Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2016 Páx. 14981

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural como monumento do Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal, na parroquia de Noalla do concello de Sanxenxo (Pontevedra).

O Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal, na parroquia de Santo Estevo de Noalla do concello de Sanxenxo (Pontevedra), é un singular pazo que exemplifica a relación dun edificio relevante co seu contorno, tanto nos aspectos da súa importancia histórica como na xeneralidade dos seus valores culturais, neste caso determinantes para configurar a idea propia dunha paisaxe e territorio do Salnés, o salinense, en que aparece xa citado este núcleo desde tempos moi antigos, tal e como o testemuña López Ferreiro: «San Estevo de Noalla era la verdadera tierra de las salinas, que dio nombre a aquella desde mediados del siglo X».

O Pazo de Quintáns preséntase no seu contexto como o lugar de referencia da antiga xurisdición da Lanzada, terra de vida e comercio desde o século VIII antes de Cristo, como evidencian as escavacións históricas e recentes do xacemento costeiro. Consérvanse neste pequeno conxunto homoxéneo o pazo, a capela, as construcións auxiliares e o hórreo; ademais dos espazos verdes: patios, praza frontal, xardín e horta murada, todos eles cunha configuración adquirida desde finais do século XVI como posible evolución da torre do Casal de Moldes e, no seu caso, herdeira da súa relevancia histórica.

A calidade formal e construtiva da edificación esténdese aos distintos elementos que a compoñen, non só á edificación residencial principal, e alcanza a súa plenitude e singularidade en espazos tan excepcionais como os miradoiros abertos no recinto murado da horta, o miradoiro na cornixa do xardín barroco ou a galería aberta ao vendaval, construción de boa calidade de distintas tipoloxías de cantaría e cachotaría que alcanzan factura singular no tratamento de esquinas e remates. A súa condición de privilexiada atalaia da paisaxe destaca no patín e na devandita galería de dezanove vans e douscentos cincuenta e cinco vidros, que actúan como malla de composición da perspectiva da baía da Toxa, do Monte Siradella e da Illa de Ons. Existen valores arquitectónicos e artísticos evidentes na calidade construtiva de cada parte que compón cada unha das súas pezas, ou da balconada que, presidida polo escudo da casa, organiza un ámbito pleno de barroquismo na conformación dun espazo de respecto ante a parte máis antiga do pazo, que se abre á vía pública, no que se singulariza a posición da pequena capela oratorio coroada por un cruceiro na súa cornixa e aberta cara o seu arredor, cunha presenza na vida tradicional do núcleo ata o seu abandono, portadora, polo tanto, de valores de carácter etnográfico propios.

O Pazo de Quintáns atesoura tamén os valores históricos asociados a unha das liñaxes de referencia da comarca, os Paadín, vasalos dos Soutomaior que, no século XV, contaban no lugar con pazo, hortas, casas, unha torre e escudeiros, e que, séculos máis tarde, promoven a construción da casa da Pedreira en Pontevedra, actual pazo de Mugartegui.

Atendendo a todo o que antecede, os valores do conxunto do pazo e os seus bens integrantes, así como a súa singular relación co territorio, coa paisaxe circundante e coa comunidade viva en que se localiza, o Pazo de Quintáns posúe valores culturais artísticos, históricos, arquitectónicos e etnográficos sobranceiros que aconsellan a súa declaración como ben de interese cultural, proposta que, en calquera caso, deberá ser sometida á consideración dos órganos asesores e consultivos en materia de patrimonio cultural, para que emitan o seu ditame en relación co carácter sobranceiro do seu valor e significación no conxunto do patrimonio cultural de Galicia.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) e, en virtude do que dispón o título I da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 214, do 8 de novembro) e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992).

Como consecuencia da solicitude do concello de Sanxenxo para que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural inicie os trámites para declarar ben de interese cultural o Pazo de Quintáns ou Pazo de Casal na parroquia de Santo Estevo de Noalla, no termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra), tendo en conta a documentación xustificativa completa achegada polo concello, todo o que antecede e o informe da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal, na parroquia de Noalla do concello de Sanxenxo (Pontevedra), descrito no anexo I desta resolución, segundo a delimitación proposta no anexo II, e proceder cos trámites para a súa declaración.

O expediente debe resolverse no prazo máximo de vinte meses, desde a data desta resolución. No caso de que non se acade a declaración no devandito prazo, producirase a caducidade do expediente se dentro dos sesenta días seguintes o Consello da Xunta non aproba o correspondente decreto de declaración ou se algunha persoa solicita o arquivamento das actuacións.

Segundo. Notificarlle esta resolución ao Concello de Sanxenxo, propietario e promotor da solicitude.

Terceiro. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita.

Quinto. Ordenar ao Servizo de Planeamento e Inventario que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que lla comunique ao Rexistro Xeral do Estado de Bens de Interese Cultural.

Sexto. Solicitar o informe da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Pontevedra, segundo establece o artigo 6 do Decreto 430/1991, do 30 de decembro, e dos órganos consultivos que se define no artigo 9.3 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, que deberán ser emitidos no prazo máximo de tres meses.

Sétimo. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, en concreto o recollido no capítulo I «Réxime de protección e conservación» do título II «Réxime xeral de protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia», e na sección primeira e nas subseccións primeira e segunda da sección segunda do capítulo II «Protección dos bens de interese cultural» do mesmo título, dado que se propón a súa protección como monumento, e que se resume no anexo III desta resolución, con eficacia desde o momento da notificación ás persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2016

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominacións: Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal.

2. Descrición:

a) Inmoble obxecto da declaración.

A edificación principal é unha construción en forma de «L» de dúas plantas, executada con muros de cantaría de granito, cun balcón ao sur e unha ampla galería ao norte, cara ás vistas do Grove. Ambas as plantas comunícanse mediante unha escaleira interior e outra exterior con miradoiro a través dun patín cunha balaustrada tallada en pedra. O pazo conta tamén, nas súas fachadas sur e leste, con dous escudos nobiliarios. A cuberta dispón de oito augas pola súa peculiar configuración, e unha grande cheminea labrada ao leste. O resultado da planta actual foi froito de sucesivas reformas nas cales se foron engadindo ás partes máis antigas novas pezas para espazos de transformación de produtos agrícolas e dependencias domésticas.

Aínda que non se coñecen nin atoparon, ata o de agora, evidencias da existencia dunha torre, as mencións ao Casal de Moldes e, sobre todo, as obras barrocas de finais do século XVII, apuntarían á preexistencia dun tipo de torre baixomedieval que, posiblemente, estaría situada no actual extremo sur da construción. Esta torre puido desaparecer debido ás intensas reconstrucións e ampliacións da casa durante época barroca. A súa substitución tería servido como punto de partida para a prolongación da casa cara ao norte, mediante as obras desenvolvidas durante o século XVII. Foi sobre todo a finais do XVII cando a edificación dun corpo principal do pazo, que igualaba a súa altura coa da suposta primitiva torre, puido facer que se perdese toda pegada en volume ou fábricas daquela preexistencia.

É viable supoñer que, a primeira etapa nas obras que alteraron a fisionomía da primitiva casa e torre que tería existido no Casal de Moldes, tivo lugar entre finais do século XVI a comezos do XVII, seguramente coincidindo coa fundación do morgado de Quintáns. Porén, pouco se pode afirmar do construído tanto nesta primeira fase, debido á maior envergadura e ambición da reforma, coma á reconstrución integral da casa emprendida a finais do século XVII a mellor documentada. Segundo a referencia achegada no Inventario Pazos e Torres da Provincia de Pontevedra, a principal remodelación da casa debeu efectuarse entre os anos 1694 a 1695. O volume da primitiva torre quedaría rebaixado e igualado en altura, pero tamén en fábricas, co corpo principal da ampliación barroca, dedicado a espazos de transformación e de habitación.

Outro elemento de interese sobre a reconstrución e ampliación promovida a finais do século XVII é a mención a un corredor situado cara ao vendaval, é dicir, poñente ou oeste, que debería corresponderse co balcón cuberto e orientado cara á praza aberta entre o antigo camiño, actual estrada, e o pazo.

Tras as obras de reedificación e ampliación, a entrada principal e orixinal da casa mantívose pola fachada lonxitudinal oeste, a que hoxe mira cara ao patio de labor e ás casas dos caseiros, que se engadiron con posterioridade. Nesa liña de fachada apréciase unha porta de grandes doelas, que podería corresponder coas realizadas a finais do XVII, que reforman o acceso principal ao interior do pazo que xa existía desde comezos do século XVII, aínda que tamén se pode tratar dunha porta construída na primeira metade do século XVII tras a primeira reforma da torre baixomedieval. Na capela hai unha réplica da portada de maior calidade artística. O formato da outra porta, aberta na fachada occidental, pertencería tamén ás obras de ampliación de finais do século XVII, neste caso cunha solución con lintel, de novo sen molduras.

Durante as mesmas obras barrocas de ampliación teríanse aberto as catro fiestras rectangulares e sen trabatel na parte alta do tramo central da fachada, tamén de gran sinxeleza e dispostas a intervalos irregulares. A primeira fiestra, que inicia esa serie de ocos da planta alta polo extremo suroeste, debía gardar simetría coa última en dirección norte; pero esta foi cegada en época posterior, quizais tras a última ampliación do pazo (finais do XIX a comezos do XX), debido a algún cambio na organización interior.

No primeiro espazo da planta baixa, cara ao extremo suroeste da casa, situaríase a primitiva escaleira principal, probablemente eliminada en reformas posteriores. A conservada hoxe ten un formato de dobre tiro. Esta é unha solución práctica, pero non propia nas edificacións dos pazos dos séculos XVII e XVIII.

Como resultado das obras de ampliación de finais destes séculos, completouse a cociña cos novos cuartos que prolongaron a casa cara ao norte, ata onde se situaría o lagar. Este localizaríase na peza que actualmente ocupa a escaleira, comunicando cara ao norte coa contigua, que tería servido como adega.

Baixo a solaina que mira ao xardín dispuxéronse dous ocos con lintel de certa amplitude, aínda que só un deles comunica hoxe en día co primeiro espazo interior no arranque suroeste do pazo.

En dirección ao suroeste, as obras de finais do XVII afectaron tamén a fachada curta do pazo cara á actual estrada. Esta fachada carece de ocos na planta baixa e organízase na principal, con dúas fiestras que flanquean o escudo central. Esta pedra de armas alusiva a Paadín e Valladares corresponderíase inequivocamente, polo seu formato e polo estilo das súas molduras, coas obras de finais do século XVII. Á mesma época debería corresponder o balcón sobre solado de pedra que avanza sobre a fachada, cuberto pola prolongación do tellado e apoiado sobre tres ménsulas curvas.

O balcón aparece hoxe pechado na súa fronte con táboas de madeira apoiadas en soportes metálicos. Non se conservan indicios de cal foi o peche orixinal, pero o máis probable é que contase tamén cos habituais balaústres e pasamáns de pedra, como os labrados para o balcón aberto que mira ao xardín. Os piares e antepeitos de pedra que cerran este balcón ou corredor polas esquinas mostran, polo menos no antepeito máis visible cara á esquina oeste, unha esquemática moldura derivada do barroco de placas compostelán, polo que habería que considerar a inclusión destas pezas de peche nunha intervención posterior, que dataría da primeira metade do século XVIII. A reforma deste balcón apunta a unha continuación das obras, ou ben a unha nova etapa construtiva a finais do século XVIII ou incluso no primeiro terzo do XIX, que se pode corresponder con outra probable ampliación da casa cara ao xardín.

O corpo lonxitudinal de finais do XVII completaríase coa parella de estancias que se engadiron polo lateral oriental, do lado do xardín. Unha delas foi usada como adega e a outra como posible espazo para unha nova cociña con lareira que, nos últimos tempos do pazo, se reformou para corte de gando. A esta mesma etapa, desde a primeira metade do XVIII, podería pertencer o muro que pecha o xardín desde a esquina sur do pazo ata enlazar coa capela.

A porta rectangular aberta para o paso cara ao xardín aparece decorada con ameas triangulares. Estas ameas repítense na porta que dá acceso ao patio de labor ao outro lado da fachada curta do suroeste, na zona máis tarde lousada como eira.

Desde finais do XVII ás primeiras décadas do XVIII podería situarse tamén a orixe do primeiro xardín do pazo. A disposición do balcón aberto ou solaina en orientación este e sueste parece deliberadamente pensada para gozar do sol, das vistas e da proximidade a esas plantacións vexetais con sentido estético, quizais ao principio aínda combinadas coas froiteiras do que en orixe debía ter sido unha primeira zona de horta anexa á casa.

Como nova etapa de obras, xa no século XIX, seguramente na segunda metade, teríase dado ao pazo a súa configuración practicamente definitiva. O patio diante da fachada principal ou occidental foi reformulado como un patio de labor ao construírse a liña de casas de caseiros. Incluso cara ao corpo de arranque do pazo, onde estaba o acceso á primitiva torre, pavimentouse o terreo con lousas de pedra para dispoñer dunha eira diante da entrada desde o camiño, agora tapiada.

Desde finais do XIX a comezos do XX debeuse prolongar novamente a casa cara ao norte, engadindo as dúas estancias que serven de segunda adega, máis estreita cá principal, e posible almacén de apeiros. De feito, o espesor do muro traseiro da segunda adega, moito máis estreito que o da peza anexa, podería indicar unha secuencia cronolóxica para ambas as obras: primeiro teríase feito o almacén, con acceso exterior desde o lado do xardín e, máis tarde, a segunda adega. Concluída esta ampliación debeuse de pechar o patio de labor por medio do muro que enlaza as casas dos caseiros coa esquina norte do pazo. Nesta entrada nova cara ao patio colocáronse, sobre o lintel do gran portalón, uns pináculos piramidais. Estes son moi diferentes, pola súa historicista interpretación, de modelos barrocos das rústicas ameas de aspecto medieval das outras portadas exteriores do pazo.

Tras concluír esta última ampliación, quizais xa a primeiros do século XX, foi posible ampliar os espazos domésticos do piso principal ao propoñer como zona de galería o extremo da casa que mira ao nordeste. Os postes de pedra e reixa metálica que pechan a praza dianteira foron incorporados na segunda metade do século XX.

b) Partes integrantes.

b.1. Escudos: nas fachadas sur e leste presentan dous escudos nobiliarios. A labra heráldica máis antiga do pazo é a que leva as armas de Paadín e Valladares, hoxe situada tras a balconada da fachada curta que mira ao suroeste. Esta combinación de armas coincide, ademais, co escusón central do escudo conservado na casa pontevedresa da Pedreira, actual pazo de Mugartegui, construído con posterioridade por outro descendente dos Paadín, xa no século XVIII. Outro escudo na solaina sur, de mediados do século XVIII, con seis partes iguais: 1º Tres faixas dos Parga; 2º Cinco follas de figueira en aspa; 3º Axadrezado de catro pezas de ouro e catro de goles; 4º Banda en diagonal engolada por cabezas de dragóns, dos Andrade ou Freire de Andrade; 5º torre de pedra, aclarada cunha espada á súa destra e posta en banda, dos Paadín; 6º Ponte sobre un río, sen castelo, variante dos Ponte ou Aponte.

b.2. Casa de caseiros: construción de planta baixa situada ao oeste, con muros de cachotaría de granito de diversas épocas, probablemente da segunda metade do século XIX, que posúe unha planta alongada que pecha o predio polo oeste. Esta construción, xunto co pazo e dous muros laterais, delimita un patio con eira.

b.3. Hórreo: o hórreo de cantaría (datado a inicios do século XX), que pecha o predio polo norte, ten unha lonxitude superior aos 16 metros, divididos en 7 vans. Ten dúas plantas co acceso pola baixa, comunicadas polo interior e ventilada a segunda a través de entaboados de madeira.

b.4. Capela da Quinta Angustia: a capela é unha pequena construción de cantaría, que se sitúa ao sur do pazo en relación co camiño. No seu interior hai un oratorio definido por bóveda pétrea de canón, hoxe en cantaría vista. Dentro dela encóntrase unha imaxe e un altar de pedra. No frontal obsérvase unha cruz de dobre face, singular pola súa labra. Esta pequena capela construíuse exenta e separada da casa, algo adiantada en dirección ao camiño. Presenta unha fábrica de cantaría na súa fachada con arco e paredes de cachotaría con esquinais de reforzo de cantaría nas tres fachadas restantes. A capela está hoxe en día unida coa casa por medio do tramo sur do muro de peche do xardín, pero a súa posición orixinal debeu de ser exenta.

Sobre o arco destaca a peza de clave decorada cunha voluta con molduras, sobre a que se labrou un Sagrado Corazón. Como remate sobresae un Cristo crucificado cunha Virxe na parte traseira do crucifixo. O interior cóbrese con bóveda de canón de cantaría e remata nun testeiro recto no que se sitúa a pena coa imaxe da Virxe da Quinta Angustia, labrada en pedra. A Virxe está representada co xesto de implorar xuntando as mans, das que pende un rosario e podería datarse, polos seus esquemáticos pregamentos, no segundo terzo do século XVII; polo tanto, sería anterior á obra da capela que a acolle.

b.5. Xardíns: as construcións rodéanse de xardíns e patios, con árbores ornamentais e froiteiras, así como sebes de buxo. O xardín principal conserva parte do trazado orixinal, coroado por unha traballada fonte ornamental e especies de interese.

O xardín actual mostra os restos dunha composición de céspede e flores con restos de tres cuarteiróns flanqueados por buxos para deixar camiños de paseo intermedios. O plan deste trazado debía consistir en crear unha composición simétrica e radial, repartida nunha serie de compartimentos ou cuarteiróns que rodearían a fonte. O tipo de deseño e as especies que se conservan apuntan a un trazado de xardín establecido a comezos do século XX. Nalgún momento, a partir de mediados do XX, encargouse a mesa de granito con bancos do mesmo material que se sitúa a un lado da fonte. Tamén un pedestal de granito sen a estatua, ou elemento que debía rematalo. Estes elementos inseríronse no xardín cando xa probablemente se perdese parte do trazado de cuarteiróns da composición de céspede orixinal, sobre todo no caso da mesa con bancos. As árbores froiteiras plantadas na segunda metade do século XX confirman esta eliminación do trazado de xardín ornamental para potenciar a caracterización do espazo como horta. No centro xeométrico do predio aparece a estrutura metálica dun espazo para cear que as fotos históricas descobren como cruzamento de paseos axiais.

b.6. Fonte: o principal elemento ornamental do xardín é a fonte labrada en pedra granítica. Esta fonte responde a unha tipoloxía derivada dos chafarices do século XVI, desenvolvida en Galicia sobre todo durante o século XVII. O primeiro tramo do fuste é similar ao que conserva a fonte do pazo de Trasouteiro, da mesma época. A cubeta lobulada e con máscaras tamén reproduce motivos decorativos similares. O remate con carnosas follas vexetais e florón remite, en cambio, a modelos xa pasados de moda en época barroca, pertencentes ao século XVI, como a fonte compostelá situada fronte ao colexio de San Clemente.

O vaso inferior circular e a súas sinxelas molduras rectas son discordantes coas características do resto de elementos, dado que esta parte inferior non pertence ao barroco. A combinación de solucións estilísticas diferentes e o pequeno formato da fonte poderían suxerir que se trata doutra realización historicista, encargada seguramente a comezos do século XX, copiando ou inspirándose en modelos dos séculos XVI ao XVII.

b.7. Muro de peche: a propiedade conta cunha gran extensión de terreo, delimitada ao leste por un muro de peche de tres metros de alto. Está executado en cachotaría de boa calidade e tensores metálicos nas esquinas. No muro ábrense tres portas e unha fiestra paisaxística de gran valor simbólico.

c) Delimitación da contorna afectada.

No referido á xustificación da delimitación proposta, o informe da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural recolle os argumentos legais en que se fundamentan as características xerais do contorno, e tamén pasa a relacionar os argumentos específicos ligados á súa posición e ás características dos predios, instalacións, infraestruturas e edificacións ao seu redor. O predio do Pazo de Quintáns aparece delimitado por traballados peches e por algunha das construcións que o integran. A parte edificada concéntrase ao noroeste da propiedade e rodéase de xardíns e patios. Complétase cunha grande extensión de terreo polo leste, limitada polo muro de tres metros de alto.

Os límites do monumento sinálase graficamente no anexo II do presente informe e coinciden coa parcela murada, deixando fóra do límite que se indica a parcela situada ao noroeste.

Para identificar o contorno de protección empréganse criterios de proximidade e visuais, posto que calquera modificación deste contorno inmediato pode ocasionar unha deterioración tanto nos seus valores propios coma nas condicións de apreciación do inmoble. Considérase axeitado establecer as medidas de protección tamén para a visión do conxunto desde fóra dos muros e o control das edificacións que o rodean desde o interior do predio, para propoñer unha delimitación que resulte axeitada.

Pola situación do inmoble dentro do límite do solo de núcleo rural será preciso incluír as parcelas edificadas, ou susceptibles de seren edificadas, máis próximas ao ben, para establecer as necesarias medidas de protección e conservación sobre posibles intervencións nas zonas máis inmediatas.

A súa situación elevada fai que a súa área de influencia se prolongue visualmente ata o mar da Lanzada e A Toxa, polo que procede estenderse cara ao oeste.

Tamén se considera preciso recoller neste contorno os bens con valor patrimonial, calquera que sexa a súa natureza, situados na súa proximidade. Neste senso, o contorno amplíase cara ao sueste, incluíndo a igrexa, a casa reitoral e o cruceiro de Santo Estevo de Noalla, inmobles relacionados no catálogo municipal e que, polo tanto, pertencen ao Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

Finalmente, os límites propostos esténdense cara ao norte e sur, demarcando unha área do territorio en que a maior parte do solo se clasificaría como rústico, en virtude do planeamento xeral. Estímase que as limitacións que se establecen para este tipo de solo son a primeira garantía para a preservación deste contorno e, en consecuencia, do inmoble nunhas axeitadas condicións de uso.

d) Relación de bens mobles e documentais.

Na capela ou oratorio sobresae a imaxe en pedra da Virxe da Quinta Angustia; peza datable no segundo terzo do século XVII, segundo J. M. García Iglesias, e que, polo tanto, podería ter unha orixe anterior á capela en que se localiza e a consideración de ben moble adscrito á súa localización.

Entre as pezas de mobiliario conservadas (algunhas deterioradas) no interior da casa, presentan interese histórico e etnográfico algúns mobles probablemente pertencentes ás etapas finais en que o pazo estivo habitado, entre finais do século XIX a comezos do XX. Entre estas pezas destacan un moble de recibidor na planta baixa (local 1), o cabeceiro e estrutura de cama de madeira tallada (planta baixa, sublocal 1), unha randeeira de madeira curvada e vimbia de finais do século XIX (planta alta, galería), unha cociña bilbaína ou unha estufa de fundición de finais do século XIX (planta alta, local previo ao balcón). Porén, ningún deles resulta senlleiro ou relevante para definir os valores do ben nin para ter a consideración de bens mobles adscritos ao inmoble, ben que se recomenda a súa custodia e conservación para evitar a deterioración e avaliar, nos proxectos de desenvolvemento futuro, a súa posible integración na posta en valor do pazo.

3. Datos históricos e artísticos.

a. Época: S. XVI - S. XVII; S. XVIII; S. XIX - S. XX.

b. Autores: descoñecidos.

c. Estilo: Barroco. Historicista.

4. Bibliografía.

A documentación e información recollida neste anexo se fundamenta principalmente nos textos e epígrafes recollidos na proposta incoación de BIC promovida polo Concello de Sanxenxo e elaborada pola consultoría Crecente Asociados no marco da redacción dun plan director do inmoble e os seus proxectos de desenvolvemento.

Os autores identificados son Juan Mario Crecente Maseda, Jesús Sánchez García, Silvia González Soutelo, Manuel Vilar Álvarez, Rubén Santiago Tojo, Eliska Farkova, Mónica Carballo Neira e Rubén Mosquera Carreira. Elaborada entre 2015 e 2016.

O resto de bibliografía e información documental relativa aos estudos realizados está recollida no expediente que sirve de fundamento e xustificación para esta incoación.

5. Estado de conservación.

Segundo se indica na documentación elaborada polo Concello de Sanxenxo e o contido do plan director do monumento que está a preparar, actualizado durante o ano 2016, o estado xeral de conservación en que se atopa o pazo non é o axeitado. O abandono prolongado derivou nun proceso de degradación material e estrutural e, como principal consecuencia, produciuse o colapso dalgunhas partes da cuberta e forxados.

Ao analizar o edificio e os diferentes detalles construtivos, sobre todo no relativo á estrutura portante e horizontal, obsérvanse numerosas intervencións en que, ao longo do tempo, se foron reparando parcialmente as diferentes patoloxías existentes nel, pero non se solucionou a orixe do problema, o que, sumado á falta de mantemento do edificio durante anos, derivou na situación actual de deterioración nalgún dos seus sistemas construtivos.

Da análise das fábricas, sinálase que o seu estado de conservación é, en xeral, bo. Porén, a desaparición da cuberta nalgunhas zonas fai que a humidade derivada das filtracións actúe negativamente sobre os muros. O estado das carpintarías exteriores é moi deficiente.

Verifícase que a etapa de abandono a que se someteu o edificio prexudicou especialmente as cubertas do conxunto, tanto no relativo ao sistema de cubrición coma á estrutura portante de madeira, resolta basicamente mediante tesoiras e estruturas trianguladas para a formación dos distintos faldróns. As dúas patoloxías máis xeneralizadas son o ataque ao sámago da madeira por parte de insectos xilófagos e a presenza de fungos nos apoios estruturais e nas zonas onde esta desapareceu.

Ademais dalgúns dos forxados orixinais de madeira colapsados, detectáronse falsos teitos e forxados do edificio afectados pola humidade, o que parece indicar que a maioría das estruturas intermedias que resolven os niveles interiores do edificio están completamente deterioradas pola acción da humidade procedente das filtracións.

Apréciase que as divisións interiores se encontran en mellores condicións que os forxados, aínda que ao estaren na súa maioría revestidas con recebos e lucidos, non é posible comprobar o seu estado real. É de supoñer que a presenza de humidades durante un tempo prolongado afectaría as estruturas internas de madeira.

Tamén se deterioraron ou desapareceron a práctica totalidade das carpintarías de madeira en portas, fiestras e outros elementos construtivos interiores.

En canto ás instalacións, constátase que houbo instalación de electricidade, fontanaría e salubridade que, nas condiciones actuais, se consideran en gran parte totalmente inservibles.

En resumo, o edificio ten un sistema de cuberta deteriorado que provocou a aparición de diferentes lesións vinculadas ao aumento relativo da humidade nos materiais que a soportaban e que, tras un tempo, acabaron colapsando e afectaron outras partes da edificación, estando os elementos da estrutura da cuberta con apreciables signos de esgotamento estrutural. En canto ás fábricas e malia as lesións observadas, está nun bo estado desde o punto de vista estrutural.

6. Uso.

O uso principal e histórico desta casa foi o de ser a casa principal dos Paadín, tamén o de espazo de lecer, habitación ou o de «granxa», ou instalación complexa agropecuaria, da que hoxe se conserva a parte principal nunha soa peza, de propiedade municipal.

Como usos pretéritos apuntados pola investigación podería establecerse o de control político e militar, que se pode corresponder coa torre medieval, ou casa forte do Casal de Moldes, hipóteses que será necesario fundamentar en ulteriores actuacións de restauración, conservación e investigación do conxunto.

Usos recentes do conxunto do pazo e do seu terreo son os de residencia ocasional e lugar de veraneo para a anterior familia propietaria, unha vez que prescinden do seu uso e propiedades vinculadas á agricultura.

Despois de que o Concello de Sanxenxo o adquirise, comezou a redactar un plan director e un proxecto de restauración para recuperar o edificio principal para usos públicos. Este plan director, logo dun estudo da edificación e dos seus diversos valores, aposta pola rehabilitación integral do conxunto e propón, como uso principal, o uso cultural expositivo para o edificio principal, locais de servizo veciñais na casa de caseiros e a apertura ao público dos xardíns, capela e terreo que, ademais, podería albergar eventos, todos eles compatibles cos valores culturais sinalados.

7. Localización.

Lugar de Quintáns, na parroquia de Santo Estevo de Noalla do termo municipal de Sanxenxo, da provincia de Pontevedra.

ANEXO II

Delimitación literal e gráfica

A definición do monumento propiamente dito corresponde co predio, construcións e instalacións do recinto murado do coñecido como Pazo de Quintáns, con referencia catastral 36051A028001070000FY e que se localiza no lugar de Quintáns núm. 2, en Noalla, parcela 107 do polígono 28, en Quintáns 36990 Sanxenxo (Pontevedra), con superficie de solo 8.510 m2 e de construcións 537 m2 sen división horizontal.

O contorno de protección proposto queda literalmente xeorreferenciado mediante a cita das parcelas catastrais, liña de ferrocarril e estradas ou camiños, polas que discorre a demarcación detallada graficamente na planimetría anexa. As parcelas identifícanse mediante dous grupos numéricos separados por unha barra que indican o polígono e parcela catastrais (polígono/parcela). A delimitación do contorno de protección proposto axústase aos seguintes puntos:

– «A» situado no extremo sueste do predio con referencia catastral 36051A028000430000FA (polígono 28, parcela 43), tamén identificada como parcela 28/43 e continúa polo límite sur das parcelas 28/42, 28/41 e 28/40, que quedan todas elas fóra do contorno que se vai definir, seguindo polo norte da parcela 28/94 ata chegar ao camiño a que dá fronte, indo por el cara ao sueste, limitando coas parcelas 28/6007, 28/6006, 28/6004 e 28/6005. Esta última dá fronte á estrada EP-9208, Sanxenxo (Pontevedra), en cuxo eixe se sitúa o punto «B».

– Do punto «B» baixa por esta vía cara ao sur, por diante da reitoral e da igrexa parroquial de Santo Estevo de Noalla.

– O punto «C» sitúase á altura da parcela 23/01, onde cambia de dirección cara ao oeste, incluíndo no perímetro a parcela do cruceiro da igrexa. O trazado discorre polo linde norte da parcela 23/290 (excluída do contorno) ata o punto «D».

– O punto «D» localizase na intersección do predio descrito coa 23/231 e un camiño que sube cara ao norte en dirección ao Pazo de Quintáns.

– O punto «E» está no extremo sueste da parcela 23/280, desde onde continúa cara ao leste incluíndo esta e a 23/273. Na esquina suroeste desta última represéntase o punto «F».

– Do punto «F» baixa en dirección sur polo lindeiro leste da parcela 23/271, uns 11,50 metros. A esta distancia sitúase a liña divisoria entre a parcela catastral 36051A023002710001GQ e a 36051A023002710000FM, correspondente esta última á superficie de terreo das subparcelas c e d, que quedan fóra do contorno de protección. Seguindo o mesmo criterio, continúa a delimitación entre as subparcelas a e b (incluída esta), correspondentes aos predios catastrais 36051A023002660000FT e 36051A023002660001GY. Seguindo a mesma dirección cara ao oeste, continúa polo linde da parcela 29/07 aproximadamente 55 m en perpendicular ao camiño.

– Neste punto «G» volve cara ao norte polo fondo das parcelas 29/09, 29/10, 29/04 e 29/03; desde o estremo noroeste desta atravesa outro dos camiños que levan ao pazo, ata a esquina suroeste da parcela 28/201.

– Desde este punto en que se sitúa «H», a delimitación sobe cara ao norte e logo cara ao leste polos límites desta parcela e prosegue pola 28/202. No encontro deste predio coa vía pública, prolóngase atravesando o camiño para situar o punto «I» na outra beira, tocando coa parcela 28/122.

– O punto «J» está no extremo do límite entre as parcelas 28/238 e 28/123. Desde o punto anterior, o perímetro amplíase cara ao noroeste para incluír as parcelas mencionadas e as 28/122, 28/121, 28/120, 28/119, 28/118 e 28/239.

– Desde esta intersección busca o extremo sur da parcela 28/67 (excluída do ámbito), desde o que discorre cara ao nordeste ata o punto «K», incluíndo os predios 28/116, 28/115, 28/114, 28/49 e 28/231.

– Desde o punto «K» localizado no extremo norte da parcela 28/231, baixa incluíndo a 28/50, 28/48 e 28/113, ata chegar ao punto «A» inicial.

missing image file

ANEXO III

Réxime de protección e salvagarda provisional

A incoación para declarar ben de interese cultural como monumento o Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal na parroquia de Noalla do concello de Sanxenxo (Pontevedra) determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 10.3 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co que se establece na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE).

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera cambio de uso que poida afectar o ben tamén deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (artigo 33 LPCG), da mesma forma que calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 37 a 39 LPCG). Entre outras consideracións, o réxime implica:

– Deber de conservación: os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre este ben están obrigados a conservalo, coidalo e protexelo debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrución ou deterioración (artigo 25 LPCG).

– Acceso: os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre o ben facilitaranlle o acceso, con fins de inspección, á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e o acceso dos investigadores, logo de solicitude motivada (artigo 26 LPCG).

– Visita pública: os propietarios, posuidores e demais titulares deberán facilitar a visita pública a estes nas condicións establecidas na normativa vixente. Para a súa concreción, durante a tramitación do expediente avaliaranse as condicións que resulten máis efectivas e compatibles cos seus valores e características indicadas nas observacións do anexo I desta resolución (artigo 26 LPCG e 13 LPHE).

– Transmisión: toda pretensión de alleamento ou venda que afecte o ben deberá ser notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar (artigo 27 LPCG e 38 LPHE).

– Expropiación: o incumprimento das obrigas de protección e conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente (artigo 31 LPCG).

– Desprazamento: un inmoble é inseparable do seu contorno e non se poderá proceder ao seu desprazamento agás que resulte imprescindible por causa de forza maior ou interese social, logo de informe favorable da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e co informe favorable de polo menos dúas das institucións consultivas previstas nesta lei (artigo 36 e 51 LPCG).

missing image file