Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 19 de abril de 2016 Páx. 14153

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2016, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de oficial maior do Concello de Ourense, entre funcionarios con habilitación de carácter nacional.

De conformidade co disposto nos artigos 27 e 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e demais normativa concordante de aplicación, e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.e) da Lei do emprego público de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias,

DISPÓN:

Publicar as bases da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, entre funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, do posto de traballo de oficial maior do Concello de Ourense, que se xuntan como anexo a esta resolución, de acordo coas seguintes disposicións:

Primeira. O posto de traballo que se convoca poderá ser solicitado polos/as funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, pertencentes á subescala e categoría en que estea clasificado o posto.

Non poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as que se atopen nas situacións previstas nas letras a), b) e c) do artigo 18.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño.

Segunda. Os interesados dirixirán as súas solicitudes á corporación convocante dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación da presente resolución no Boletín Oficial del Estado e xuntarán á solicitude a documentación acreditativa de reunir os requisitos para o seu desempeño nos termos que figuran na convocatoria.

Terceira. Os aspirantes deberán suxeitarse ás bases da convocatoria publicadas neste diario oficial.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2016

José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración Local

ANEXO

Bases para o proceso selectivo dun oficial maior para o Concello de Ourense, polo sistema de libre designación, entre funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, categoría superior

1. Obxecto.

As presentes bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover o posto de oficial maior do Concello de Ourense, reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, categoría superior. O sistema de provisión será de libre designación no marco da excepcionalidade fixado no artigo 10 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

2. Corporación.

Concello de Ourense.

3. Denominación e clase do posto.

Oficial maior do Concello de Ourense, reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencentes á subescala de secretaría, categoría superior.

4. Características do posto.

4.1. O posto que se deberá prover está incluído na relación de postos de traballo do Concello de Ourense, publicada no BOP de Ourense do 10 de xaneiro de 2015.

4.2. O complemento de destino asignado ao posto é o correspondente ao nivel 30 e o seu sistema de provisión, o de libre designación.

4.3. O complemento específico anual fixado para o posto é de 40.492,80 euros brutos.

5. Requisitos para o seu desempeño.

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeñar o posto, no caso de ser nomeado:

1º. Estar integrado/a na subescala de secretaría, categoría superior. Non poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as que se encontren nas circunstancias establecidas nas letras a) e b) do artigo 28.2 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

2º. Acreditar o coñecemento do idioma galego mediante a presentación do certificado de lingua galega (Celga 4) o equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. Na súa falta, o interesado deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, que se valorará como «apto» ou «non apto», destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

6. Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse á Alcaldía dentro do prazo dos quince días naturais seguintes ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e deberá indicarse nelas, ademais do contido mínimo establecido no artigo 70.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o número de rexistro persoal, a situación administrativa en que se encontre o/a solicitante e o seu destino. A elas deberá axustarse a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base 5.

Xunto coas solicitudes, os/as aspirantes achegarán o seu curriculum vitae, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados e outros méritos que consideren oportuno pór de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa.

7. Nomeamento.

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Alcaldía procederá, no prazo dun mes, de ser o caso, tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a ditar resolución correspondente, que deberá ser motivada con referencia ao cumprimento dos requisitos, a observancia do procedemento e a competencia para o nomeamento de conformidade co establecido no artigo 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo. Dela dará conta ao Pleno da Corporación, así como traslado a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e á Dirección Xeral de Función Pública, para a anotación e publicación conxunta no Boletín Oficial del Estado.

En consideración co sistema de provisión, o nomeamento realizarao discrecionalmente a Alcaldía, en atención aos méritos achegados polos aspirantes. A convocatoria non poderá quedar deserta no caso de que exista un/unha aspirante que reúna os requisitos necesarios e exixidos.

8. Toma de posesión.

O prazo para a toma de posesión será de tres días hábiles tratándose de postos de traballo na mesma localidade ou dun mes en caso contrario. Os ditos prazos contarán a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse no prazo de tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do nomeamento no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co establecido no artigo 23 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo.

9. Impugnación.

Contra a presente resolución e cantos actos administrativos deriven dela os interesados poderán interpor o recurso potestativo de reposición, nos termos e prazos sinalados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo nos termos e prazos sinalados na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Flora Moure Iglesias, concelleira de Recursos Humanos.