Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 6 de maio de 2016 Páx. 16961

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2016, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se dá publicidade á parte dispositiva da Sentenza do 11 de novembro de 2015, ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Quinta, do Tribunal Supremo.

Para xeral coñecemento, de conformidade co disposto nos artigos 72 e 104 e seguintes da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, faise público que a Sección Quinta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, con data do 11 de novembro de 2015, ditou sentenza no recurso de casación núm. 1824/2014, contra a sentenza pronunciada, con data do 20 de febreiro de 2014, pola Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no procedemento ordinario 4492/2008, interposto polo procurador Ramón Rodríguez Nogueira en nome e representación da sociedade Ciudad de la Pesca de Vigo, S.L. Esta sentenza, que é firme, na súa parte dispositiva literalmente di:

«1°. Que debemos declarar e declaramos que procede o recurso de casación nº 1824/2014, interposto polo procurador Ramón Rodríguez Nogueira, en nome e representación da entidade mercantil Ciudad de la Pesca de Vigo, S.L., contra a sentenza de 20 de febreiro de 2014, ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo (Sección Segunda) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no recurso contencioso-administrativo nº 4492/2008, sentenza que casamos e anulamos.

2°. Que, estimando o recurso contencioso-administrativo nº 4492/2008 interposto pola mencionada parte agora recorrente, debemos declarar e declaramos a nulidade de pleno dereito da Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte da Xunta de Galicia, do 16 de maio de 2008, pola que se aproba definitiva e parcialmente o Plan xeral de ordenación urbana de Vigo, así como a posterior orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 13 de xullo de 2009, que aprobou definitivamente o documento de cumprimento da citada orde canto ás cuestións que na primeira quedaron en suspenso, nulidade que comprende tamén a do propio Plan xeral de ordenación urbana de Vigo aprobado nelas.

3º. Non formulamos declaración expresa sobre condena ao pagamento das costas procesuais causadas na instancia, nin tampouco neste recurso de casación».

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2016

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo