Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2016 Páx. 14614

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 20 de abril de 2016 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nos centros dependentes desta consellería durante a folga convocada polas centrais sindicais, Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.), na empresa Limpiezas del Noroeste, S.A. (Linorsa), que comeza o día 22 de abril de 2016 e se estenderá desde a dita data con carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, sobre a prestación de servizos esenciais en caso de folga do persoal ao servizo da Administración autonómica (DOG núm. 116, do 20 de xuño) entre os cales se atopa a asistencia social.

O servizo público da asistencia social non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A empresa Limpiezas del Noroeste, S.A. (Linorsa), é a adxudicataria dos servizos de limpeza en diversos centros e unidades da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, na provincia de Lugo.

A convocatoria de folga foi presentada polas centrais sindicais, Confederación Intersindical Galega (CIG) a Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.) e terá lugar de xeito indefinido a partir do día 22 de abril de 2016, ás 7.00 horas e afectará todos os traballadores da empresa contratista que prestan os seus servizos nos referidos centros e unidades.

A paralización dos servizos de limpeza pode provocar nos centros e unidades afectados graves problemas de salubridade con consecuencias imprevisibles para poder garantir a prestación dos servizos públicos nos ditos centros se non se mantén o mínimo de actividade e se establecen os servizos esenciais para a comunidade, ao abeiro do Decreto 155/1988, do 9 de xuño.

Por iso, de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, oído o comité de folga,

RESOLVO:

Artigo 1

A convocatoria de folga que afecta os traballadores da empresa contratista Limpiezas del Noroeste, S.A. (Linorsa), que se iniciará ás 7.00 horas do vindeiro día 22 de abril de 2016 e que se estenderá desde a dita data con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen como anexo á orde.

Os servizos mínimos propostos son proporcionados tendo en conta o cadro de persoal atinxido pola folga.

Artigo 2

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio do persoal que deberá cubrir os distintos servizos, será realizada pola dirección da empresa Limpiezas del Noroeste, S.A. (Linorsa).

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

ANEXO

Centro de traballo da Consellería de Política Social

Total

Mínimo

Posto

Quenda

Residencia de Maiores As Gándaras

10

2

Limpadora

Mañá

2

Limpadora

Tarde

Centro de Atención a Persoas con Discapacidade-Sarria

7

1

Limpadora

Mañá

2

Limpadora

Tarde

Centro Sociocomunitario A Milagrosa de Lugo

2

1

Limpadora

Mañá (luns, mércores e venres)

Centro Sociocomunitario de Ribadeo

2

1

Limpadora

Mañá (luns, mércores e venres)

Centro Sociocomunitario de Mondoñedo

1

1

Limpadora

Mañá (luns, mércores e venres)

Residencia de Maiores de Burela

1

1

Limpadora

Mañá (luns, mércores e venres)

Sección Cualificación e Valoración de Discapacidades-Lugo

2

1

Limpadora

Tarde (luns, mércores e venres)

Casa da Xuventude de Chantada

1

1

Limpadora

Mañá (luns, mércores e venres)