Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 4 de maio de 2016 Páx. 16745

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ORDE do 18 de abril de 2016 pola que se acorda a adxudicación do procedemento de alleamento, mediante poxa pública, dun inmoble situado no concello de Ribadeo.

Mediante Orde da Consellería de Facenda do 30 de abril de 2015 foi autorizado o alleamento, mediante poxa, dun inmoble situado na avenida Rosalía de Castro no concello de Ribadeo.

Logo de publicarse no Diario Oficial de Galicia nº 41, do 1 de marzo de 2016, e nun xornal de ampla difusión (diario El Progreso do mesmo día), o anuncio da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio de alleamento en cuarta poxa do citado inmoble, tivo lugar o 6 de abril de 2016 a poxa pública anunciada, polo que, á vista das actas da mesa de contratación, de conformidade co disposto no artigo 70 do Decreto 50/1989, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e tras a proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio,

DISPOÑO:

Primeiro.

Aprobar a seguinte adxudicación a Emilio Rodríguez Sierra, en cuarta poxa, polo prezo de cincuenta e cinco mil cincocentos euros, do lote composto polos seguintes bens:

Predio urbano. Número once. Vivenda tipo D, sita á fronte e á dereita segundo se mira o edificio desde a súa fachada principal, en parte da segunda planta alta de vivendas do edificio sinalado co número 22 da avenida Rosalía de Castro da vila de Ribadeo. Destinada a vivenda e distribuída en diferentes cuartos e servizos; ocupa a superficie útil aproximada de 51,90 m2 e, mirando desde a rúa de en fronte, linda: pola fronte, coa avenida de Rosalía de Castro; á dereita, con Julio Pérez López e Anselmo López Rodríguez; ás costas, coas escaleiras e co patio de luces do edificio; e á esquerda, con vivenda tipo A de igual planta e casa e corredor distribuidor. Cunha cota de participación de dous enteiros e sesenta centésimas por cento. Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ribadeo ao predio 24688, folio 71, libro 321, tomo 720, inscrición terceira. Referencia catastral 8428001PJ5282N0011GB. Inclúe todas as súas pertenzas, accesións e anexos.

Predio urbano. Dúas cincuenta e seis avas partes indivisas do predio número dous da propiedade horizontal, soto un, o máis alto do edificio sinalado co número 22 da avenida Rosalía de Castro de Ribadeo. Está destinado a espazos para garaxe aparcadorio e sublocais. Ten unha superficie construída aproximada de 495 m2 e, mirando desde a avenida de en fronte, linda: fronte, subsolo da avenida de Rosalía de Castro; dereita, con Julio Pérez López e Anselmo López Rodríguez; costas, con Julio Ríos García; e esquerda, con casa número 24 de igual vía pública. Esta participación indivisa confire ao seu titular o desfrute vinculado e exclusivo da praza de garaxe nº 10, que se demarca con 2,55 metros de largo e 4,95 metros de longo, aproximadamente, coa superficie aproximada de 12,62 m2. Lindeiros: fronte, zona de acceso e manobra; fondo, praza de garaxe nº 7; esquerda, praza de garaxe nº 11; dereita, casa nº 24 de igual vía pública. Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ribadeo no predio 24679-7, folio 53, libro 328, tomo 732, inscrición segunda. Referencia catastral 8428001PJ5282N0002OF.

Segundo.

O pagamento do prezo de adxudicación efectuarase segundo o estipulado no artigo 70.3 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.

A venda formalizarase como corpo certo en escritura pública e serán por conta dos adquirentes os custos do seu outorgamento. Os tributos derivados da transmisión serán exixidos conforme o disposto na lexislación tributaria. Así mesmo, quedan a cargo do adxudicatario o pagamento dos custos dos anuncios que se producisen neste procedemento de alleamento.

Cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2016

O conselleiro de Facenda
P.D. (Orde do 9.1.2012; DOG nº 9, do 13 de xaneiro)
Mª del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda