Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 14 de abril de 2016 Páx. 13526

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2016, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, pola que se declara de interese galego a Fundación Educativa e Social Dignidade e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Educativa e Social Dignidade, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. Fernando Pérez Lozano, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Educativa e Social Dignidade foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo o 30 de outubro de 2015, ante o notario Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, co número de protocolo 2.692, pola Asociación Dignidad Lugo, que actúa representada polo seu presidente, Fernando Pérez Lozano.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

– A protección da infancia, menores, inmigrantes e terceira idade, de acordo co previsto na lexislación autonómica, estatal e internacional aplicable;

– A prevención no ámbito da drogadicción e da delincuencia xuvenil, de menores e mozos en xeral;

– Emprender centros, servizos e programas destinadas á atención, tratamento e reinserción de presos e exreclusos;

– Desenvolver centros, programas e pisos tutelados, orientados a conseguir unha maior participación da muller na sociedade, así como para procurar a atención e reinserción de mulleres en dificultade social;

– Promover a xestión e desenvolvemento de centros e programas destinados á atención e inserción lingüística e sociolaboral dos inmigrantes;

– Promover a igualdade nos ámbitos social e laboral entre o home e a muller;

– Promover a xestión e o desenvolvemento de centros e programas destinados á atención, tratamento, prevención e reinserción de drogodependentes e extoxicómanos;

– Emprender servizos e actuacións de cooperación para o desenvolvemento e a solidariedade en países en vías de desenvolvemento ou colaborar con organizacións dedicadas a estes servizos.

Cuarto. Na escritura de constitución consta a identidade do fundador, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio e ámbito de actuación, obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

Sexto. O padroado inicial da fundación está formado por Fernando Pérez Lozano como presidente, Marcos Zapata Figueiras como vicepresidente, Ana Isabel Pérez Lozano como secretaria e Rosa Ana Alvariño Méndez como vogal.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías na xuntanza do día 1 de febreiro de 2016 elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Educativa e Social Dignidade consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2016 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), clasificouse como de interese asistencial a Fundación Educativa e Social Dignidade, e adscribiuse á Consellería de Política Social para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, corresponde a esta Consellería de Política Social a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Educativa e Social Dignidade, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e despois do informe da adecuación e suficiencia da dotación e da idoneidade dos fins, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social, da Fundación Educativa e Social Dignidade, polo que:

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Educativa e Social Dignidade, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Educativa e Social Dignidade, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Política Social.

Contra esta resolución, pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Política Social, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2016

Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Política Social