Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 25 de abril de 2016 Páx. 15209

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 1 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención destinada a concellos de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, con destino a bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 303757.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Todos os concellos de Galicia que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura públicas integradas na Rede de bibliotecas de Galicia.

Segundo. Obxecto

Subvención destinada a concellos de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego (entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 1 de outubro de 2016) en formato físico, con destino a bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 1 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención destinada a concellos de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, con destino a bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Cuarto. Importe

A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a un total de trescentos mil euros (300.000 €) que se determinará en función do número de habitantes do concello do seguinte xeito:

• Menos de 2.000 habitantes: máximo 500 €.

• De 2.001 a 5.000: máximo 1.000 €.

• De 5.001 a 10.000: máximo 1.500 €.

• De 10.001 a 20.000: máximo 2.000 €.

• De 20.001 a 30.000: máximo 2.500 €.

• De 30.001 a 50.000: máximo 3.000 €.

• Máis de 50.001: máximo 3.500 €.

Quinto. Xustificación

Segundo o artigo 18 da orde de convocatoria, o gasto realizado é o importe dos libros solicitados e recibidos entre a data de publicación da resolución da concesión da subvención e o 1 de outubro de 2016.

Se o concello presenta conta xustificativa debe presentar para a xustificación:

• Certificado do cumprimento do fin da subvención.

• Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

• Conta xustificativa da recepción do material.

• Certificado das axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto desta subvención.

Se o concello non presenta conta xustificativa debe presentar para a súa xustificación:

• Factura dos libros recibidos e copia dos albarás de recepción.

• Comunicación de cesión de dereitos de cobramento a cada editorial polo importe da subvención.

• Certificación da persoa que exerza a función de secretaría ou secretaría/intervención dos fondos bibliográficos recibidos.

• Certificado das axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto desta subvención.

• Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo que teñen os concellos para presentar as solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do estracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria