Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 19 de abril de 2016 Páx. 14376

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública da modificación puntual do Plan especial de reforma interior PERI-2 no ámbito da AEI-E, en Conxo de Arriba.

A Xunta de Goberno da cidade de Santiago de Compostela, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 11 de marzo de 2016, adoptou o seguinte acordo:

a) Aprobar inicialmente a modificación puntual do PERI-2 (Conxo de Arriba) no ámbito da AEI-E, segundo o proxecto presentado por Ríos Sánchez e Hijos Promociones, S.L., con data do 1 de marzo de 2016.

b) Someter o expediente a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais dos de maior difusión na provincia.

Simultaneamente, practicarase notificación persoal aos propietarios das parcelas afectadas, segundo figuren no Catastro, e publicarase anuncio no Boletín Oficial del Estado co fin de que sirva de notificación do edicto aos titulares que non puidesen ser citados persoalmente, ben por ser descoñecidos, ignorarse o seu paradoiro ou por non atoparse no seu domicilio.

c) Durante o trámite de información pública solicitarase o informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural sobre posibles afeccións á edificación catalogada sita no número 70 da rúa de Conxo de Arriba.

d) Como condición para a aprobación definitiva, deberase acreditar a aceptación dos propietarios que representen máis do 50 % da superficie da AEI-E.

A aprobación inicial determina automaticamente, por aplicación do disposto polo artigo 77.2 da LOUG, a suspensión do outorgamento das licenzas que poidan resultar incompatibles coa nova ordenación proposta no ámbito desta modificación, durante o prazo máximo de dous anos contado desde a aprobación inicial.

A documentación sometida a información pública comprenderá, ademais do proxecto de modificación inicialmente aprobado, o documento ambiental estratéxico presentado polo promotor con data do 13 de febreiro de 2015, a resolución do órgano ambiental pola cal se formula o Informe ambiental estratéxico e o resumo executivo exixido polo artigo 25.3 do Real decreto lexislativo 7/2015.

O que se publica co fin de que, durante o prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poderán consultar o expediente no Servizo de Planeamento e Xestión e formular as alegacións que xulguen oportunas. Na páxina web do Concello www.santiagodecompostela.gal poderase consultar a documentación que se somete a información pública.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2016

Martiño Noriega Sánchez
Alcalde