Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 12 de maio de 2016 Páx. 18193

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 6 de maio de 2016 pola que se modifica a Orde do 21 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN201G).

A Orde do 21 de marzo de 2016, publicada no Diario Oficial de Galicia número 69, do 12 de abril de 2016, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán, e procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN201G).

No artigo 2.4 da convocatoria establécese que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, rematando este prazo o 12 de maio.

Tendo en conta a celebración de feiras en datas posteriores á de remate do prazo de presentación de solicitudes, procede modificar o artigo 4 das bases reguladoras no sentido de incluír a documentación que, se é o caso, os organizadores e participantes deberán presentar só nos supostos de feiras que non teñan o prazo de inscrición aberto no prazo de presentación de solicitudes, así como a ampliación do prazo de presentación de solicitudes, previsto no artigo 2 da orde de convocatoria.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación da Orde do 21 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN201G).

A Orde do 21 de marzo de 2016 queda modificada como segue:

Un. O artigo 2.4 primeiro parágrafo da orde de convocatoria queda redactado como segue:

«1. O prazo para a presentación de solicitudes remata o día 31 de maio de 2016».

Dous. Engádese o número 9 no artigo 4.2 das bases reguladoras.

«2.9. Ás solicitudes de subvención para a participación ou a organización de feiras que ao remate do prazo de presentación de solicitudes aínda non teñan data de convocatoria ou de apertura do prazo de inscrición deberase xuntar a documentación seguinte:

Titulares de obradoiros artesáns e asociacións profesionais e empresariais de artesáns: poderase substituír a factura pro forma ou o orzamento detallado de gastos realizado polo provedor ou tarifa oficial de gasto así como a folla de solicitude de espazo da feira, por unha estimación de gastos en que se especifiquen os servizos que se van contratar, asinada pola persoa solicitante.

Concellos e asociacións profesionais e empresariais de artesáns que promovan a organización de feiras: a relación de expositores e de obradoiros artesáns que se presentará coa documentación entenderase referida á edición inmediatamente anterior.

En ambos os dous casos, con anterioridade á proposta de resolución de concesión da subvención requirirase a presentación da documentación a que fan referencia os puntos 2.4, 2.5 e 2.6 do presente artigo, nun prazo non superior a quince días (art. 20.4 e 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia)».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria