Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 25 de abril de 2016 Páx. 15188

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 1 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención destinada a concellos de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, con destino a bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32, que corresponde ao goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asume as competencias que a facultan para a dirección e coordinación das atribucións da consellería en materia de promoción do libro e da lectura, así como nas materias de bibliotecas e arquivos. Así mesmo, compételle a xestión administrativa e a organización de axudas e instrumentos de colaboración coas corporacións locais en materia de bibliotecas.

En execución das competencias citadas ditouse a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia, que establece, no seu artigo 20.3, a obriga da Xunta de Galicia de contribuír ao fomento do libro galego con medidas que potencien a produción editorial e a súa disposición.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no seu artigo 16.3, establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, escolares e de centros universitarios, os produtos editoriais galegos segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con responsabilidades profesionais destes centros de lectura pública.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria veu desenvolvendo en exercicios anteriores un sistema de adquisición de novidades editoriais en lingua galega con destino ás bibliotecas públicas de Galicia que, coa experiencia dos anos, se observou que era susceptible de mellora, no que atinxe á rapidez da subministración das novidades editoriais en lingua galega ás bibliotecas, á atención das necesidades e á mellora en xeral do servizo.

O novo sistema que se pon en marcha permite que as bibliotecas públicas teñan ao dispor dos seus usuarios e usuarias as novidades editoriais en galego no momento da súa entrada do mercado mediante un proceso de compra centralizada de cada libro a cargo da Secretaría Xeral de Cultura en función da demanda de cada concello con biblioteca pública que cumpra os requisitos establecidos. Unha vez adxudicada a subvención en libros por un valor económico que se establece segundo os parámetros da poboación á que atende cada servizo bibliotecario público municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica na que incorporarán as súas novidades editoriais todas as empresas editoras que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado desde a editorial a cada solicitante.

Este novo procedemento permite a achega de libros impresos adquiridos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa única finalidade de seren incorporados ás coleccións bibliotecarias da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, a título gratuíto e a fondo perdido.

A Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, xunto co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas súas entidades dependentes, abundan na necesidade da actuación obxecto desta orde. Isto implica que a adquisición das novidades editoriais en lingua galega e formato físico se fará a través dunha plataforma electrónica que facilitará a rapidez da subministración do material bibliográfico.

As bases reguladoras da concesión de subvención previstas nesta orde establecen un procedemento de concesión que ten a consideración de concorrencia non competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e o obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que será realizada pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, conforme o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo como único criterio para a repartición dos fondos a poboación a que debe atender o servizo bibliotecario.

Pola súa vez, debido a que esta orde vai regular este novo sistema, e para que non quede desatendido en canto á adquisición de novidades editoriais en lingua galega o período 2015, a regulación desta orde abrangue, ademais das novidades editoriais que se produzan durante o ano 2016, as rexistradas durante o ano 2015.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras da concesión dunha subvención anual aos concellos de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego e en formato físico, con destino a bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia. Os fondos bibliográficos deberán ser editados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2015 e o 1 de xaneiro e o 1 de outubro de 2016.

A súa finalidade é de interese público: o fomento e edición de libros publicados en galego, así como a promoción da lectura e a mellora das coleccións e dos servizos bibliotecarios, por ser a Rede de bibliotecas públicas a destinataria dos exemplares.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

d) Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

e) Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

f) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E, supletoriamente:

g) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

h) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

i) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Procedemento de concesión das subvencións

O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase mediante o rateo do orzamento existente para a compra centralizada das novidades editoriais entre os solicitantes que cumpran as condicións establecidas, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Fondos bibliográficos obxecto de subvención

1. Os fondos bibliográficos obxecto de subvención deberán estar incorporados á plataforma electrónica novidadeseditoriais.xunta.gal, e ser seleccionados e recibidos por cada concello beneficiario.

2. Con cargo á subvención o número máximo de exemplares de cada título que poderá solicitar cada concello para cada unha das súas bibliotecas e/ou axencias de lectura municipal será de 3.

Artigo 6. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención todos os concellos de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Requisitos de participación

As bibliotecas públicas municipais receptoras dos fondos bibliográficos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar integrada na Rede de bibliotecas de Galicia ou ter solicitado a súa integración (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas).

b) Ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais.

c) Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2014 e remitida á Secretaría Xeral de Cultura.

d) Ter informatizada a súa xestión.

Artigo 8. Axudas

A contía do importe dos fondos bibliográficos a que poderá acceder cada beneficiario determinarase en función do número de habitantes de cada concello solicitante, segundo as cifras oficiais de poboación correspondentes ao ano 2014 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:

– Menos de 2.000 habitantes: recibirán libros por un importe máximo de 500 €.

– De 2.001 a 5.000: recibirán libros por un importe máximo de 1.000 €.

– De 5.001 a 10.000: recibirán libros por un importe máximo de 1.500 €.

– De 10.001 a 20.000: recibirán libros por un importe máximo de 2.000 €.

– De 20.001 a 30.000: recibirán libros por un importe máximo de 2.500 €.

– De 30.001 a 50.000: recibirán libros por un importe máximo de 3.000 €.

– Máis de 50.001: recibirán libros por un importe máximo de 3.500 €.

O cálculo do bono co importe máximo en libros que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible para a adquisición dos fondos sobre o total de subvención que se vai conceder segundo a táboa anterior (sumatorio do número de concellos por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A devandita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.

Non obstante, poderanse superar as cantidades máximas a que se refire este artigo se unha vez repartido o crédito inicial existisen remanentes. Neste caso, o órgano instrutor poderá distribuír proporcionalmente a cantidade dispoñible entre as solicitudes correctamente recibidas que non alcanzasen o importe máximo da axuda. Se nesa repartición todos os solicitantes acadasen esa contía máxima a que se refire o parágrafo primeiro deste artigo, a cantidade restante ratearase entre todos os beneficiarios.

Estas subvencións asignadas a cada concello son compatibles con outras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para a dotación das súas coleccións bibliográficas e documentais, sempre que a suma non supere o importe total do investimento realizado para este fin.

Artigo 9. Imputación orzamentaria e contía

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.760.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, por un importe de 300.000 euros.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

1. Os concellos que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude (anexo I) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que ten que presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación.

Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á «Carpeta do cidadán» da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. Á solicitude xuntaráselle a documentación que a seguir se relaciona:

a) Certificado expedido polo/a secretario/a ou interventor/a do concello da media semanal de horas de apertura ao público da biblioteca ou bibliotecas e/ou axencias de lectura.

b) Copia do certificado da remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral do exercicio 2014.

c) No caso de que a axencia de lectura ou biblioteca municipal non estean integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, copia da solicitude de integración (segundo o modelo do anexo IV do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro).

Artigo 11. Emenda de solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución do procedemento e selección das solicitudes

1. Corresponde á Secretaría Xeral de Cultura a instrución do procedemento de subvención e desenvolver de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

2. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselle unha cantidade final que se concretará no importe dos libros que recibirán. Esta cantidade será a resultante da repartición da cantidade total entre a totalidade das solicitudes correctamente recibidas, segundo o criterio establecido no artigo 4.

Realizada a repartición, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución ao secretario xeral de Cultura quen resolverá por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 13. Resolución

O secretario xeral de Cultura, por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución do/da titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de concellos beneficiarios e as cantidades concedidas e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, farase pública no portal da Rede de bibliotecas de Galicia (www.rbgalicia.xunta.es) e na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Artigo 14. Notificación e desestimación

O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo ao vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.

Artigo 15. Aceptación e procedemento de incorporación das novidades editoriais ás bibliotecas

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez (10) días hábiles para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante do beneficiario.

2. Unha vez asignado o importe máximo do valor dos libros de que se van dotar as bibliotecas municipais, cada concello, a través dun só representante para as súas bibliotecas e/ou axencias de lectura, xa designado na solicitude (anexo I), seleccionará e solicitará os títulos e o número de exemplares de cada un entre os incorporados á plataforma electrónica de adquisición de novidades editoriais novidadeseditoriais.xunta.gal, ata límite do valor económico en libros que teña adxudicado na resolución definitiva desta convocatoria.

3. No prazo comprendido desde a notificación da resolución da subvención ata o 1 de outubro de 2016 e a través da plataforma realizaranse os pedidos a cada unha das editoriais titulares de cada libro seleccionado polo concello. Serán as editoriais as que se encargarán do envío dos libros a cada solicitante.

4. Non obstante o anterior, os beneficiarios desta subvención poderán adquirir libros da plataforma novidadeseditoriais.xunta.gal por importe superior á subvención concedida sempre que a diferenza de custo sexa asumida integramente por cada concello e se xustifique que se aboou o seu importe a cada editorial.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios quedarán obrigados a destinar os fondos bibliográficos recibidos para a súa incorporación á súa colección bibliográfica e a súa posta á disposición dos usuarios das súas bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá comprobar, cando o considere conveniente, a correcta execución das axudas.

3. Os beneficiarios quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Os beneficiarios deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 17. Cesións de crédito

O concello beneficiario cederá os dereitos de cobramento da subvención en favor de cada editorial á que lle solicite libros a través da plataforma novidadeseditoriais.xunta.gal .

O importe dos dereitos de cobramento debe coincidir coa suma do prezo dos libros subministrados.

Esta cesión realizarase mediante o modelo establecido como anexo II nesta convocatoria.

A Secretaría Xeral de Cultura será a encargada de aceptar as cesións de cobramento a cada editorial, unha vez que os concellos xustifiquen a subvención concedida segundo o establecido no artigo seguinte, e o propio secretaria xeral de Cultura declare o cumprimento.

A Intervención Delegada da consellería tomará razón de todas as cesións de crédito a que dea lugar esta convocatoria.

Artigo 18. Xustificación

1. Considerarase gasto realizado o importe dos libros solicitados e recibidos entre a data de publicación da resolución de concesión da subvención e o 1 de outubro de 2016.

2. Antes do 20 de outubro de 2016 se o concello presenta conta xustificativa, para a xustificación da recepción dos libros, deberase enviar ao órgano xestor desta subvención a seguinte documentación:

a) Certificación do cumprimento do fin da subvención na que se relacionen as cesións de dereitos de cobramento realizadas a cada editorial, anexo II.

b) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, sempre que transcorresen máis de 6 meses desde que se certificou o cumprimento desta obriga na solicitude.

c) Conta xustificativa, na que deben incluír, baixo responsabilidade do declarante, os xustificantes de recepción do material: relación de facturas emitidas polas editoriais, a relación de materiais recibidos, data da recepción e a editorial provedora, ou calquera outros documentos con validez xurídica que permita acreditar o cumprimento do obxecto da subvención pública.

d) Certificado de axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto desta subvención que, en cómputo global, non poderá superar o investimento realizado no período que se vai subvencionar (1 de xaneiro de 2015-1 de outubro de 2016).

3. Antes do 20 de outubro de 2016 de non presentar conta xustificativa, os concellos deberán presentar a seguinte documentación:

a) Facturas dos libros recibidos, copia dos albarás de recepción selados polo concello solicitante.

b) A comunicación de cesión do dereitos de cobramento a cada editorial polo importe da subvención correspondente aos libros entregados (anexo II).

c) Certificación da persoa que exerza as funcións de secretaría ou secretaría/intervención dos fondos bibliográficos recibidos e de que forman parte da colección da biblioteca, á que acompañará unha relación cos seguintes datos de cada libro: título, autor, editorial, número de exemplares recibidos e data de recepción.

d) Certificado de axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto desta subvención que, en cómputo global, non poderá superar o investimento realizado no período que se vai subvencionar (1 de xaneiro de 2015-1 de outubro de 2016).

e) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, sempre que transcorresen máis de 6 meses desde que se certificou o cumprimento desta obriga na solicitude.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito á subvención total ou parcial, segundo proceda, a exixencia da devolución dos libros recibidos a cada editorial, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto nos artigos 9 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

5. A documentación requirida na fase xustificativa tamén se poderá presentar electronicamente, accedendo ao expediente do presente procedemento na Carpeta do cidadán da entidade local que presentou a solicitude de inicio, https://sede.xunta.es/carpeta-do-cidadan, mediante o formulario normalizado habilitado para o efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es .

A devandita documentación deberá presentarse electronicamente na Carpeta do cidadán utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 19. Pagamento

A Secretaría Xeral de Cultura será a encargada de tramitar o pagamento ás editoriais que entregaron os libros solicitados polos beneficiarios, unha vez realizada a xustificación nos termos establecidos no artigo anterior e resolto o cumprimento da finalidade da subvención.

Artigo 20. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa o/a interesado/a poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 21. Publicidade

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as cantidades asignadas correspondentes ao importe da dotación de libros con expresión da convocatoria e o beneficiario, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe dos libros concedidos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. As entidades solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios, creado polo artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde.

4. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 22. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A presentación da solicitude de concesión da subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe en libros concedido. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 23. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Novidades editoriais» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral de Cultura. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Subdirección Xeral de Bibliotecas, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, Cidade da Cultura, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico: sxc-subdireccion-bibliotecas.cceou@xunta.es .

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file