Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 20 de abril de 2016 Páx. 14540

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 15 de marzo de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra,  polo que se dá publicidade ao acordo sobre o deslindamento parcial  realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común  de Amoedo e de Cepeda, do concello da Cañiza, respecto do linde común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra que, en sesión que tivo lugar o día 8 de febreiro de 2016, adoptou o seguinte acordo en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Amoedo e a comunidade de Cepeda, no concello da Cañiza, respecto do linde común dos seus montes.

Antecedentes feitos.

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm.140, do 23 de xullo) na súa disposición derradeira segunda modifica o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e elimina a obriga da Administración forestal de proceder ao deslindamento e sinalamento dos montes veciñais. Polo tanto, esta competencia corresponde ás comunidades propietarias, consonte os artigos 53 e 54 da Lei de montes de Galicia.

Segundo. Con data do 5.3.2015 a CMVMC de Amoedo comunica ao Xurado de MVMC de Pontevedra o acordo coa CMVMC de Cepeda no límite entre ambas as comunidades. A documentación que consta no expediente consonte o artigo 53 da Lei 7/2012 é: acto de conciliación no Xulgado de Paz de Pazos de Borbén, certificados de aprobación en asemblea xeral de ambas comunidades e cartografía dixital.

Terceiro. Con data do 8.6.2015, o xefe da sección de topografía informa, entre outras cuestións, o seguinte: «(...) Non existe afeccións en montes de utilidade pública. Na parroquia de Amoedo existiu o monte de utilidade pública nº 479-2º que non foi nin deslindado nin amolloado. Na parroquia de Cepeda existiu o monte de utilidade publica nº 479-1º que non foi nin deslindado nin amolloado. Respecto das afeccións sobre montes veciñais en man común cabe destacar o seguinte: segundo o Rexistro de Montes Veciñais de Pontevedra estas dúas comunidades están sen deslindar. Deslindan terreos non cualificados como monte veciñal (...)».

Cuarto. A descrición da liña poligonal que determina o deslindamento de mutuo acordo entre os montes veciñais en man común de Amoedo e Cepeda, realizado polo enxeñeiro operador Laura Nieto Zas, está formada polos seguintes puntos:

Punto 1: X: 536.844 Y: 4.680.640

Punto 2: X: 537.163 Y: 4.680.450

Punto 3: X: 535.951 Y: 4.681.210 

Por todo o exposto, emítese informe favorable sobre o deslindamento solicitado entre os montes veciñais en man común das comunidades de Amoedo e Cepeda sempre que se limite o deslindamento ás zonas estremeiras de terreos clasificados como montes veciñais en man común das comunidades de Amoedo e de Cepeda.

Consideracións xurídicas.

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula nos artigos 52 e 53 o procedemento de deslindamento entre os montes veciñais en man común e establece, entre outras, a obriga de publicar a resolución do xurado no Diario Oficial de Galicia.

Segunda. A documentación achegada polas comunidades e do informe técnico do Servizo de Montes desta xefatura territorial conclúese que a avinza entre a CMVMC de Amoedo e a CMVMC de Cepeda son congruentes coas respectivas resolucións de clasificación e cos lindes nelas descritos.

Vista a avinza presentada, a documentación achegada con esta e o informe técnico do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Pontevedra este xurado, en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar a avinza realizada entre a CMVMC de Amoedo e a CMVMC de Cepeda respecto do seu linde común nos termos indicados no antecedente de feito cuarto e segundo os planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 15 de marzo de 2016

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra