Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 23 de maio de 2016 Páx. 19799

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se lle outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Celanova (expediente IN627A 2014/57-0).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 17.7.2014 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Celanova (Ourense).

Segundo consta no proxecto presentado, cuxo orzamento ascende a 718.457 €, as características básicas das instalacións son as seguintes:

• A subministración de gas natural farase cun módulo de regasificación de GNL (gas natural licuado), con depósito de almacenamento de 60 m3, que se instalará na parcela de referencia catastral 32025A06600030.

• A rede de distribución terá o seu inicio neste módulo, desde o cal partirá un eixe principal que posteriormente se dividirá en diferentes ramais de menor diámetro para cubrir axeitadamente a demanda de gas das diferentes áreas do núcleo urbano, para o cal se empregará tubaxe de polietileno.

• O nivel de presión que se adoptará elixirase tendo en conta parámetros como o tipo de consumo que se vai subministrar ou o número total de clientes potenciais.

Segundo. O 1.9.2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 24.9.2014 e, durante o prazo establecido (30 días), non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 14.4.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a distribución de gas natural en Celanova (expediente IN627A 2014/57-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 23.6.2015, no Boletín Oficial da provincia do 3.6.2015 e nos xornais La Voz de Galicia e La Región do 28.5.2015, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Celanova.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 17.4.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou unha separata técnica do citado proxecto de autorización administrativa presentado por Gas Galicia SDG, S.A. ao Concello de Celanova, pola súa condición de Administración con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

O 12.5.2015 o Concello de Celanova emitiu informe favorable, do cal se deu traslado ao promotor. Gas Galicia SDG, S.A. mostrou conformidade co devandito informe.

Quinto. O 26.8.2015 a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Emprego e Industria emitiu informe favorable sobre o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a distribución de gas natural en Celanova.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

• Outorgar a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Celanova (Ourense), con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde a notificación desta resolución, unha fianza por valor de 14.369,14 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de tres meses, contado a partir da notificación desta resolución, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar ante esta dirección xeral a aprobación do proxecto de execución, para o cal deberá presentar o proxecto detallado das instalacións e, se é o caso, as separatas técnicas correspondentes.

As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias aprobado polo Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, e as normas que os formalizan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. A autorización administrativa que se outorga afecta o termo municipal de Celanova, na provincia de Ourense, e recolle a gasificación do núcleo de poboación de Celanova de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Gas Galicia SDG, S.A., titulado «Proxecto de autorización administrativa de distribución de gas natural no termo municipal de Celanova (Ourense) - xullo 2014», e asinado pola enxeñeira industrial Isabel Fernández Romero (colexiada nº 16.707 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid).

Cuarta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Quinta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas