Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 24 de maio de 2016 Páx. 19853

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de abril de 2016 pola que se modifica a composición do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 10 do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar, creou o Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia como órgano de carácter consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa no que se refire á convivencia escolar.

O devandito Consello estará presidido, de conformidade co artigo 10.3 do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, pola persoa titular da consellería con competencias en materia de educación.

De acordo co establecido no artigo 10.10 do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, o nomeamento das persoas integrantes do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia será competencia da persoa titular da consellería con competencias en materia de educación, por proposta das organizacións, dos órganos, dos centros e das institucións a que pertenzan os seus membros, por un período de dous anos a partir da data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e renovable por dous máis. No caso de que un dos seus membros perda a súa representatividade será designada unha persoa substituta conforme o sinalado neste punto, e polo tempo que lle restaba no exercicio do cargo ao anterior.

A Orde do 16 de abril de 2015 pola que se nomean os membros do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia estableceu a composición do dito órgano. A disposición adicional única desta orde establece que, no caso de persoas representantes das confederacións de pais e nais de alumnado de centros públicos, ao non existir unha proposta conxunta das ditas confederacións, o nomeamento será por un ano e terá carácter rotatorio.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único. Representante das asociacións de pais e nais de centros públicos

1. Dispor o cesamento como membro do Pleno do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, de Lois Uxío Taboada Arribe, representante das confederacións de asociacións de pais e nais de centros públicos.

2. Nomear membro do Pleno do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, a Bertila Fernández Pérez, representante das confederacións de asociacións de pais e nais de centros públicos, polo tempo que resta no exercicio do cargo.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria