Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2016 Páx. 15948

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol

EDICTO de notificación de sentenza e auto aclaratorio (MHC 1016/2015).

María del Carmen Fernández Matas, letrada da Administración de Xustiza do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol,

Anuncio:

No presente procedemento de modificación de medidas 1016/2015, seguido por instancia de Mary Cruz Seijo Blanco contra José Pinto Silva, foron ditados sentenza e auto aclaratorio, cuxos teores literais son os seguintes:

«Sentenza: 81/2016.

Ferrol, vinte e nove de marzo de dous mil dezaseis.

Ana Barral Picado, maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol, tendo visto os autos correspondentes ao xuízo de modificación de medidas definitivas promovidos por María Cruz Seijo Blanco, representada polo procurador Sr. Rodríguez Ramos e baixo a dirección letrada de Margarita Durán contra José Pinto Silva, en rebeldía procesual, nos cales foi parte o Ministerio Fiscal, dita esta sobre a base dos seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Ante este xulgado correspondeu por quenda a demanda promovida por María Cruz Seijo Blanco contra José Pinto Silva, na cal solicitaba a modificación de medidas definitivas fixadas en sentenza adoptada nos autos de garda, custodia e alimentos de fillo menor de idade que se seguiron ante este xulgado co número 597/2012 no senso de acordar a privación ao demandado da patria potestade respecto da menor.

Segundo. Admitida a trámite, deuse traslado á parte demandada e ao Ministerio Fiscal, foi José declarado en situación de rebeldía procesual e citáronse as partes á celebración de xuízo, no cal despois de practicada a proba proposta polo anterior ministerio se soliciltou a estimación da demanda.

Terceiro. Na tramitación deste xuízo observáronse as prescricións legais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O art. 91 do Código civil sinala que “nas sentenzas de nulidade, separación ou divorcio, ou en execución destas, o xuíz, na falta de acordo dos cónxuxes ou en caso de non aprobación deste, determinará conforme o establecido nos artigos seguintes as medidas que deban substituír as xa adoptadas con anterioridade en relación cos fillos, a vivenda familiar, as cargas do matrimonio, a liquidación do réxime económico e as cautelas ou garantías respectivas, establecendo as que procedan se para algún destes conceptos non se tiver adoptado ningunha” e no que á presente resolución atinxe que “estas medidas poderán ser modificadas cando se alteren substancialmente as circunstancias”.

O art. 775 da LAC sinala que “o Ministerio Fiscal, habendo fillos menores ou incapacitados e, en todo caso, os cónxuxes, poderán solicitar do tribunal a modificación das medidas convidas polos cónxuxes ou das adoptadas na falta de acordo, sempre que variasen substancialmente as circunstancias tidas en conta ao aprobalas ou acordalas.

A propia esencia das obrigas que se establecen nos procesos de familia, con efectos temporais duradeiros, leva o lexislador a facer unha previsión específica da cláusula rebus sic stantibus, permitindo a súa variación, após sentenza firme, cando se alteren substancialmente as circunstancias que se tiveron en conta no momento da súa adopción, sen que iso se poida traducir en posibilidade de revisar nun procedemento posterior o xa decidido no precedente nesta materia, salvo que se alterasen substancialmente as circunstancias que se tiveron en conta ao adoptarse esas medidas. Como sinala a sentenza, a posibilidade de reformular cuestións relativas ás medidas acordadas segundo o establecido no artigo 91 do Código civil (LEG 1889, 27 ) non permite facelo co mesmo fundamento: non pode pretenderse a modificación das pensións unha e outra vez sen un cambio de situación”.

A xurisprudencia é unánime neste punto e para que poida ter lugar a modificación de medidas xa vixentes é preciso que concorran os supostos de novidade, permanencia e substantividade. “Por todas, SAP A Coruña, sección 4, do 24 de febreiro de 2014, e tal e como di a STAP A Coruña do 12 de febreiro de 2014 desde a única perspectiva posible de análise da cuestión debatida, é o interese da menor de tal maneira que todas as medidas xudiciais que se poidan acordar deberán ter en conta o interese superior da menor, como dispón o art. 3.1 da Convención dos dereitos do neno adoptada pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas no 20.11.1989, así como a Lei 1/1996, do 15 de xaneiro, sobre protección xurídica do menor.

En todo caso, corresponde á demandante a carga de probar os feitos constitutivos da súa pretensión e, para o caso que nos ocupa, a novidade substantiva con visos de permanencia que aconsella a modificación pretendida.

Segundo. A partir da documental que consta nos autos e da propia declaración da demandante, queda aprobado en autos que o demandado fixo absoluta renuncia de todos e cada un dos deberes inherentes á patria potestade, tanto os puramente materiais como de asistencia moral ou afectiva: nin contribúe á alimentación ou sustento da menor, nin procurou o mínimo contacto con ela, a quen pura e simplemente non viu desde que contaba a nena con dous meses de idade, hai xa catro anos. Concorre pois a circunstancia establecida no art. 170 do CC.

Terceiro. Sobre a base do exposto e do propio dereito invocado, procede admitir integramente a demanda e acordar a privación da patria potestade de José Pinto respecto da menor Aroa Pinto Seijo, manténdose a obriga do demandado de contribuír á alimentación da nena nos termos fixados na sentenza cuxa modificación se pretende.

Cuarto. Non ten lugar a condena en custas (art. 394.1 in fine).

Vistos os anteriores preceptos legais e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido:

Que estimando integramente a demanda promovida por María Cruz Seijo Blanco, representada polo procurador Sr. Rodríguez Ramos e baixo a dirección letrada de Margarita Durán contra José Pinto Silva, en rebeldía procesual, nos cales é parte o Ministerio Fiscal, debo modificar a sentenza ditada nos autos de garda, custodia e alimentos seguidos ante este xulgado co número 597/2012, no sentido de privar o demandado da patria potestade respecto da menor Aroa Pinto Silva.

Non há lugar á condena en custas.

Notifíquese ás partes con advertencia de que non é firme e de que contra ela cabe recurso.

Así o acordo, mando e asino.

Publicación. A anterior sentenza foi lida e pulbicada pola xuíza que a subscribe celebrando audiencia pública no día da súa data. Dou fe».

«Auto.

Xuíza/maxistrada xuíza: Ana María Barral Picado.

Ferrol, cinco de abril de dous mil dezaseis.

Dada conta, o anterior escrito presentado polo procurador Rafael Rodríguez Ramos, en nome e representación de Mary Cruz Seijo Blanco, únase aos autos da súa razón.

Antecedentes de feito.

Primeiro. No presente procedemento foi ditada sentenza con data do 29 de marzo de 2016, que foi notificada ás partes litigantes.

Terceiro. A parte demandante solicitou a aclaración do nome da demandante e dos apelidos da súa filla.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 214.1 da LAC establece que os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero que si aclararán algún concepto escuro e rectificarán calquera erro material que padezan. As aclaracións poderán ser formuladas, segundo establece o número 2 do mesmo precepto, de oficio, polo tribunal ou letrado da Administración de xustiza, segundo corresponda, dentro dos dous días seguintes ao da publicación da resolución, ou a pedimento de parte ou do Ministerio Fiscal formulado dentro do mesmo prazo, e neste caso será resolta por quen tiver ditado a resolución de que se trate dentro dos tres días seguintes ao da presentación do escrito en que se solicite a aclaración.

Segundo. No presente caso a petición foi formulada dentro de prazo e considérase procedente acceder a ela.

Parte dispositiva.

Acordo:

Considerar a petición formulada pola parte demandante de aclarar a sentenza do 29 de marzo de 2016, ditada no presente procedemento, no senso que se indica:

– Onde consta “María Cruz Seijo Blanco”, debe dicir: “Mary Cruz Seijo Blanco”.

– Onde consta “Aroa Pinto Seijo”, debe dicir: “Aroa Seijo Pinto”.

Líbrese certificación desta resolución, que quedará unida a estas actuacións, e lévese o seu orixinal ao libro de resolucións definitivas.

Modo de impugnación: contra esta resolución non caberá recurso ningún, sen prexuízo dos recursos que procedan, se é o caso, contra a resolución a que se refire a solicitude de aclaración.

Así o manda e acorda S.Sª.; dou fe.

O/a maxistrado/a xuíz/a. O/a letrado/a da Administración de xustiza».

E encontrándose o demandado, José Pinto Silva, en paradoiro descoñecido, expídese este edicto co fin de que lle sirva de notificación en forma.

Ferrol, 5 de abril de 2016

A letrada da Administración de xustiza