación acreditativa, mentres que nos demais casos será durante o levantamento de actas previas á ocupación, acto ao cal serán oportunamente convocados os afectados, o momento en que se poderá demostrar a titularidade dos predios, achegando a documentación acreditativa precisa.

• A respecto das alegacións relativas a erros ou cambios dos nomes dos propietarios dos predios afectados ou dos seus representantes, así como dos seus enderezos, débese indicar que a empresa beneficiaria tomou razón deles e procedeu á súa corrección.

• A respecto das alegacións relativas á identificación das afeccións (tipos de cultivo, elementos afectados, extensión de servidumes, xeito de ocupación, identificación sobre o terreo, etc.), débese indicar o seguinte: a empresa beneficiaria tomou razón delas; non obstante, se é o caso, serán apreciadas no momento procedimental oportuno, isto é, no acto de levantamento das actas previas á ocupación. Neste trámite, para o cal serán previamente convocados os afectados, describiranse os bens e dereitos afectados e incorporaranse as súas manifestacións e datos útiles para a correcta determinación das afeccións.

• A respecto das alegacións relativas á valoración económica das afeccións, débese indicar o seguinte: non se toman en consideración por non ser obxecto deste procedemento, senón do expediente expropiatorio na súa fase de determinación do xustiprezo. A valoración económica das afeccións substanciarase nesta fase, para o cal se tramitarán as correspondentes pezas separadas do xustiprezo, na cal se determinará a indemnización que corresponda e na cal o afectado poderá presentar a súa folla de valoración en que concretará o valor que considera que lle corresponde polos prexuízos que se lle ocasionen, co fin de que o Xurado de Expropiación de Galicia poida valorar o xustiprezo en cada caso.

• A respecto das alegacións identificadas co nº 2, débese indicar o seguinte: na zona concreta a que se refire o alegante cómpre realizar un cambio na aliñación co fin de evitar o paso polas proximidades dos núcleos rurais de Balmonte, Vilaseños e Eiravedra, ao oeste da liña proxectada e de San Caetano, ao leste da liña proxectada, así como dalgunha vivenda dispersa que está nas inmediacións; por outro lado, a obriga de construír, manobrar e manter as instalacións correspóndelle ao titular da liña eléctrica.

• Dentro das alegacións identificadas co nº 4, e con respecto á pretensión de expropiación adicional da parte da parcela que queda sen afectar entre o límite da franxa de servidume da liña eléctrica e a pista de acceso, débese indicar que a empresa promotora aceptou a solicitude de expropiación adicional formulada polo alegante, e incrementouse a servidume obxecto da correspondente indemnización en 93 m2 (pasa de 1.535 a 1.628 m2).

• A respecto da alegación identificada co nº 7, débese indicar que a empresa promotora aceptou a solicitude de expropiación adicional da parte da parcela que queda sen afectar no seu terzo norte, e incrementarase a servidume obxecto da correspondente indemnización en 87 m2 (pasa de 1.385 a 1.445 m2).

• A respecto das alegacións identificadas co nº 9, débese indicar o seguinte: o cambio de trazado proposto polo alegante consistente en aproximar a liña a un lateral da súa parcela, implica realizar unha quebra de 90º que non é tecnicamente moi viable. En calquera caso, o custo desta variante excedería en máis dun 10 % o orzamento da parte da liña afectada pola variante, polo que non se pode admitir, de conformidade co disposto no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; por outro lado, a petición de expropiación total da parcela afectada non se considera, por entender que non se acreditan as causas concretas que impiden realizar un aproveitamento forestal intensivo dos 2.798 m2 que quedan sen afectar (2.118 m2 ao oeste e 680 m2 ao leste).

• Dentro das alegacións identificadas co nº 10, e con respecto á pretensión de expropiación adicional da parte da parcela que queda na súa esquina sueste, cunha superficie de 490 m2, débese indicar que non se considera, por entender que non se acreditan as causas concretas que impiden realizar o seu aproveitamento forestal.

• A respecto das alegacións identificadas co nº 11, débese indicar o seguinte: o cambio de trazado proposto polo alegante, consistente en aproximar a liña a un lateral da súa parcela, non se pode atender por que tería que trasladarse o apoio 64 cara ao sueste e isto implicaría que non se cumpriría a distancia regulamentaria coa estrada local, a posible afección de novos propietarios e un incremento no custo do tramo da liña por riba do admitido pola lexislación sectorial eléctrica; por outro lado, a petición de expropiación total da parcela afectada non se considera, por entender que non se acreditan as causas concretas que impiden realizar un aproveitamento forestal intensivo dos aproximadamente 5.000 m2 que quedan sen afectar (a ambos os dous lados da servidume da liña eléctrica).

• Dentro das alegacións identificadas co nº 12, e con respecto á advertencia da posible afección dunha fonte de auga, débese indicar o seguinte: en ningunha das parcelas afectadas está prevista a instalación de apoios, polo que non se realizará ningún movemento de terras que poida afectar o manancial; o proxecto someteuse á preceptiva tramitación ambiental, na cal o órgano ambiental ditaminou que non se producirán impactos adversos significativos sempre que se cumpran as condicións especificada na documentación ambiental do proxecto e as establecidas polo órgano ambiental.

• A respecto da alegación identificada co nº 14, débese indicar o seguinte: o cambio de trazado proposto polo alegante, consistente en desprazar o apoio 21 uns cinco metros cara ao linde coa parcela nº 48, é posible tecnicamente e a empresa promotora acepta esta modificación, sempre respectando o eixe da liña eléctrica.

• A respecto das alegacións identificadas cos nº 1 e 15, débese indicar o seguinte: non se acredita a concorrencia conxunta dos requisitos establecidos no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, necesarios para que resulte posible unha modificación do trazado proxectado (que a liña poida instalarse sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimoniais do Estado, das comunidades autónomas, das provincias ou dos municipios, ou seguindo lindeiros de predios de propiedade privada; que a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 % da parte da liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra sobre a propiedade do solicitante dela; e que sexa tecnicamente posible); e, en todo caso, que o custo da variante non exceda en máis dun 10 % o orzamento da parte da liña afectada pola variante.

• Dentro das alegacións identificadas co nº 16, e con respecto á explicación da modificación do trazado entre os apoios nº 24 e 31, débese indicar que esta variante vén motivada pola exixencia da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de quitar o trazado da liña eléctrica do contorno de protección do Castro de Viladonga.

Cuarto. En relación coa posible compatibilidade da liña eléctrica proxectada cos dereitos mineiros afectados, o 11.5.2015 a xefatura territorial emitiu un informe (ao cal se fai referencia no antecedente de feito décimo cuarto), que di literalmente, nas súas conclusións, o seguinte:

«En atención a todo o anteriormente exposto, entendo que:

1) Non procede trámite de compatibilidade coas solicitudes de permisos de investigación Vilaboa nº 6021, e Baltar nº 6022, e en calquera caso non existe interferencia coa instalación eléctrica que impida as execucións dos labores previstos dos respectivos proxectos.

2) Ningunha incompatibilidade concorre entre as cuadrículas mineiras afectadas do permiso de investigación Pol nº 5527, e o trazado da liña eléctrica, pola extinción naquelas do dereito que conforme o contido do artigo 44 da vixente Lei de minas concedería o seu outorgamento, é dicir, pola imposibilidade legal de realizar ou poder realizar nelas labores mineiros de investigación encamiñados a poñer de manifesto e definir un ou varios recursos da súa sección C).

3) Procede declarar prevalente a execución da instalación eléctrica respecto á entulleira do proxecto da solicitude de concesión de explotación Pol fracción quinta, sen prexuízo da revisión ou modificación da implantación desta actividade mineira, se fose o caso o non se denegase de plano a solicitude da concesión de explotación, co recuamento necesario da entulleira para cumprimento das distancias de seguridade entre esta e a instalación eléctrica.

4) Procede declarar a compatibilidade entre a instalación eléctrica e o permiso de investigación Carla nº 5821, sen prexuízo da resolución que finalmente se adopte sobre a solicitude de segunda prórroga extraordinaria na vixencia deste».

A este respecto, o 28.10.2015 a Subdirección Xeral de Recursos Minerais, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, comunicou o seguinte: «Non ten máis que engadir ao recollido no informe do 11.5.2015 da xefatura territorial, polo que non se aprecia incompatibilidade entre os dereitos mineiros e a liña eléctrica». En consecuencia:

• Non procede o trámite de compatibilidade coas solicitudes de permisos de investigación Vilaboa nº 6021 e Baltar nº 6022.

• Non concorre ningunha incompatibilidade co permiso de investigación Pol nº 5527.

• Procede declarar a compatibilidade co permiso de investigación Carla nº 5821 e coa solicitude de concesión de explotación Pol fracción quinta nº 5527.5.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de acordo co que antecede e en exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LAT 132 kV subestación Ludrio-subestación Meira, que transcorre polos termos municipais de Castro de Rei, Pol e A Pastoriza (Lugo) e promove Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción da citada instalación eléctrica, cuxo proxecto de execución está conformado polos dous proxectos seguintes:

• Modificado de proxecto da LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira (datado en xuño de 2011).

• Modificado de proxecto da LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira, entre os apoios 24 e 31 (datado en decembro de 2014).

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación torzosa.

4. Declarar a compatibilidade da citada instalación eléctrica co permiso de investigación Carla nº 5821 e coa solicitude de concesión de explotación Pol fracción quinta nº 5527.5.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución, conformado polos dous proxectos seguintes:

• Modificado do proxecto da LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira (datado en xuño de 2011), asinado polo enxeñeiro industrial Jesús Roibas Rodil (colexiado nº 456 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), con visado dixital nº CO111728 e data 15.7.2011 e no cal figura un orzamento de execución material de 3.518.719,50 €.

• Modificado de proxecto da LAT 132 kV sub. Ludrio-sub. Meira, entre os apoios 24 e 31 (datado en decembro de 2014), asinado polo enxeñeiro industrial Jesús Roibas Rodil, con visado dixital nº 20143324 e data 30.12.2014, e no cal figura un orzamento de execución material de 298.120,60 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativa e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral. Así mesmo, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionados nos antecedentes de feito sétimo e décimo terceiro da presente resolución), a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A empresa promotora, unha vez iniciado o expediente expropiatorio, deberá presentar ante a Consellería do Medio Rural a solicitude de prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica sobre a do monte veciñal en man común afectado, de acordo co disposto na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e no Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución desta lei.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos, ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Novena. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que considera pertinente.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas