Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 23 de maio de 2016 Páx. 19709

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 6 de maio de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2016, 2017, 2018 e 2019.

O Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, establece no artigo 1.3.d) que a protección da maternidade é unha necesidade social e que todas as cargas e coidados que supón, a gravidez, o parto, a crianza, a socialización das fillas e fillos deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, a fin de non constituír discriminación gravosa para as mulleres.

Neste sentido, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

O Plan de dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020, recolle como un dos seus obxectivos estratéxicos o de ampliar e consolidar as medidas para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, e unha das súas medidas prioritarias constitúena a promoción e a diversificación dos servizos de atención á infancia.

A atención das necesidades de conciliación das familias galegas é igualmente unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa posto en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de dar unha resposta global ás necesidades das nais e dos pais galegos de forma que se garanta o benestar das familias e estas sexan apoiadas dun xeito integral e continuo.

Por iso, e tendo en conta a experiencia doutros países europeos imitadas xa noutras comunidades autónomas, o goberno da Xunta de Galicia considera de interese potenciar un novo recurso inspirado na figura da assistante maternelle francesa ou childminder do Reino Unido, que atende, a miúdo no seu propio domicilio, grupos reducidos de nenos e nenas.

En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria diríxese a apoiar a posta en marcha de experiencias piloto nos núcleos rurais de Galicia que, por mor da súa escaseza de poboación, carecen de recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, coa finalidade de que as ditas experiencias piloto poidan garantir a futura posta en marcha eficiente de servizos de conciliación formalmente regulados baixo a denominación de casas niño.

Estes servizos, baixo a denominación de casas niño, proporcionarán atención a nenos e nenas en pequenos grupos, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade.

Con esta actuación aténdense as necesidades de conciliación das familias e favorécese a equidade no acceso aos servizos con independencia do lugar de residencia. Ao mesmo tempo póñense en valor cualificacións maiormente posuídas polas mulleres, o que favorece o seu acceso ao mercado laboral e a súa permanencia no territorio, e contribúe tanto a promocionar a igualdade entre mulleres e homes como a frear o declive demográfico.

Por outra banda, impulsarase e apoiarase a prestación destes servizos de atención á infancia mediante fórmulas de autoemprego e de economía social, que teñen demostrado ser eficaces para a dinamización económica local e, consecuentemente, para a fixación de poboación ao territorio.

Con esta estratexia preténdese crear oportunidades vitais para reter e atraer poboación nova ao rural galego e fomentar o reequilibrio territorial, aspectos ambos os dous especialmente importantes en territorios afectados polo declive demográfico, como as áreas rurais de Galicia, concretamente as de interior, onde a fixación de poboación se presenta como unha cuestión prioritaria e as oportunidades laborais como un piar de desenvolvemento.

En consecuencia, como un elemento máis de avance na corrección dos desequilibrios territoriais e demográficos que experimenta Galicia, a través desta orde prestarase especial atención a factores como a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación, para contribuír á revitalización demográfica e á cohesión territorial.

A xestión desta experiencia piloto realízase por convocatoria pública de axudas baixo o procedemento de concorrencia competitiva, amparado no réxime de axudas de minimis e financiado parcialmente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no programa operativo de Galicia 2014-2020, eixe prioritario10, prioridade de investimento 05, obxectivo específico 01.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, enmárcase no programa operativo Feder Galicia para o período 2014-2020, de conformidade co disposto no artigo 125.3 e) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, e no Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da Comunidade autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade.

Para os efectos desta orde considéranse núcleos rurais os concellos de menos de cinco mil habitantes e enténdese por recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade as escolas infantís 03 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 03 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 03 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 03 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro. Así mesmo, considerarase que existen estes recursos se están en construción ou previstos nun documento de planificación da Administración autonómica ou local.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para a posta en marcha do proxecto piloto de casas niño durante os anos 2016, 2017, 2018 e 2019.

Artigo 2. Características do proxecto piloto

1. A casa niño ofrecerá unha atención integral e personalizada a nenos e nenas en idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. A este respecto deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación co contorno e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.

2. Este proxecto piloto desenvolverase con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano, agás os días festivos, e un mes cada doce, no cal a casa niño permanecerá pechada por vacacións.

3. Salvo as excepcións contidas no punto anterior, o proxecto debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a titular no caso de enfermidade ou algunha situación de emerxencia.

4. A atención prestada comprenderá o servizo de cociña (quentar alimentos), a hixiene dos nenos e nenas e o desenvolvemento de actividades de tipo educativo, como obradoiros e xogos e acompañamento no xogo libre. En todo caso serán achegados polas familias tanto o leite e alimentos xa cociñados como o material de hixiene (cueiros, toalliñas, cremas etc).

5. As familias poderán levar os nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/a profesional que desenvolva o proxecto piloto. Tamén se pactará coas familias o mes, ou parte proporcional ao período de desenvolvemento do proxecto no suposto da anualidade 2016, en que a casa niño permanecerá pechada por vacacións.

6. Cada casa niño terá un máximo de cinco prazas e para os efectos desta orde as nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo suporán dúas prazas, sen que poida haber, en ningún caso, máis dun neno/a con estas necesidades por casa.

Os nenos e nenas que acudan á casa niño deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se sitúe ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade.

No suposto de que haxa unha demanda de prazas superior ás que se ofertan, circunstancia que deberá ser posta en coñecemento da Dirección Xeral e Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, a admisión efectuarase en primeiro lugar en función do empadroamento no concello e, de ser aínda necesario, segundo criterios de renda, de acordo co baremo e puntuación establecido no anexo VII.

7. Para acceder ao financiamento previsto é necesario que se atenda un mínimo de nenos/as que, na primeira anualidade de desenvolvemento do proxecto piloto se establece en tres, número mínimo que, por falta de demanda, poderá baixar a dous nas sucesivas anualidades, circunstancia que en todo caso deberá ser comunicada e debidamente xustificada á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Artigo 3. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dous millóns cincocentos oito mil douscentos corenta e cinco euros (2.508.245 €), distribuído en catro anualidades e que se imputará ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicación

Importe 2016

Importe 2017

Importe 2018

Importe 2019

Importe total

12.02.312B.770.0

450.000 €

450.000 €

12.02.312B.470.1

294.035 €

588.070 €

588.070 €

588.070 €

2.058.245 €

Total

744.035 €

588.070 €

588.070 €

588.070 €

2.508.245 €

2. A partida 12.02.312B.770.0 destinarase ao financiamento de gastos de investimento e estará cofinanciada ao 80 % con fondos do programa operativo de Galicia 2014-2020, eixe prioritario10, prioridade de investimento 05, obxectivo específico 01.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa niño as persoas físicas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión ou contar, cando menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a seguir, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:

– Técnico/a superior en educación infantil.

– Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.

– Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.

– Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.

– Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

b) Residir nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou telo feito con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.

c) Contar cunha vivenda nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispoñer dela con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto. A dita vivenda estará dotada cos seguintes recursos:

– Sistema de calefacción con protección dos elementos calefactores.

– Unha sala con iluminación e ventilación naturais e un mínimo de 4 metros cadrados por menor, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 03 anos.

– Unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene infantil e unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos.

– Elementos de protección: enchufes de seguridade con tapas protectoras, protectores de dedos nas portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta e protección contra incendios (extintor).

– Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos que incluirá, como mínimo: cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo. En todo caso o mobiliario deberá carecer de arestas (con protectores ou bordes romos) e os materiais empregados nas paredes e nos pisos deberán ser ignífugos, cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Nestes últimos deberá crearse unha superficie continua e antideslizante, axeitada para gatear.

d) Dispoñer dun plan de actuación cos nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.

e) Establecerse como empresaria/o autónoma/o ou constituír unha cooperativa de traballo asociado.

f) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta revisión médica deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto piloto.

2. O requisito establecido na letra a) do punto anterior deste artigo deberá cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. O resto dos requisitos previstos no punto anterior deste artigo deberán acreditarse no prazo de dous meses desde a recepción da resolución de concesión, ampliable a tres para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado. Todos os requisitos previstos no número 1 deberán manterse durante o período de permanencia da actividade. Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estaren constituídas, no momento de presentación da solicitude deberán ter iniciado os trámites para a súa constitución.

3. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

Artigo 5. Permanencia mínima da actividade empresarial subvencionada

O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será desde a data de posta en marcha do proxecto piloto ata o 31 de decembro de 2019. Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior allea á vontade da/o profesional ou cooperativa que o desenvolve ou a falta de demanda impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas no artigo 2.7.

Artigo 6. Accións e gastos subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as seguintes actuacións:

a) A reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de casa niño, así como o seu equipamento e dotación material nos termos previstos no artigo 4 desta orde.

b) A prestación da atención personalizada de nenos e nenas de 03 anos nas condicións previstas no artigo 2 desta orde.

2. Os gastos previstos na letra a) do punto 1 deste artigo para seren subvencionables deberán ser necesarios e corresponderse de maneira indubitada coa operación cofinanciada. Así mesmo, deberán estar pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto para a anualidade 2016 nesta base reguladora.

3. Os gastos previstos deberán ser especificados na solicitude, coa súa planificación por anualidades tendo en conta que os investimentos só serán elixibles en 2016.

4. De acordo co disposto no artigo 69.3 c) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, non se considera subvencionable o imposto sobre o valor engadido.

Artigo 7. Tipos de axuda e contías

1. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos elixibles, cun límite máximo global por casa niño de 15.000 euros.

2. A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andaina. Este importe minorarase proporcionalmente no ano 2016 en función dos meses efectivos de desenvolvemento.

Artigo 8. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. As axudas para gastos de investimento estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10, prioridade de investimento 10.05 e obxectivo específico 10.05.01, e están sometidas ao disposto no Regulamento UE 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006. Así mesmo, estas axudas ampáranse no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión. Por tanto, de recibir a persoa física ou xurídica outras axudas baixo o réxime de minimis deberase garantir que non se supera o límite de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 9. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, coas limitacións derivadas do artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que establece a incompatibilidade con axudas financiadas con fondos estruturais e de investimento europeos (EIE) a nivel de partida de gasto, para o caso das actuacións recollidas no artigo 6.1.a).

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento ou dos gastos de mantemento da actividade.

4. As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.

Artigo 10. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 11. Documentación

1. Con cada solicitude (anexo I) é obrigatoria a presentación da seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE da persoa física solicitante, no caso de non autorizar a súa consulta, ou NIF da persoa xurídica solicitante, segundo corresponda, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta, segundo se recolle no anexo I de solicitude.

b) Copia da documentación acreditativa de estar en posesión de calquera das titulacións, da formación ou da experiencia recollidas no artigo 4.1.a). No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto piloto.

c) Certificado médico oficial acreditativo do estado de saúde. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto piloto.

d) Memoria descritiva en que se recolla a localización xeográfica e o número potencial de nenas/os usuarias/os e se xustifique a súa necesidade e oportunidade, apoiada na análise da contorna e nos datos oficiais de poboación publicados polo IGE dos últimos tres anos.

e) Proposta pedagóxica básica asinada pola/s persoa/s que desenvolverá/n o proxecto piloto, que en todo caso, deberá abordar os seguintes contidos: período de adaptación, a alimentación, a hixiene, o descanso, hábitos de autonomía persoal (control de esfínteres etc.) e a programación xeral dunha xornada.

f) Descrición do equipamento e materiais que se empregarán no desenvolvemento do proxecto (características e composición).

g) Plano da vivenda acompañado de fotografías de todas as estancias coa proposta das adaptacións que se realizarán, de ser o caso.

h) Plan de actuación cos nenos/as ante unha emerxencia durante o desenvolvemento do proxecto piloto.

i) Orzamento desagregado dos gastos de investimento segundo o establecido no anexo III.

j) Certificación negativa do Rexistro central de delincuentes sexuais, só no caso de non autorizar a súa consulta.

k) Declaración de axudas en que consten expresamente as axudas de minimis solicitadas ou concedidas nos últimos 3 exercicios fiscais (anexo V).

l) Documentación acreditativa da inscrición ininterrompida na oficina de emprego como demandante de emprego durante 12 ou máis meses, de ser vítima de violencia de xénero ou do grao de discapacidade, de ser o caso, para os efectos da valoración dos criterios recollidos no artigo 15. A acreditación do grao de discapacidade, só no suposto de non autorizar a súa consulta.

Respecto da demanda de emprego, considerarase interrompida se se traballou durante un período acumulado de 90 ou máis días nos 365 anteriores á data de solicitude.

m) Xustificante de empadroamento da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado, no caso de que non autorizase expresamente a súa consulta.

n) Alta na Seguridade Social no réxime especial de autónomos no suposto de persoas físicas, só no caso de denegar expresamente a súa consulta, ou afiliación da entidade e de cada unha das súas persoas traballadoras na Seguridade Social no caso de cooperativas de traballo asociado.

ñ) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións públicas, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

o) Documentación acreditativa da dispoñibilidade da vivenda durante o período subvencionado (escritura de propiedade, contrato de arrendamento, documento de cesión etc.)

p) Plano da vivenda acompañado de fotografías de todas as estancias coas adaptacións realizadas.

q) Informe sobre a habitabilidade da vivenda dos servizos municipais correspondentes.

r) Datos de identificación da persoa que se encargará de substituír a responsable do desenvolvemento do proxecto piloto nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia, así como orixinal ou copia cotexada da documentación recollida no artigo 4.1.a).

s) Xustificante de ter contratada unha póliza de seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

2. A documentación prevista nas letras m) a s) do punto 1 deste artigo poderá presentarse ben no momento da solicitude co anexo I ben no prazo previsto no artigo 4.2 desta orde, xunto co anexo II.

3. A Consellería de Política Social reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 12. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar, neste caso, a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación, quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución. Non obstante o anterior, a presentación da documentación requirida fóra de prazo pero con carácter previo á recepción da notificación da resolución en que se teña por desistido/a supoñerá a admisión da documentación presentada.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e portal de Benestar (http://benestar.xunta.es/web/portal/portadadefamilia), a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, para aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria solicitarase un informe dos órganos competentes da Administración autonómica e máis do concello para comprobar que non existe neste ningún recurso de atención á infancia nos termos previstos no artigo 1.1 desta orde. Feita esta comprobación, as que cumpran este aspecto, serán remitidas á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 14.

7. Todas as solicitudes que acaden o limiar mínimo para obter a axuda serán obxecto de inspección por persoal da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social coa finalidade de comprobar que esta é adecuada para o desenvolvemento do proxecto nos termos que se recollen nesta orde. A inspección realizarase unha vez recibida toda a documentación prevista no artigo 4.

8. Os expedientes que, logo do trámite de emenda previsto no artigo 13.3, no caso de ser procedente, non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao arquivamento, sen posibilidade de emenda, das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

9. Nos supostos de resolución condicionada previstos no artigo 14.7 desta orde, unha vez transcorrido o prazo establecido no artigo 4.2 desde a súa notificación sen ter recibido a documentación pendente, ou se a recibida non acredita o cumprimento de todos os requisitos establecidos nesta convocatoria, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta de revogación da resolución de concesión.

Artigo 14. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez instruídos os expedientes, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación ou persoa en que delegue, que actuará como presidente/a; pola persoa titular do Servizo de Conciliación Familiar; pola persoa titular do Servizo de Planificación para o Impulso Demográfico e un/unha funcionario/a por proposta da persoa titular da presidencia, que actuará como secretario/a. A comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerce a presidencia, a que actúa como secretario/a e a metade dos restantes membros. Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a comisión de valoración non puider asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

2. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir das persoas solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

3. A avaliación realizarase segundo os últimos datos oficiais publicados polo IGE e do que resulte da documentación presentada coa solicitude ou obtida de oficio polo órgano instrutor. Nos casos de solicitudes con igualdade de puntuación, terase en conta, para os efectos de resolver o empate, a puntuación obtida criterio a criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados, comezando polo primeiro, ata que se produza o desempate; no caso de esgotarse os criterios e persistir o empate, a preferencia determinarase pola data de presentación da solicitude.

4. Unha vez avaliados os expedientes e determinada a axuda que corresponde a cada proxecto, a comisión fixará o limiar mínimo de puntuación necesario para acadar axuda, tendo en conta o crédito orzamentario e os topes xerais establecidos nestas bases, e presentará á persoa responsable do departamento a correspondente proposta de adxudicación. Este limiar mínimo será publicado no portal de Benestar.

5. No suposto de haber máis dunha solicitude relativa a un mesmo concello que acade o limiar mínimo de puntuación necesario para obter axuda, só se poderán incluír na proposta de concesión a/s solicitude/s con que se acade o número de casas niño necesario para dar cobertura, segundo os últimos datos oficiais publicados, á poboación infantil 03 do concello. Nestes casos, incluiranse na dita proposta a/s solicitude/s que obteñan maior puntuación, e no caso de empate aplicaranse os criterios previstos no punto 3 deste artigo.

6. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obter a axuda, especificando a puntuación que lles corresponde e o importe da concesión que se propón para cada unha delas.

7. Aquelas solicitudes ás cales falte documentación por tratarse da prevista no artigo 11.2 desta orde e/ou aquelas en que o informe da inspección da Consellería de Política Social determinase a existencia de deficiencias emendables, serán propostas para a súa resolución positiva condicionada á emenda das ditas deficiencias e/ou ao cumprimento de todos os requisitos recollidos no dito artigo no prazo establecido.

8. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre, ben por non terse enviado a documentación no prazo establecido nos supostos de resolución condicionada, ben por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución ata a fin do exercicio 2016 conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 15. Criterios de valoración

1. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliaraas cun máximo de 120 puntos conforme os seguintes criterios:

a) Número de nacementos producidos durante os tres últimos anos no concello onde se prestará o servizo, ata 40 puntos coa seguinte desagregación:

– Ata 6 nenos/as: 20 puntos.

– Máis de 6 nenos/as: 40 puntos.

b) Número de núcleos de poboación do concello en que se establecerá a casa niño, ata 25 puntos coa seguinte desagregación:

– Entre 5 e 20: 15 puntos.

– Máis de 20: 25 puntos.

Para estes efectos, enténdese por núcleo de poboación o conxunto de polo menos dez edificacións, que están formando rúas, prazas e outras vías urbanas. O número de edificacións poderá ser inferior a 10, sempre que a poboación que as habita supere os 50 habitantes. Inclúense no núcleo aquelas edificacións que, estando illadas, distan menos de 200 metros dos límites exteriores do citado conxunto, ben que na determinación desta distancia se excluirán os terreos ocupados por instalacións industriais ou comerciais, parques, xardíns, zonas deportivas, cemiterios, aparcadoiros e outros, así como as canles ou ríos que poidan ser cruzados por pontes.

c) Número de mulleres do concello en que se establecerá a casa niño de idades comprendidas entre 16 e 45 anos, ata 25 puntos, coa seguinte desagregación:

– Ata 50 mulleres: 10 puntos.

– Entre 51 e 100 mulleres: 15 puntos.

– Máis de 100 mulleres: 25 puntos.

d) Índice de envellecemento da poboación do concello en que se establecerá a casa niño, ata 20 puntos, coa seguinte desagregación:

– Ata o 300 %: 5 puntos.

– Entre o 301 e 700 %: 15 puntos.

– Máis de 700 %: 20 puntos.

e) Contribución á integración laboral de persoas en situación de especial protección: paradas de longa duración, menores de 35 anos, maiores de 55 anos, con discapacidade igual ou superior ao 33 % sempre que esta sexa valorada como compatible co desempeño da actividade subvencionada polo órgano competente da Administración autonómica e mulleres vítimas de violencia de xénero, ata 10 puntos coa seguinte desagregación:

– Persoas paradas de longa duración: 2,5 puntos.

– Menores de 35 anos ou maiores de 55 anos: 2,5 puntos.

– Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %: 2,5 puntos.

– Mulleres vítimas de violencia de xénero: 2,5 puntos.

No caso de cooperativas de traballo asociado, esta situación deberá estar referida a calquera das persoa/s socias que desenvolvan o proxecto piloto, sen que sexa posible a acumulación de puntos por participar máis dunha persoa de cada grupo indicado.

Artigo 16. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a persoa beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para resolver será de cinco meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial da Consellería de Política Social publicarase con posterioridade unha relación en que constará a persoa beneficiaria, a contía e a finalidade da axuda, segundo indica o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

4. Na resolución de concesión, que será notificada ás persoas beneficiarias, estas serán informadas das condicións da axuda, de conformidade co establecido nos artigos 125.3.c) e d), 125.4.a) e 67.6 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no artigo 10 do Regulamento de execución (UE) nº 1011/2014 da Comisión, do 22 de setembro de 2014, e no anexo III do Regulamento delegado (UE) nº 480/2014 da Comisión, do 3 de marzo. De acordo cos preceptos citados, a resolución de concesión determinará as condicións da axuda e debe conter, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Que a axuda está cofinanciada co Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

b) Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda.

c) O plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que debe aplicarse para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

d) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das persoas beneficiarias na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

e) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberán cumprir nos termos previstos na sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

f) Obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

h) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase a persoa beneficiaria da data de comezo deste prazo.

i) Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

j) Igualmente, nos supostos de resolución condicionada recollerase expresamente esta circunstancia, indicando os requisitos de entre os recollidos no artigo 11.2 desta orde que deben cumprirse para que esta teña efectos e o prazo establecido para o seu cumprimento.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do ContenciosoAdministrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta for expresa, ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder e conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas perante a Comisión Europea, data esta que se comunicará á persoa beneficiaria.

c) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior ao establecido no artigo 5 desta orde, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención. Ademais, deberá garantirse a durabilidade dos investimentos financiados con fondos Feder nos termos previstos no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións realizados, a condición de subvencionados pola Consellería de Política Social e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

e) Levar un rexistro de persoas usuarias en soporte papel ou electrónico onde consten os datos de identidade dos nenos e nenas que se atenden e dos/as proxenitores/as, así como o día e o horario de atención e as autorizacións para a administración de medicamentos, de ser o caso.

f) Cumprir co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, respecto dos datos de carácter persoal que manexen no desenvolvemento do proxecto piloto.

g) Informar o público de que o servizo está financiado pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social) e polo Feder, así como dos obxectivos dos fondos. No lugar de prestación do servizo colocarase nun lugar destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 no cal aparezan os anagramas da Consellería de Política Social e do Feder.

h) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

i) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

j) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e polos servizos de inspección da Consellería de Política Social, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

k) Comunicar á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

l) Acreditar a realización de revisións médicas anuais co correspondente certificado médico oficial.

m) Contratar un seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

n) Poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica todas as situacións que dean lugar á substitución da persoa titular do servizo con anterioridade a que se produza, sempre que non sexa debida a unha situación imprevista, ou no prazo de dez días desde que se produza no resto dos casos. Nestes supostos deberase achegar a documentación xustificativa do contrato laboral e alta na Seguridade Social, así como o certificado médico oficial do estado de saúde da persoa substituta.

ñ) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deren como resultado que a solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, será requirida para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

o) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

p) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e da súa normativa de desenvolvemento.

As persoas beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. As persoas beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de xeito independente. Cada xustificación comprenderá as actuacións realizadas no ano en curso ata o 30 de novembro e presentarase con data límite do 5 de decembro da correspondente anualidade, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de cerramento do exercicio.

2. Con base no establecido no título III, artigo 48.3, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias con cada solicitude de pagamento (anexo IV) deberán presentar a seguinte documentación:

a) Rexistros mensuais de asistencia asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento do proxecto e mais polos/as pais/nais, titores/as ou gardadores/as legais dos nenos e nenas que acoden á casa niño (anexo VI).

Adicionalmente na xustificación final de cada anualidade presentarase a seguinte documentación:

b) Memoria de actuación onde consten todos as prestacións realizadas ás familias asinada pola persoa responsable delas.

c) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, capturas de pantalla ...) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

d) Se a persoa beneficiaria denega expresamente ao órgano xestor a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados pola entidade bancaria e asinados pola persoa representante da entidade bancaria autorizada para os ditos efectos.

3. Para xustificar na anualidade 2016 os gastos de investimento realizados presentaranse facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento de acordo co previsto no último parágrafo do punto 2 deste artigo.

Para os efectos desta orde, os gastos de investimento teñen que cumprir os seguintes requisitos: ser gastos da acción, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados e efectivamente pagados dentro do período establecido no artigo 6.2 desta orde.

4. No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de mora.

Artigo 21. Pagamento

1. Unha vez xustificada cada anualidade da subvención, o órgano instrutor, antes de proceder ao seu pagamento, requirirá da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social a verificación do cumprimento da actividade subvencionada.

2.1. Pagamento dos gastos de investimento.

Na anualidade 2016 as persoas beneficiarias percibirán un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención concedida para gastos de investimento en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión, ou do cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos supostos de concesión condicionada, aspecto que será comprobado polos servizos de inspección da Consellería de Política Social con carácter previo ao libramento de fondos. O importe restante que corresponda para completar o pagamento dos gastos de investimento realizados librarase logo da súa xustificación e da xustificación da prestación do servizo nas condicións exixidas nesta orde e da comprobación material destes aspectos.

2.2. Pagamento da prima polo desenvolvemento do proxecto.

2.2.1. As persoas beneficiarias percibirán un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención concedida correspondente á anualidade 2016 en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión, ou do cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos supostos de concesión condicionada, aspecto que será comprobado polos servizos de inspección da Consellería de Política Social con carácter previo ao libramento de fondos. O importe restante que corresponda para completar o pagamento da primeira anualidade librarase logo da xustificación polas persoas beneficiarias do desenvolvemento do proxecto piloto nas condicións exixidas nesta orde e da comprobación material destes aspectos.

2.2.2. Na anualidade 2017 e sucesivas, por solicitude da persoa beneficiaria, realizaranse pagamentos á conta da liquidación definitiva cuxo importe total non poderá superar o 90 % da contía anual da subvención concedida. En todo caso, deberá presentarse unha solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas en cada anualidade con data límite do 5 de decembro de cada unha delas.

3. Antes de proceder ao pagamento de cada liquidación final anual, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 22. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 19 desta orde e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o cal se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada, nos termos dispostos no artigo 5 e tendo en conta o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedirían.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. O incumprimento das obrigas establecidas nas letras b) e d) do artigo 19 desta orde dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe do 2 % da totalidade da axuda percibida.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES8220800300873110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 24. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e ás de comprobación e control obrigadas pola normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación son autorizados polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.es

Artigo 26. Publicidade e información

1. As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e do establecido no anexo XII, número 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013). En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren, o financiamento con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Para iso, no lugar onde se desenvolva o proxecto deberá figurar, nun lugar destacado e visible, un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 no cal aparezan os anagramas da Consellería de Política Social e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional en aplicación do disposto na normativa aplicable.

2. No portal de Benestar informarase das características do devandito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión. Cando a casa niño se publicite nun sitio da internet, as citadas referencias deberán realizarse en lugar visible na súa páxina de inicio; de facer uso de aplicacións informáticas, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación («axuda», «acerca de» ou similares); así mesmo, cando se elaboren materiais divulgativos da casa niño (cadernos, folletos, notas informativas) deberán constar na contraportada das devanditas publicacións as citadas referencias.

3. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, programa e crédito orzamentario, listaxe de beneficiarias, nome das operacións, contía de fondos públicos asignados a cada operación e finalidade da subvención, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 27. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS403C, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, nos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.es/guiadeprocedementos) ou do portal de Benestar http://benestar.xunta.es, dos teléfonos 012, 981 95 70 29, 981 54 56 66 , no enderezo electrónico demografiaeconciliacion@xunta.es, ou de xeito presencial.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o ditado de instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal de Benestar.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII
Baremo admisión casa niño

No suposto de que a demanda sexa superior á oferta, as prazas adxudicaranse segundo o que resulte da aplicación do seguinte baremo:

Situación económica

Renda per cápita mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:

– Inferior ao 30 % do IPREM +8 puntos

– Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM +7 puntos

– Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM +6 puntos

– Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM +5 puntos

– Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM +4 puntos

– Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM +3 puntos

– Do 150 % ao 200 % do IPREM +2 puntos

– Superior ao 200 % do IPREM +1 puntos

Enténdese por unidade familiar a formada polo pai, a nai e os fillos/as menores de 18 anos agás que teñan algunha discapacidade.

No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Enténdese por familia monoparental a formada por un único proxenitor/a con fillos/as menores de 18 anos ou maiores con algunha discapacidade, que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor/a non contribúa economicamente ao seu sustento.